FINA QUINTÁNS DEFENDERÁ DÚAS MOCIÓNS NO PLENO DE QUINTA FEIRA (XOVES) 29 DE NOVEMBRO

Sen clasificar Non hai comentarios

fina_quintans.JPG

Fina Quintáns

Fina Quintáns defenderá dúas mocións no Pleno Municipal de quinta feira (xoves) 29 do presente mes de Novembro. A Portavoz do Grupo Municipal do BNG de Oleiros ten tamén preparada para o Pleno Municipal desta semana unha serie de rogos e preguntas sobre diversos temas referidos ao noso concello.

A primeira das mocións que Fina Quintáns defenderá é unha Proposta de Creación dunha Comisión para o Debate dun Regulamento de Participación Cidadá que posibilite e abra espazos de representación da cidadanía ampliando a expresión da democracia no día a día, e non deixando dita expresión para apenas un día cada catro anos, pois desde o BNG consideramos imprescindíbel que estea garantida a posibilidade de participación da cidadanía nas decisións que lles afectan directamente. É preciso permitir a participación activa do tecido asociativo e da cidadanía en xeral na política municipal. Por iso Fina Quintáns defenderá a necesidade da aprobación dun Regulamento de Participación Cidadá (RPC) que permita aprofundarmos na democracia no día a día.

A segunda moción que Fina Quintáns defenderá no Pleno desta semana é unha Proposta de supresión do Organismo Autónomo Municipal de Cultura (OAMC). No BNG consideramos que o referido organismo foi creado para se axilizar e mellorar a xestión para os veciños e veciñas en diversas áreas, tales como Cultura, Deportes, Formación Ocupacional, Mocidade, etc., e véndomos que dito organismo non só non axiliza e mellora a xestión desas áreas, senón que, debido a unha modificación dos Estatutos do Organismo, o propio organismo iría en sentido contrario aos obxectivos para o cal foi creado, propomos a supresión do OAMC.

ANXO QUINTANA DEMANDOU ESTA MAÑÁ DO ESTADO 80 MILLÓNS DE EUROS PARA SE GARANTIR O SISTEMA GALEGO DE BENESTAR

Xeral Non hai comentarios

Anxo Quintana

UNHA DELEGACIÓN DO BNG DE OLEIROS PARTICIPOU NA XORNADA GALEGA DO BENESTAR CELEBRADA HOXE POLA MAÑÁ EN COMPOSTELA

 

Unha delegación do BNG de Oleiros presidida pola nosa portavoz local, Fina Quintáns, acudiu hoxe á Xornada sobre o Sistema do Benestar que so o título ‘Novas políticas sociais para a nosa nación’, foi celebrada en Santiago de Compostela esta mañá. A xornada, dirixida a membros da Executiva Nacional, Consello Nacional, responsábeis comarcais, cargos institucionais no Congreso, no Parlamento galego, nas deputacións provinciais e nos concellos, comezou por volta das 10:30 horas e finalizou após a intervención do Portavoz Nacional Anxo Quintana, quen comezou o seu discurso de clausura a iso das 13:30 horas. .
Na Xornada sobre o Sistema do Benestar, interviron María Xesús Lago, Secretaria Xeral do Benestar, e Lois Castrillo, Xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. A final da xornada, e antes da clausura, houbo espazo para o coloquio dos e das asistentes por volta das 12:00 horas. Salientou a participación na clausura da xornada do noso Portavoz Nacional e Vicepresidente do Governo Anxo Quintana, quen sinalou que dos 800 millóns de euros dos que o Estado dispón para dependencia, que serán repartidos entre o conxunto das comunidades autónomas, á Galiza correspóndelle o 10% dos referidos orzamentos. Anxo Quintana subliñou que o nacionalismo galego precisa da maior representación posíbel nas Cortes do Estado para conseguirmos que unha boa parte dese diñeiro veña ao noso país. Portanto, oitenta millóns de euros é a cifra que Anxo Quintana demanda do Estado no ano 2008 para asegurarmos o Sistema Galego de Benestar. O noso Portavoz Nacional e Vicepresidente do Goberno concienciou a militancia nacionalista sobre a necesidade de o bloque se implicar na gobernabilidade do Estado tras as eleccións xerais de 2008. Do contrario, a pervivencia dese Sistema Galego de Benestar estaría en risco, segundo asegurou Anxo Quintana. “No próximo ano, no ano 2008, o Estado vai repartir entre o conxunto de comunidades autónomas, 800 millóns de euros para aplicar o marco estatal relativo a dependencia. Galiza precisa de que o Bloque Nacionalista Galego participe na gobernabilidade do Estado porque precisamos de que dese montante global cando menos o 10% corresponda a Galiza, porque é de xustiza, porque o precisamos para que o Sistema Galego de Benestar poda chegar a todos os cidadáns e cidadás do país.” foron as súas palabras. Quintana quixo deixar claro tamén que desde o Goberno o BNG non se vai limitar a ser un mero transmisor das políticas sociais aprobadas polo Goberno español e que o Sistema Galego de Benestar é un modelo proprio e autónomo que non vai depender dos esquemas marcados desde fóra.