PRORROGAR OS ORZAMENTOS, UNHA TRISTE DECISIÓN

Sen clasificar Non hai comentarios

responsabilidade_215×267px.jpg

García Seoane anunciou que ten a intención de prorrogar os orzamentos deste ano caso de non acadar algún acordo con algunha das forzas políticas para poder levalos adiante. Unha triste decisión prorrogar por 3º ano consecutivo as contas do Concello, o que condena Oleiros a un letargo inversor e a unha parálise da actividade sendo un dos 12 primeiros concellos do país.

Triste e covarde decisión que evidencia o que o BNG leva denunciando desde o inicio desta lexislatura: incapacidade de negociación e de diálogo por parte do goberno, obstrucionismo irresponsábel por parte do PSOE e mais do PP, e 35.000 veciñas e veciños de Oleiros prexudicadas/os pola incompetencia deses tres grupos políticos.

Para non alongar máis unha situación tan patética desde o punto de vista político o grupo do goberno debera, en beneficio das/os veciñas/os de Oleiros, condicionar as contas municipais a unha moción de confianza para que se aproben unhas contas coas que ninguén está de acordo ou que o alcalde deixe gobernar a aqueles que lle impiden facelo. Quizais provocando unha situación de máxima tensión uns e mais os outros deberían xustificar os seus posicionamentos políticos, pois nestes momentos nin a Alternativa dos Veciños, nin PSOE-PP están amosando a suficiente responsabilidade nin valentía para poren por diante dos seus proprios intereses unha mínima gobernabilidade do Concello, xa que o que están a facer é contribuír a paralizar ao longo de tres anos o medre e o progreso dun concello que vai camiño de perder a súa vitalidade cultural, política e económica só pola ansia dos tres grupos citados de acadaren o control do goberno.

O BNG cando tivo responsabilidades asumiunas e, a costa de facer renuncias importantes, permitiu sempre a gobernabilidade do Concello de Oleiros e contribuíu coa súa posición á mellora deste concello, actitude que contrasta coa do resto de forzas políticas, máis interesadas en quitárense o pelello uns ás outras que en pensaren nos intereses da cidadanía á que representan.

No BNG sempre dixemos que é mellor un mal orzamento que ningún orzamento, xa que este é un instrumento necesario para a gobernabilidade. Parécenos especialmente irresponsábel a actitude do PSOE de Oleiros, que nin goberna podendo asumir responsabilidades, nin deixa gobernar desde a oposición, obstruíndo por sistema e sen argumentos convincentes todo tipo de iniciativas. O PSOE ten a chave da gobernabilidade en Oleiros e emprégaa para pechar as portas aos intereses xerais do concello. Alternativa dos Veciños, coa actitude belixerante, descualificadora e provocadora do seu alcalde, chegou a unha situación en que afundiu todas as pontes de entendemento coas forzas políticas e condenou un goberno en minoría a un illamento político de graves consecuencias para o noso concello. O Partido Popular de Oleiros, ao máis puro estilo zaplanista, dedícase a facer unha oposición próxima a postulados reaccionarios e absolutamente afastados de posicionamentos do proprio PP en numerosos concellos do país, insultando a nosa lingua e cultura e defendendo só sectores sociais privilexiados de Oleiros en detrimento do conxunto da cidadanía. Chegados a este punto só unha situación que derive nunha moción de confianza pode situar esas tres forzas políticas na obriga de daren pasos decididos nun sentido ou no outro, e, en conclusión, desatascar a actual situación.

AQUÍ CHEGAMOS: OU MAL ORZAMENTO OU NINGÚN ORZAMENTO

Sen clasificar Non hai comentarios

orzamentos_2008__.JPG

 Enfrontámonos estes días cunha nova polémica, esta vez os orzamentos do ano 2008, e digo ‘polémica’ porque xa estamos fartos de que calquera tema transcendente sexa en Oleiros un elemento de confrontación. O BNG sempre entendeu os orzamentos como o instrumento para a gobernabilidade do concello, e entendeu tamén que diante da posibilidade dunha maioría para levar adiante uns orzamentos do goberno, este debe ter a capacidade e a amplitude de miras suficiente para facer concesións e poder sacar adiante este documento orzamentario. O goberno local foi incapaz até o de agora de sacar adiante outros asuntos transcendentais para o futuro do concello, como o Plano Xeral, debido a unha actitude que lembra o “a Deus rogando e co mazo dando”. Resulta lamentábel que as dúas forzas en teoría máis próximas ideoloxicamente, como son Alternativa dos Veciños e PSOE, sexan incapaces de se entenderen nuns mínimos para conseguiren o grado de tranquilidade e estabilidade que calquera goberno precisa para oferecer aos cidadáns e cidadás un mínimo de progreso.

Máis unha vez, un goberno que entende o exercicio dun mandato en minoría como un dereito a impor os seus criterios, e unha oposición do PP e do PSOE que entenden a mesma como un NON permanente a todo con tal de afogaren o inquilino da alcaldía, conducen Oleiros á perda dun precioso tempo para non perdermos o ritmo de avance que teñen outros concellos.

O BNG non entende a política como unha arma para manter un permanente enfrontamento, senón como un instrumento para procurar solucións ás lexítimas demandas dos cidadáns e das cidadás. O BNG entende a política como diálogo e negociación, termos estes que parecen non estar no vocabulario do resto das forzas políticas en Oleiros, agás para a práctica da demagoxia e mais da xustificación de actitudes que en nada benefician as e os oleirenses. Non serán os veciños do concello de Oleiros os que atopen no BNG un problema para a gobernabilidade, mais tampouco atoparán en nós un aplauso para estas indesexábeis prácticas que a nada conducen.

OS RESULTADOS ELECTORAIS DO BNG EN OLEIROS SON SATISFACTORIOS

Sen clasificar Non hai comentarios

BNG de Oleiros

Valoro positivamente os resultados acadados polo BNG no noso concello, téndomos en conta o desfavorábel contexto político en que se desenvolveron as eleccións para o Parlamento e o Senado españois, en que Galiza concorría a través das 4 circunscricións electorais provinciais. A bipolarización do voto e mais o apoio recibido polo PSOE por parte de Alternativa dos Veciños non conseguiu desprazar o BNG, que segue a consolidar un espazo político proprio nas condicións máis adversas. Quero agradecer tamén aos case 2000 votantes do BNG o seu apoio e quero subliñar que a situación política lograda polo BNG a nível do Estado español convida a continuar traballándomos por Oleiros e en toda a Galiza para seguirmos a facer do BNG o verdadeiro instrumento que ten o pobo galego para colocar Galiza no mapa, independentemente das pretensións dos grupos estatais que pretenden calar a verdadeira voz das galegas e dos galegos. O panorama que reflecten os resultados en Oleiros non varía desde as pasadas eleccións de 2004, constatándomos que o PSOE é o grupo con maior descenso percentual, malia ser a forza máis votada. Estas eleccións, embora non sexan extrapolábeis a ningunha outra diferente, reflecten, porén, que o PP segue sen posibilidades de se converter nun futuro en forza de goberno en Oleiros.

CONDENARMOS A BARBARIE

Sen clasificar Non hai comentarios

CONDENARMOS A BARBARIE MEDIANTE A EXPRESIÓN DA NOSA VONTADE DE AUTOAFIRMACIÓN E AUTOGOBERNO

fina_quintans.jpg

Como Portavoz do BNG, unha formación política enraizada nos máis elementais principios democráticos e na defensa de Galiza en toda a súa potencialidade como nación, quero condenar con toda a miña firmeza o atentado que aconteceu hoxe por volta das 13h00 en Arrasate, e que veu encher de sangue o final de campaña das elección xerais en que Galiza se acha co resto de pobos do Estado, eleccións que posibilitarán,co apoio do pobo galego, o feito de que Galiza acade máis forza en Madrid.

A campaña tinxiuse de sangue, e con ela, tamén se tinxiu dunha dor que é hoxe a dor de todas aquelas e aqueles que acreditamos na democracia e no valor da palabra para a resolución de conflitos. Por iso, pido hoxe firmemente e antes de entrarmos na xornada de reflexión previa ao día das eleccións, que todas e todos votemos como galegas e galegos para facermos con que a palabra se exprese por riba da barbarie, facendo que a nosa voz se exprese sen coaccións e no desexo dunha Galiza máis libre e cun benestar para toda a nosa cidadanía, para poder así estarmos no conxunto das nacións do Estado en pé de igualdade e construírmos un mundo máis xusto no recoñecemento da diferenza, ben sexa política, nacional, lingüística, sexual, ou de calquera outra índole.

XA ESTÁ DISPONÍBEL O Nº 5 DO ”BLOQUE OLEIROS” EN FORMATO PDF

Sen clasificar, Xeral Non hai comentarios

TrackBack

 Pincha sobre a imaxe do logo do nº 5 de “Bloque Oleiros” para o descarregares

Deixo hoxe no meu caderno o último número da publicación “Bloque Oleiros”, que fai xa o nº 5. O voceiro en papel do BNG de Oleiros podes descarregalo aquí en formato PDF e ficará na sección “Documentos” do caderno.

Neste novo número, do mes de Marzo, poderás ler unha entrevista na capa onde explico, entre outras cousas, cales son os principais retos do BNG de Oleiros para este mandato, así como as áreas en que debemos incidir. A continuación, o voceiro inclúe unha entrevista a Xurxo Dopico, Responsábel do BNG de Oleiros, en que o Xurxo explica as ideas do futuro que o BNG ten para un Oleiros con un maior benestar e unhas prioridades centradas na cidadanía, e non en obras megalómanas. O voceiro tamén inclúe unha terceira entrevista, neste caso ao noso compañeiro e veciño de Oleiros Carlos Aymerich, Portavoz do BNG no Parlamento Galego. Ademáis, conta este novo número do mes de Marzo cunha sección de noticias breves, unha noticia referida ás iniciativas que o BNG sacou adiante recentemente no último Pleno do Concello, un recordatorio da inauguración da precampaña en Oleiros co acto en que intervimos Francisco Jorquera, cabeza de lista do BNG pola provincia da Coruña ás Eleccións Xerais de 9 de Marzo, alén de Avia González, candidata ao Senado polo BNG, comigo e co compañeiro Xurxo Dopico, e unha enumeración das diversas iniciativas que Francisco Rodríguez levou adiante no Parlamento español na defensa dos intereses de Oleiros.