AQUÍ CHEGAMOS: OU MAL ORZAMENTO OU NINGÚN ORZAMENTO

2:07 pm Sen clasificar

orzamentos_2008__.JPG

 Enfrontámonos estes días cunha nova polémica, esta vez os orzamentos do ano 2008, e digo ‘polémica’ porque xa estamos fartos de que calquera tema transcendente sexa en Oleiros un elemento de confrontación. O BNG sempre entendeu os orzamentos como o instrumento para a gobernabilidade do concello, e entendeu tamén que diante da posibilidade dunha maioría para levar adiante uns orzamentos do goberno, este debe ter a capacidade e a amplitude de miras suficiente para facer concesións e poder sacar adiante este documento orzamentario. O goberno local foi incapaz até o de agora de sacar adiante outros asuntos transcendentais para o futuro do concello, como o Plano Xeral, debido a unha actitude que lembra o “a Deus rogando e co mazo dando”. Resulta lamentábel que as dúas forzas en teoría máis próximas ideoloxicamente, como son Alternativa dos Veciños e PSOE, sexan incapaces de se entenderen nuns mínimos para conseguiren o grado de tranquilidade e estabilidade que calquera goberno precisa para oferecer aos cidadáns e cidadás un mínimo de progreso.

Máis unha vez, un goberno que entende o exercicio dun mandato en minoría como un dereito a impor os seus criterios, e unha oposición do PP e do PSOE que entenden a mesma como un NON permanente a todo con tal de afogaren o inquilino da alcaldía, conducen Oleiros á perda dun precioso tempo para non perdermos o ritmo de avance que teñen outros concellos.

O BNG non entende a política como unha arma para manter un permanente enfrontamento, senón como un instrumento para procurar solucións ás lexítimas demandas dos cidadáns e das cidadás. O BNG entende a política como diálogo e negociación, termos estes que parecen non estar no vocabulario do resto das forzas políticas en Oleiros, agás para a práctica da demagoxia e mais da xustificación de actitudes que en nada benefician as e os oleirenses. Non serán os veciños do concello de Oleiros os que atopen no BNG un problema para a gobernabilidade, mais tampouco atoparán en nós un aplauso para estas indesexábeis prácticas que a nada conducen.