30 Maio, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
O señor García Seoane argumentou onte no pleno de Oleiros que a Igrexa ten moitos cartos, o que é certo, para non iluminar e adecentar o contorno da igrexa de Santa Cruz, obra do insigne arquitecto Miguel Fisac (1913-2006), un dos máis importantes arquitectos do século XX, que honra a arquitectura do noso concello. O proprio García Seoane indicou que a Igrexa debería pagar os referidos traballos despois de citar unha listaxe bastante abundante de igrexas do noso concello que foron reparadas con diñeiro público polo goberno que el preside. Non sabemos o porque dos motivos do alcalde para discriminar unha igrexa que é considerada como un referente da arquitectura contemporánea do noso contorno por expertos na materia. As razóns aducidas polo alcalde para non colaborar neste asunto contradinse coas súas actuacións noutras igrexas do concello. Se non é unha cuestión de cartos, pois o diñeiro que se precisaría non é unha cantidade excesivamente alta, non se pode dicir sendo coherente que el é partidario de que a Igrexa pague os coidados das igrexas e despois dedicarse a reparar aquí e acolá.
En relación a este tema, o alcalde acusou a Igrexa de especular cos terreos próximos á igrexa de Santa Cruz. Mais o que o señor alcalde non conta é que el fixo o imposíbel para que a empresa que pactou coa Igrexa a venda de terreos tivese que vender estes a outros grupos inmobiliarios. García Seoane posibilitou desde a alcaldía que o que el demagoxicamente dicía que era para os pobres de Santa Cruz acabase nas mans do maior grupo inmobiliario da Coruña, e permitiu que hoxe as Galeras e o Romardeiro sexan un barrio para unha elite económica, entre outros, el mesmo.
As parcelas de menos de 500 metros nas Galeras páganse a máis de 50 millóns das antigas pesetas. As casas das Galeras non baixan de 100 millóns das antigas pesetas. Os pisos non baixan de 40 millóns, e, mentres tanto, os grupos inmobiliarios aos que favorece o señor García Seoane venden a empresa a grupos de fóra, desmantélanna e os pobres de Santa Cruz aos que se refería de forma populista García Seoane xa non residen en Oleiros por non poder pagaren o prezo da vivenda.
As persoas que vivimos en Oleiros, católicas ou non, queremos que se poña en valor o patrimonio arquitectónico e que as mentiras e fantasías do alcalde non impidan a cidadanía desfrutar dun emblema da arquitectura moderna como é a igrexa de Santa Cruz. A vinganza, o rencor e as ideas absolutistas dun alcalde poden levar a unha actitude tal de desprezo á máis básica racionalidade e a negarse abertamente no pleno a cumprir un acordo que contou a favor cos votos de toda a oposición. Negándose o alcalde a cumprir algo que se aproba nun pleno de representantes elixidos democraticamente, o señor alcalde demostra o seu escaso espírito democrático e de respeito pola cidadanía, saltándose a lei e provocando con actitudes chulescas a vergoña de calquera demócrata, porque ao tempo que apoiaba a supresión de horas lectivas de Filosofía e Historia en favor da Relixión rexeitando unha moción do BNG, impedía a posta en valor dun importante monumento con argumentos baseados na súa fobía á Igrexa católica.
As actitudes do alcalde de Oleiros só son entendíbeis desde unha óptica de desequilibrio político e emocional, desde unha carencia de alicerces ideolóxicos, e desde a ausencia de respeito pola cidadanía e polas decisións democráticas das súas e dos seus representantes.
O grupo de Alternativa dos Veciños impediu onte co seu voto contrario, e coa abstención do PSOE, que se aprobase a moción presentada polo BNG de apoio á manifestación que a Plataforma para a defensa da Ría do Burgo ten convocado para o día 21 de Xuño na Coruña para exixir o saneamento da Ría do Burgo.
García Seoane nega que a ría estea contaminada e fixo unha encendida defensa do conselleiro de Medio Ambiente e da súa propria xestión municipal no que atinxe aos verquidos á Ría do Burgo e cualificou a moción do BNG como “improcedente nun pleno municipal” (sic), ademais de a cualificar de “electoralista” (sic). Está claro que García Seoane prioriza o intento de gañar o PSOE para a aprobación do Plan Xeral de Oleiros aínda a costa de negar o apoio aos numerosos colectivos políticos, sindicais e veciñais que integran a Plataforma para a defensa da Ría do Burgo, e nega no Pleno do Concello a evidencia que pode constatar a cidadanía a respeito da contaminación e da degradación da Ría do Burgo.
Resulta tamén sorprendente que o PSOE teña aprobado no resto de concellos limítrofes a moción presentada polo BNG, e que en Oleiros permita o seu rexeitamento en función dos intereses con Alternativa dos Veciños.
27 Maio, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios

O BNG non dixo que estivese en contra ou a favor de aprobar o documento do Plan Xeral que propón o Goberno de Oleiros. O que si defende o BNG coa maior contundencia é o dereito de toda a cidadanía a coñecer con total transparencia en que lle poden afectar os cambios acontecidos desde a aprobación inicial, hai máis de 2 anos, deste documento.
Un novo prazo de exposición pública, coa posibilidade de presentar alegacións, só provocaría un atraso de 2 meses, que en ningún caso xeraría ningún tipo de problema, senón máis ben ao contrario, pois facilitaría o consenso e a maioría necesaria para aprobar o documento máis importante de Oleiros para os vindeiros anos.
Exiximos tamén a apertura dun debate político sobre o modelo urbanístico de Oleiros, tendo en conta que a actual crise económica condiciona a oferta de vivenda libre, e que hai que modificar as previsións aumentando o solo para construción de vivenda pública e tamén o solo industrial, creando así alternativas a unha excesiva dependencia dos ingresos por vía urbanística.
Todo o mundo sabe, agás o alcalde, que a situación económica ten mudado moito nos 2 últimos anos, e, polo tanto, o inmobilismo do goberno local pode ser altamente prexudicial para o deseño do crecemento do concello no futuro. O lóxico e responsábel é ter en conta esta situación, e non pechar os ollos a unha realidade evidente.
Por outra banda, que o alcalde de Oleiros teña convocado un pleno extraordinario para se saltar os acordos da comisión informativa, e pretenda en solitario forzar o resto dos grupos a aprobar un plan sobre o que non ten dialogado nin negociado con ninguén, parécenos unha medida desesperada que en nada beneficia nin os intereses do concello de Oleiros, nin a saúde democrática da corporación.
García Seoane xa nos ten acostumados a tomar medidas extremas cando os grupos da oposición non se someten aos seus intereses, saltándose a legalidade, provocando o enfrontamento, utilizando as descualificacións, o insulto, e a ameaza, e no BNG non imos avalar, e moito menos aplaudir, actitudes pré-democráticas dun alcalde arcaico que está máis preocupado polo aval que lle poida dar o BNG ás súas prácticas desmesuradas, que por sacar adiante importantes medidas para a mellora da calidade de vida das e dos oleirenses.
O modelo urbanístico do BNG está nas antípodas do practicado polo PP alí onde goberna, e está tamén moi lonxe do exercido polo PSOE, ambos os grupos instalados na utilización do urbanismo como mero negocio inmobiliario. Mais tampouco compartimos un urbanismo elitista desde o punto de vista social, extensivo no territorial, que leva practicando a Alternativa dos Veciños, alimentando tamén en García Seoane a figura do alcalde promotor, que o proprio proxecto de Lei de Vivenda declara como pouco ético e politicamente despreciábel.
O BNG non vai responder os insultos e a provocación do señor alcalde de Oleiros porque non nos move ningún interese particular, mais a defensa da democracía, da transparencia e dos intereses xerais das veciñas e dos veciños de Oleiros. Por iso, negámonos a participar e apoiar outra escenificación circense de García Seoane, neste caso a respeito do Plan Xeral. O Goberno de Oleiros debe entender que nunha situación de minoría debe ter os apoios necesarios para levar adiante os principais proxectos do concello, e a vía da imposición e máis do enfrontamento non é a mellor maneira de acadalos.
Máis unha vez, ponse en evidencia a dramática carencia de capacidade de diálogo e de entendemento do noso alcalde, que ten como máxima da súa actuación política “A Deus rogando e co mazo dando”.
A actitude de García Seoane e do seu equipo de goberno, co seu inmobilismo absoluto a respeito do Plan Xeral, só pode explicarse á luz de intereses económicos e inmobiliarios que impiden a necesaria flexibilidade para acadar os apoios que permitan a aprobación definitiva deste documento.
O relatorio remitido por un arquitecto do equipo redactor do Plan Xeral pretende xustificar a cerrazón a calquera modificación do Plan, mais, desde o respeito a estes profesionais, o BNG non comparte estas consideracións técnicas como argumento para dar carpetazo ao necesario diálogo e confronto de modelos, á análise da actual realidade social e política e, en definitiva, ao maior acerto e consenso do noso concello.
26 Maio, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
Perante a convocatoria por parte do Concello de Oleiros dunha sesión, de carácter ordinario, do pleno do Concello de Oleiros para quinta feira (xoves) 29 de Maio ás 20h00 e mais da convocatoria dunha outra sesión de carácter extraordinario onde -nesta última- a orde do día será o Plan Xeral, debo realizar as seguintes declaracións:
O BNG propuxo recentemente a apertura dun novo prazo de exposición pública do PXOM, para posibilitar a presentación de alegacións, debido a que en case 3 anos desde a aprobación inicial do referido Plan Xeral ten habido modificacións importantes, quer no plano socio-económico, quer no plano normativo, así como na lexislación vixente, cambios que enumerarei a seguir. En primeiro lugar, estamos nunha situación de crise económica, chámese “desaceleración económica” ou chámese como se quixer, mais enfrontamos unha situación económica diferente á de hai 3 anos, que afecta a economía da cidadanía en xeral así como tamén unha crise no sector inmobiliario. As condicións actuais non son as de hai case 3 anos, como é evidente. En segundo lugar, non existe un consenso entre os concellos limítrofes a respeito de actuacións que deberían tomarse conxuntamente. Debe existir un consenso en actuacións referidas á Ría do Burgo, así como nas comunicacións, etc., nomeadamente entre o Concello de Oleiros e mais os de Culleredo e o da Coruña. O BNG considera imprescindíbel estabelecer e construír espazos de diálogo entre concellos con problemas comúns, que deben solucionarse conxuntamente, pois Oleiros non é unha illa na comarca. En terceiro lugar, actualmente existe unha Lei de Protección do Litoral que debería ser considerada polo Concello de Oleiros. E debe ser así non só por unha cuestión legal, mais tamén pola máis elemental ética ecolóxica a respeito do noso contorno mariño, fonte de riqueza natural e paisaxística, turística e económica. En cuarto lugar, hoxe en día existe un Decreto de Normas do Hábitat Galego que no inicio do Plan Xeral non existía. Debe considerarse o referido decreto polo benestar e pola calidade de vida, calidade habitacional, das cidadás e dos cidadáns, e non priorizando intereses inmobiliarios particulares, alén de que os decretos están para ser cumpridos. En quinto lugar, existe unha Lei de Vivenda que tamén debería terse en conta por este goberno para poder presentar o Plan Xeral á súa aprobación. Non se pode levar adiante un Plan Xeral sen considerarse aos ollos dunha lei (neste caso nada menos que a Lei de Vivenda!), nomeadamente cando o Plan pretende intensificar a construción de vivenda no concello en circunstancias de crise no sector inmobiliario, así como das dificultades para o acceso a vivenda, etc. Ademais, en sexto e sétimo lugar, non se somete o PXOM ao Plan Director do Aeroporto de Alvedro (AENA), que é preceptivo, nin se considera o tamén preceptivo Informe Medioambiental correspondente. Téñase en conta que unha zona do noso concello está afectada polas servidumes acústicas de Alvedro.
Por iso, por todas as razóns aducidas, xa que a situación actual dista moito de ser a de hai case tres anos, debido a que as modificacións e cambios acontecidos nos últimos anos no plano económico, normativo e legal poden condicionar en grande medida o documento municipal, o BNG solicitou en tempo e forma por escrito ao goberno local a apertura dun novo período de exposición e xa se instou os outros grupos a exixiren de novo esta medida ao Concello de Oleiros como garantía de transparencia e de respeito dos dereitos das veciñas e dos veciños. Despois de case 3 anos de atraso acumulados desde a aprobación inicial, un mes máis que garanta unha actuación transparente por parte do Concello non debería preocupar ao goberno municipal. Polo tanto, perante a convocatoria dun Pleno extraordinario por parte do Concello de Oleiros para esta quinta feira (xoves) 29, para a aprobación do PXOM de Oleiros, o BNG propón que se non hai unha nova exposición pública pactada previamente con posibilidade de presentar alegacións, que ao finalizar o Pleno ordinario axendado para as 20h00, se ausenten os grupos da oposición e non acudan ao pleno extraordinario posterior. A falta de respeito e de diálogo e as imposicións do goberno local obrigan o BNG a tomar esta decisión de non acudir ao pleno extraordinario do PXOM se non se abre un período de exposición pública con posibilidade de presentar alegacións. Convocamos o resto de formacións políticas da oposición a ausentarse de non se abrir o referido prazo.
23 Maio, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
Exixirei ao Concello a apertura dun novo prazo de exposición pública do PXOM e as posibilidades de presentar alegacións debido a que en case 3 anos desde a aprobación inicial ten habido modificacións importantes tanto pola Lei de Protección do Litoral, Lei de Vivenda e Decreto das Normas do Hábitat, que poden condicionar en grande medida o documento municipal.
Desde o BNG xa lle temos solicitado por escrito ao goberno local a apertura deste novo período de exposición e xa instamos a que os outros grupos exixan de novo esta medida como garantía de transparencia e de respeito dos dereitos das veciñas e dos veciños.
Despois de case 3 anos de atraso acumulados desde a aprobación inicial, un mes máis non debería repercutir negativamente nun Plan que debería ser o Plan de todas e todos, e non só ser o Plan do goberno apoiado por intereses partidistas dalgún grupo, como ocorreu cos orzamentos municipais, que foron aprobados cos votos da dereita.
En calquera caso, o Plan de Oleiros debería contemplar obrigatoriamente a adaptación deste á nova situación económica que deixa ben claro que a cantidade de vivendas que se pretenden construír enfronta unha situación de crise, razón pola que se deben crear alternativas de crecemento económico non dependentes do urbanismo e orientadas a outros intereses económicos como o turismo, a industria e o comercio, alternativas estas que non se contemplaban no momento de redacción do documento, co peso que neste momento merecen para contrarrestar o parón inmobiliario.
Por outra banda, débese definir claramente o sistema de vivenda de promoción pública, e mais o sistema de vivendas de aluguer, para que Oleiros se integre no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda e fomente a construción de vivenda de promoción como alternativa ao retroceso de vivenda libre. Débe contemplarse tamén a alternativa de creación de transporte público nunha área metropolitana colapsada despois de 5 lustros de caos na planificación, nunha área metropolitana que viu medrar a súa poboación sen que se criasen alternativas de transporte viarias e da rede de ferrocarril e marítima para absorber ese incremento.
Outra das necesidades esenciais é a criazón de alternativas a edificacións faraónicas sen contido, e a necesidade de criar servizos previamente ao incremento poboacional contemplado polo documento. En conclusión, é preciso facer un concello máis habitábel e en que poidamos vivir todas e todos independentemente da renda de cada persoa, un concello para toda a xente, e non só para aquelas clases privilexiadas que converteron Oleiros nos últimos tempos nun concello elitista
20 Maio, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
Seguindo coa rolda de entrevistas con diversas entidades, onte despraceime a visitar, cos meus compañeiros Antón Tenreiro e Xurxo Dopico, a Fundación Juana de Vega, que está a desenvolver numerosos proxectos de arquitectura da paisaxe e que realiza varios proxectos coa Universidade da Coruña e coa Universidade de Santiago de Compostela. Aproveitei tamén a visita para coñecer así de primeira man as instalacións da referida fundación na parroquia de Nós, no Pazo da Carballeira. Visitamos tamén a Fundación Tenreiro, que conta tamén con terreos da parroquia de Nós, e en ambas as fundacións amosáronme a preocupación que teñen polo deseño unilateral do destino dos terreos destas fundacións por parte do goberno local, que non ten realizado ningunha consulta nin efectuado ningún contacto con ningunha destas entidades a este respeito, e é preciso subliñar que no caso da Fundación Espoz e Mina (Fundación Juana de Vega) amosou sempre a súa vontade colaboradora co Concello cedendo unha parte dos terreos do Pazo da Carballeira, cedendo ao Concello o campo de fútbol do Hércules de San Pedro, e prestando a escoliña de Vilanova para uso educativo e social. A Fundación Tenreiro ten tamén unha escola infantil e un Centro de Día en Eirís (A Coruña) e uns terreos que agora se pretenden deixar integramente para equipamentos e onde o Concello quere urbanizar o contorno nunha operación de claros intereses inmobiliarios especulativos.
Tamén me despracei á Asemblea da Plataforma en Defensa da Ría do Burgo, que está a preparar unha mobilización para o día 21 de Xuño, unha manifestación que conta co apoio do BNG de Oleiros e onde estaremos para apoiar as reivindicacións da Plataforma en Defensa da Ría do Burgo, que leva recollidas xa máis de 12000 sinaturas de apoio.
Continuamos traballando.
16 Maio, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios

Quero felicitar as redeiras de Lorbé, en primeiro lugar, porque aquela nave tan demandada que podería ser ademais a posibilidade de empregar máis persoas na produción deste oficio tradicional que elas tan ben conservan, vai abrir nos vindeiros días tan axiña como a documentación do convenio sexa aceptada e asinada pola Asociación de Redeiras.
As redeiras de Lorbé están de noraboa tamén polos compromisos contraídos por Vicepresidencia cos cursos que revertirán positivamente na mellora das condicións económicas e laborais deste colectivo.
O curso que se realizará en Lorbé terá lugar entre os meses de xullo e agosto do presente ano, e o BNG continúa a traballar para mellorar as condicións de vida e para unificar os prezos de valoración do produto do seu traballo.
Polo tanto, despois das iniciativas parlamentares do BNG, logo da visita de Anxo Quintana e mais tamén despois da presión exercida polo BNG de Oleiros para que se concretizasen as promesas de ‘Portos de Galicia’ e da Consellaría de Pesca, non me queda máis que felicitar sinceramente o colectivo de redeiras de Lorbé polos logros conseguidos.