O BNG, responsábel e comprometido con Oleiros
Maio 9, 2008 4:32 pm XeralFina Quintáns con Anxo Quintana
Mañá estarei co coro de Oleiros. Recibín un convite do coro de Oleiros para celebrar o seu XIII aniversario. Alí estarei porque todos aqueles colectivos sociais, culturais, e deportivos de Oleiros merecen o meu respeito e o meu apoio. En Oleiros son máis de 100 as entidades que están a facer un labor social importantísimo en diversas actividades lúdicas, deportivas, culturais e sociais, que son tan importantes para unha participación activa da sociedade, xerando unha boa convivencia e contribuíndo co seu grao de area a facer país.
Por outra banda, parece ser que se está a negociar o traspaso das 3 escolas infantís de Oleiros á rede de galescolas, e tamén se está a xestionar a construción dun centro de día nunha zona privilexiada do concello, nunha iniciativa se Vicepresidencia que deberían copiar outras consellarías non nacionalistas que non tratan de igual maneira o noso concello. As persoas que formamos o BNG estamos a facer unha oposición construtiva e non concibimos os investimentos como un premio ao goberno de turno, senón como un compromiso coa cidadanía, e velaí está a proba, tanto nas iniciativas de Vicepresidencia como de Medio Rural, na costa de Dexo, Vivenda no Meixón da Auga, Industria na mellora da rede eléctrica, e no apoio a iniciativas turísticas, e Cultura e Deporte, apoiando a rede de Bibliotecas ou coa remodelación do estadio do INEF-Galiza. Podería seguir enumerando iniciativas, con investimentos multimillonarios realizados no noso concello, mais diso falarei outro día. Agardo, por outra banda, que as consellarías de Ordenación do Territorio e a de Sanidade (dirixidas ambas polo PSOE) e mais o goberno local teñan a suficiente altura de miras para superaren as dúas diferenzas en legalizar dunha vez por todas o cemiterio de Dorneda, que se atopa nunha situación irregular, e que, deste xeito, se dea por fin servizo ás nosas veciñas e veciños.




