Un tanatorio público municipal
Maio 9, 2008 2:09 pm Sen clasificar
O concello de Oleiros conta con arredor de 35.000 habitantes, distribuídos en 9 parroquias, con outros tantos cemiterios. É, por tanto, o segundo concello da comarca, por detrás da metrópole coruñesa, en habitantes e en orzamento, e a día de hoxe as familias de Oleiros que teñen a desgraza de que se lles morra un familiar, teñen que acudir a concellos limítrofes como Sada, Cambre, A Coruña, Culleredo, e mesmo Arteixo ou Carral, para contar cun servizo de tanatorio do que no concello de Oleiros non dispoñen.
Oleiros, que sempre destacou por ter iniciativas singulares, non conta cun tanatorio nin público nin privado. Loxicamente desde o BNG non imos defender nin propor que se faga un investimento privado para este servizo. O que defendemos é que o Concello de Oleiros, que ten a dotación de solo público destine algunha parcela para crear un servizo hoxe inexistente e que ademais xere recursos para o concello e que se poida xestionar de maneira que oferte servizos máis accesíbeis para aquelas persoas coas rendas máis baixas, e que conte coas máis completas propostas deste tipo de actividade, como poden ser un crematorio, servizo de florestaría, capela, etc. Este tanatorio sería o único de iniciativa pública da nosa comarca e atendería unha grande cantidade de demanda de persoas que se ven obrigadas a se desprazaren ao Graxal ou a Pompas Fúnebres da Coruña, cando son xente nacida ou criada en Oleiros e que verían con agrado que para o futuro tivésemos onde poder velar polas persoas falecidas nun moderno tanatorio, que facilitase a xa de por si difícil situación a que se enfronta unha persoa cando pasa por unha situación como a referida.
Agardo que por ser unha idea do BNG non se esqueza esta iniciativa que a min me teñen comentado persoalmente moitas veciñas e veciños, que manifestan o seu desagrado por ter que se desprazaren ao Graxal ou a Pompas Fúnebres da Coruña, cando son persoas que naceron ou viven en Oleiros e que verían con aprobación que para o futuro contásemos cun moderno tanatorio, público e municipal. |



