O BNG non acudirá ao pleno extraordinario do PXOM se non hai unha exposición pública que garanta a trasparencia e as alegacións oportunas

Sen clasificar Non hai comentarios

Perante a convocatoria por parte do Concello de Oleiros dunha sesión, de carácter ordinario, do pleno do Concello de Oleiros para quinta feira (xoves) 29 de Maio ás 20h00 e mais da convocatoria dunha outra sesión de carácter extraordinario onde -nesta última- a orde do día será o Plan Xeral, debo realizar as seguintes declaracións:

 

O BNG propuxo recentemente a apertura dun novo prazo de exposición pública do PXOM, para posibilitar a presentación de alegacións, debido a que en case 3 anos desde a aprobación inicial do referido Plan Xeral ten habido modificacións importantes, quer no plano socio-económico, quer no plano normativo, así como na lexislación vixente, cambios que enumerarei a seguir. En primeiro lugar, estamos nunha situación de crise económica, chámese “desaceleración económica” ou chámese como se quixer, mais enfrontamos unha situación económica diferente á de hai 3 anos, que afecta a economía da cidadanía en xeral así como tamén unha crise no sector inmobiliario. As condicións actuais non son as de hai case 3 anos, como é evidente. En segundo lugar, non existe un consenso entre os concellos limítrofes a respeito de actuacións que deberían tomarse conxuntamente. Debe existir un consenso en actuacións referidas á Ría do Burgo, así como nas comunicacións, etc., nomeadamente entre o Concello de Oleiros e mais os de Culleredo e o da Coruña. O BNG considera imprescindíbel estabelecer e construír espazos de diálogo entre concellos con problemas comúns, que deben solucionarse conxuntamente, pois Oleiros non é unha illa na comarca. En terceiro lugar, actualmente existe unha Lei de Protección do Litoral que debería ser considerada polo Concello de Oleiros. E debe ser así non só por unha cuestión legal, mais tamén pola máis elemental ética ecolóxica a respeito do noso contorno mariño, fonte de riqueza natural e paisaxística, turística e económica. En cuarto lugar, hoxe en día existe un Decreto de Normas do Hábitat Galego que no inicio do Plan Xeral non existía. Debe considerarse o referido decreto polo benestar e pola calidade de vida, calidade habitacional, das cidadás e dos cidadáns, e non priorizando intereses inmobiliarios particulares, alén de que os decretos están para ser cumpridos. En quinto lugar, existe unha Lei de Vivenda que tamén debería terse en conta por este goberno para poder presentar o Plan Xeral á súa aprobación. Non se pode levar adiante un Plan Xeral sen considerarse aos ollos dunha lei (neste caso nada menos que a Lei de Vivenda!), nomeadamente cando o Plan pretende intensificar a construción de vivenda no concello en circunstancias de crise no sector inmobiliario, así como das dificultades para o acceso a vivenda, etc. Ademais, en sexto e sétimo lugar, non se somete o PXOM ao Plan Director do Aeroporto de Alvedro (AENA), que é preceptivo, nin se considera o tamén preceptivo Informe Medioambiental correspondente. Téñase en conta que unha zona do noso concello está afectada polas servidumes acústicas de Alvedro.

 

Por iso, por todas as razóns aducidas, xa que a situación actual dista moito de ser a de hai case tres anos, debido a que as modificacións e cambios acontecidos nos últimos anos no plano económico, normativo e legal poden condicionar en grande medida o documento municipal, o BNG solicitou en tempo e forma por escrito ao goberno local a apertura dun novo período de exposición e xa se instou os outros grupos a exixiren de novo esta medida ao Concello de Oleiros como garantía de transparencia e de respeito dos dereitos das veciñas e dos veciños. Despois de case 3 anos de atraso acumulados desde a aprobación inicial, un mes máis que garanta unha actuación transparente por parte do Concello non debería preocupar ao goberno municipal. Polo tanto, perante a convocatoria dun Pleno extraordinario por parte do Concello de Oleiros para esta quinta feira (xoves) 29, para a aprobación do PXOM de Oleiros, o BNG propón que se non hai unha nova exposición pública pactada previamente con posibilidade de presentar alegacións, que ao finalizar o Pleno ordinario axendado para as 20h00, se ausenten os grupos da oposición e non acudan ao pleno extraordinario posterior. A falta de respeito e de diálogo e as imposicións do goberno local obrigan o BNG a tomar esta decisión de non acudir ao pleno extraordinario do PXOM se non se abre un período de exposición pública con posibilidade de presentar alegacións. Convocamos o resto de formacións políticas da oposición a ausentarse de non se abrir o referido prazo.