O señor alcalde de Oleiros engánase ao pensar que por ter compartido goberno co BNG a nosa formación política vai estar permanentemente ao seu servizo. E engánase o señor alcalde porque o nacionalismo non se somete a ninguén e moito menos baixo ameazas, presións ou descualificacións.
Desde o BNG gardamos un fondo respeito á figura institucional do alcalde, independentemente da falta de educación e de respeito que este amose con toda aquela persoa que non lle dea a razón, e entendemos que a democracía exixe un sacrificio polo ben da cidadanía que depositou a confianza nas súas e nos seus representantes. O goberno local de Oleiros debería de entender que un goberno en minoría exixe moito máis esforzo para o diálogo e o entendemento, para poder levar adiante os proxectos máis importantes que ten un concello nunha lexislatura, pois en ningún caso as formas de gobernar deben ser a imposición nin o inmobilismo.
Despois de máis de 5 lustros gobernando, o señor García Seoane non entendeu aínda que os métodos empregados no período de transición e do post-franquismo non son aplicábeis na actual realidade política. E nós podemos entender e asumir derrotas e erros, mais nunca a suplantación da democracía nin da legalidade.
Resulta curioso que agora tente o señor García Seoane cualificar de ilegal o abandono dun pleno extraordinario cando el mesmo é o que vai máis aló da legalidade e do diálogo non respeitando unha decisión das comisións informativas de non incluír o Plan Xeral na orde do día, levando o referido Plan Xeral a un pleno extraordinario sen a preceptivo informe da comisión.
No ideario político do alcalde de Oleiros parece que non se asume de bon grao recibir a mesma menciña que el aplica aos demais. Quizais un talante máis dialogante e tolerante tería evitado esta situación, mais o señor alcalde non quer enteirarse de que xa coñecemos as súas prácticas e que todo o mundo está moi cansado de padecelas.
O BNG quere o Plan Xeral, mais non un Plan Xeral calquera, senón o mellor Plan Xeral para o concello de Oleiros. Non queremos que o noso concello sexa unha illa no conxunto do país, e queremos, polo tanto, que se asuma a realidade, que se adapte o Plan Xeral á actual situación económica e ás normas actuais supramunicipais emanadas da Xunta de Galiza. O Plan Xeral ten de ser para toda a cidadanía e non para os negocios inmobiliarios duns cantos. Por iso defendemos unha apertura dun prazo para que exista a posibilidade dunha exposición pública e de alegacións que permitan a transparencia dun Plan Xeral que debe ser de todas e todos, non dos intereses inmobiliarios que ao señor alcalde lle conveñen. |