O alcalde de Oleiros discrimina monumentos arquitectónicos e contradise para ocultar unha realidade inmobiliaria elitista

Sen clasificar Non hai comentarios

O señor García Seoane argumentou onte no pleno de Oleiros que a Igrexa ten moitos cartos, o que é certo, para non iluminar e adecentar o contorno da igrexa de Santa Cruz, obra do insigne arquitecto Miguel Fisac (1913-2006), un dos máis importantes arquitectos do século XX, que honra a arquitectura do noso concello. O proprio García Seoane indicou que a Igrexa debería pagar os referidos traballos despois de citar unha listaxe bastante abundante de igrexas do noso concello que foron reparadas con diñeiro público polo goberno que el preside. Non sabemos o porque dos motivos do alcalde para discriminar unha igrexa que é considerada como un referente da arquitectura contemporánea do noso contorno por expertos na materia. As razóns aducidas polo alcalde para non colaborar neste asunto contradinse coas súas actuacións noutras igrexas do concello. Se non é unha cuestión de cartos, pois o diñeiro que se precisaría non é unha cantidade excesivamente alta, non se pode dicir sendo coherente que el é partidario de que a Igrexa pague os coidados das igrexas e despois dedicarse a reparar aquí e acolá.

En relación a este tema, o alcalde acusou a Igrexa de especular cos terreos próximos á igrexa de Santa Cruz. Mais o que o señor alcalde non conta é que el fixo o imposíbel para que a empresa que pactou coa Igrexa a venda de terreos tivese que vender estes a outros grupos inmobiliarios. García Seoane posibilitou desde a alcaldía que o que el demagoxicamente dicía que era para os pobres de Santa Cruz acabase nas mans do maior grupo inmobiliario da Coruña, e permitiu que hoxe as Galeras e o Romardeiro sexan un barrio para unha elite económica, entre outros, el mesmo.

As parcelas de menos de 500 metros nas Galeras páganse a máis de 50 millóns das antigas pesetas. As casas das Galeras non baixan de 100 millóns das antigas pesetas. Os pisos non baixan de 40 millóns, e, mentres tanto, os grupos inmobiliarios aos que favorece o señor García Seoane venden a empresa a grupos de fóra, desmantélanna e os pobres de Santa Cruz aos que se refería de forma populista García Seoane xa non residen en Oleiros por non poder pagaren o prezo da vivenda.

As persoas que vivimos en Oleiros, católicas ou non, queremos que se poña en valor o patrimonio arquitectónico e que as mentiras e fantasías do alcalde non impidan a cidadanía desfrutar dun emblema da arquitectura moderna como é a igrexa de Santa Cruz. A vinganza, o rencor e as ideas absolutistas dun alcalde poden levar a unha actitude tal de desprezo á máis básica racionalidade e a negarse abertamente no pleno a cumprir un acordo que contou a favor cos votos de toda a oposición. Negándose o alcalde a cumprir algo que se aproba nun pleno de representantes elixidos democraticamente, o señor alcalde demostra o seu escaso espírito democrático e de respeito pola cidadanía, saltándose a lei e provocando con actitudes chulescas a vergoña de calquera demócrata, porque ao tempo que apoiaba a supresión de horas lectivas de Filosofía e Historia en favor da Relixión rexeitando unha moción do BNG, impedía a posta en valor dun importante monumento con argumentos baseados na súa fobía á Igrexa católica.

As actitudes do alcalde de Oleiros só son entendíbeis desde unha óptica de desequilibrio político e emocional, desde unha carencia de alicerces ideolóxicos, e desde a ausencia de respeito pola cidadanía e polas decisións democráticas das súas e dos seus representantes.

A Alternativa dos Veciños vota en contra da moción do BNG de apoio ás reivindicacións da Plataforma para a defensa da Ría do Burgo

Sen clasificar Non hai comentarios

TrackBack
O grupo de Alternativa dos Veciños impediu onte co seu voto contrario, e coa abstención do PSOE, que se aprobase a moción presentada polo BNG de apoio á manifestación que a Plataforma para a defensa da Ría do Burgo ten convocado para o día 21 de Xuño na Coruña para exixir o saneamento da Ría do Burgo.

García Seoane nega que a ría estea contaminada e fixo unha encendida defensa do conselleiro de Medio Ambiente e da súa propria xestión municipal no que atinxe aos verquidos á Ría do Burgo e cualificou a moción do BNG como “improcedente nun pleno municipal” (sic), ademais de a cualificar de “electoralista” (sic). Está claro que García Seoane prioriza o intento de gañar o PSOE para a aprobación do Plan Xeral de Oleiros aínda a costa de negar o apoio aos numerosos colectivos políticos, sindicais e veciñais que integran a Plataforma para a defensa da Ría do Burgo, e nega no Pleno do Concello a evidencia que pode constatar a cidadanía a respeito da contaminación e da degradación da Ría do Burgo.

Resulta tamén sorprendente que o PSOE teña aprobado no resto de concellos limítrofes a moción presentada polo BNG, e que en Oleiros permita o seu rexeitamento en función dos intereses con Alternativa dos Veciños.