Manifesto ao Consulado de Cuba e á comunidade cubana en Galiza o meu máis fondo respeito e admiración polo Che Guevara

Sen clasificar Non hai comentarios

 

Quero manifestar ao Consulado de Cuba e á comunidade cubana de Galiza o meu máis fondo respeito e admiración pola figura do Che Guevara, a quen considero merecedor de todas aquelas homenaxes que se lle tributen, mais entendendo tamén que o Che non pode ser instrumentalizado e utilizado por un alcalde como foco dunha polémica para enfrontar a cidadanía entre si, como tampouco para enfrontar os partidos políticos. Debido á torpeza das formas con que o goberno local obrou neste asunto, xa que o goberno oleirense non foi quen de consultar ao resto de forzas políticas e moito menos de chegar a un consenso para honrar a figura do Che Guevara como merece, o alcalde de Oleiros converteu un monumento e unha homenaxe ao Che nun foco de polémicas e confrontacións estériles, que nos impiden participar dun acto instrumentalizado polo goberno oleirense e utilizando para iso a moi respeitábel figura do Che Guevara.

 

Desde o BNG de Oleiros lembramos a loita do Che Guevara polos dereitos do pobo cubano e dos máis desfavorecidos, e seguiremos a honrar a memoria coa práctica política honesta, mais fundamentada non só na promoción de eventos e monumentos seitarios dun alcalde megalómano, senón na práctica diaria e coherente comprometida cos dereitos da cidadanía.

 

Por outra banda, tampouco o BNG apoia manifestacións reaccionarias impulsadas polo PP contra o monumento ao Che Guevara e sinto profundamente que o BNG non poida participar dun acto utilizado polo goberno oleirense como arma arreboladiza contra todas aquelas persoas que non coincidimos co referido goberno. Ademais, lamento que neste caso se use a figura do Che como centro desta controversia que beneficia fundamentalmente o Partido Popular, sen que o BNG poida facer máis por evitar tal situación.

 

Quero amosar o apoio do BNG ao pobo cubano, aos seus representantes, e aos seus referentes históricos na loita antiimperialista e pola dignidade, da que son un exemplo para o conxunto dos pobos do mundo. 

A imaxe distorsionada do concello

Sen clasificar Non hai comentarios

Diante da última polémica xerada polo ínclito Ángel García Seoane, coa famosa estatua do referente revolucionario de tantas xeracións, Ernesto Guevara de la Serna, coñecido popularmente como Che Guevara, gustaríame facer unhas pequenas consideracións:
1) O Che Guevara é merecedor de todas as homenaxes que se lle pretendan facer, mais sempre respeitando o seu pensamento e a súa coherente maneira de actuar segundo o seu ideario.
2) Facer unha homenaxe ao Che Guevara exixe tamén o maior número de apoios e o máis amplo consenso, e o goberno do Concello de Oleiros converte o que debería ser unha homenaxe do concello no seu conxunto ao Che nunha honra dun único partido, Alternativa dos Veciños, que non foi quen de sumar cando menos as dúas forzas máis próximas que podía ter neste concello, o PSOE e o BNG, convertendo o que tiña que ser un acto de honra nunha polémica que coloca Oleiros outra vez nos medios de comunicación como foco de desputa e enfrontamentos.
3) A colocación da estatua do Che, independentemente dos cartos que custe, vén acrecentar o número de monumentos, avenidas, parques, etc. de grandes monumentos a figuras de alén mar e a pór sobre a mesa a ausencia de ningún monumento feito en homenaxe a figuras galegas. Isto transmite unha imaxe en Oleiros que non se corresponde coa realidade, xerando enfrontamentos na cidadanía e colocando a figura do Che Guevara como un elemento de fricción en lugar de representar un icone da loita pola xustiza social e a unión entre os pobos. A ninguén lle tería gustado que unha homenaxe á súa persoa fose feita cun desmesurado custe, e caracterizada polo enfrontamento e a polémica, ademais da falta de consenso.

Os accesos e o contorno da praia da Naval, esquecidos por un alcalde preocupado en gastar o diñeiro en obras megalómanas

Sen clasificar Non hai comentarios

 

Xa comezou o verán e as veciñas e veciños de Oleiros véñenme demandando ultimamente, coa proximidade do verán, que faga públicas as súas queixas polo pésimo estado dos accesos á praia da Naval, así como do estado lamentábel en que se encontra o contorno desta praia. Despois de me teren realizado estas queixas a respeito do abandono de coidados da zona por parte do goberno local, aproximeime aos accesos e ao contorno da praia da Naval para comprobar, in situ, como a inicios do verán o estado da zona é lamentábel.

 

Non é nada bon para o turismo que se achega a Oleiros nin para a xente de Oleiros ter que se encamiñaren á praia nunhas condicións de acesso máis que deplorábeis, pois os accesos están deixados a monte, coas conseguintes dificultades e inclusive perigos que non deberían existir nos accesos a un lugar como é unha praia, como caídas nun contorno de suxidade e falta de condicións hixiénicas e de acondicionamento, etc.

 

O goberno do Concello de Oleiros tiña a inicios da pasada lexislatura un proxecto para a adecuación do contorno da praia da Naval, así como dos seus accesos. Mais constato que lamentabelmente dito proxecto caeu en saco roto e que o alcalde é quen de se dar moita présa para gastar o diñeiro das veciñas e dos veciños en estatuas por valor de máis de 180.000 € (máis de 30 millóns das antigas pesetas) en vez de dedicar o diñeiro público para as necesidades reais do concello. Aquel proxecto que foi abandonado polo goberno local prevía aparcadoiros, adecuación do contorno e mellora dos accesos e zonas verdes, etc., mais o proxecto continúa tan abandonado como os accesos á praia da Naval e o seu contorno.

 

Quero, polo tanto, facer unha chamada de atención ao alcalde para ter un compromiso coa cidadanía, un compromiso real que vaia máis alá da pura aparencia dos monumentos megalómanos que só serven para gastar o diñeiro das e dos contribuíntes para satisfacer os seus caprichos persoais, caprichos que non teñen xustificación nin sequera ideolóxica, como pode dicir García Seoane, porque o despifarro do diñeiro do pobo ten pouco de comunista e máis que enxalzar a figura do Che Guevara provocaría a vergoña allea deste a respeito do alcalde e da súa política. A figura do Che non merece o despilfarro do diñeiro das veciñas e veciños de Oleiros, que ven con indignación como se gastan os seus cartos, o diñeiro público, para cumprir caprichos persoais dun alcalde que os esquece e que esquece as súas necesidades reais.

 

O acondicionamento con novas obras e dotación de herba sintética do Campo do Condús, logro do BNG na Concellaría de Deportes na anterior lexislatura, inaugúrase este sábado

Sen clasificar Non hai comentarios

O primeiro campo de fútbol de herba sintética do Condús (Eugenio Pardo Conchado) foi xestionado e propiciado polo BNG cando ocupaba a responsabilidade de Deportes no Concello de Oleiros. O campo de herba sintética do Condús foi un campo que non estaba previsto nos plans da Deputación e que xerou unha forte polémica entre o titular de Deportes naquel momento, o noso compañeiro Antón Tenreiro, que loitou por conseguir o que hoxe é xa unha realidade, e os responsábeis da área de Deportes da Deputación, entre eles o veciño de Oleiros Miguel Sánchez Ortiz (PSOE). Despois desa forte polémica e despois das argumentacións en favor do deporte en Oleiros por parte do BNG, xustificadas polo feito de en Oleiros existiren perto de 9 equipos de fútbol e 50 máis contándomos as categorías inferiores e mais os veteranos, e polo feito de non haber ningún campo de herba artificial até o de agora. Grazas a esa loita do compañeiro Antón Tenreiro á fronte da Concellaría de Deportes conseguiuse o primeiro campo de herba artificial para Oleiros, campo que formaba parte dun Plan Director de Infraestruturas Deportivas que tiña a concellaría nacionalista naquel momento, e plan que ficou suspendido coa expulsión do BNG do goberno municipal. Dito plan incluía 3 campos de herba sintética, a mellora das instalacións e o incremento das infraestruturas noutros espazos do concello.


Agora, o vindeiro sábado 21 de Xuño, inaugúrase unha moderna instalación no campo de fútbol municipal de Condús “Eugenio Pardo Conchado” con herba artificial e novas obras, herdada da xestión do nacionalismo á fronte da Concellaría de Deportes do Concello de Oleiros na anterior lexislatura. Desde o BNG felicitamos o colectivo futbolístico de Oleiros e o deporte de Oleiros en xeral por estes novos equipamentos.


O BNG de Oleiros non apoia nin a Alternativa dos Veciños nin o PP na polémica da estatua do Che Guevara

Sen clasificar Non hai comentarios

Desde o fondo respeito que me merece a figura do Che Guevara, que consta xa como nome dunha das principais avenidas do concello, non comparto a política de obras faraónicas que emprendeu o alcalde de Oleiros nos últimos tempos. Mais non apoiarei tampouco a hipocrisía dun Partido Popular que pretende agora impedir nun pleno extraordinario o que o proprio Cobián aprobou xunto co PSOE, ao aprobaren ambos os orzamentos que propuña a Alternativa dos Veciños naquel pleno dos orzamentos, xa que estes contemplaban unha partida orzamentaria para a infraestrutura da estatua.

 

Entendo, e así o constatei no pleno dos orzamentos, que o PSOE e mais o PP están desautorizados para criticaren agora o goberno despois de teren apoiado os seus orzamentos, pois unha das partidas deses orzamentos que PP e PSOE apoiaron consistía na remodelación da rotonda de Nirvana en que se pretende instalar a estatua do Che Guevara de máis de 8 metros de altura. A instalación desta estatua custará máis de 180.000 € e representa todo aquilo que o Che combateu na súa vida, dando exemplo humildade, moderación no gasto e combate de calquera tipo de ostentación como a que fai o alcalde de Oleiros, que con esta medida está sometendo o Che Guevara a unha polémica inútil e superficial que é unha ofensa ás persoas máis desfavorecidas.

 

Oleiros xa brindou ao Che a mellor das homenaxes, conseguindo con dúas simples placas que milleiros de persoas que diariamente se desprazan pola Avenida Che Guevara entre as dúas localidades máis poboadas de Oleiros lembren a diario esta importante e transcendental personaxe histórica.

O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Oleiros non contempla ningunha vivenda protexida no contorno do campo de golf de Dorneda

Sen clasificar Non hai comentarios

Se xa de por si é discutíbel a implantación dun campo de golf polo que pode constituír de antiecolóxico, e polo excesivo consumo de auga, ou pola xustificación que ten para amparar a especulación urbanística arredor destas infraestruturas deportivas, o campo de golf que o Concello de Oleiros pretende crear en Dorneda non prevé unha soa vivenda de protección nese contorno.

 

Este tipo de infraestruturas deportivas están tradicionalmente asociadas á creación de vivendas de luxo en que se instalan sectores sociais de poder adquisitivo alto. O campo de golf de Dorneda podería ter sentido se se instalase para promover a economía vinculada ao turismo e que funcionase como foco de atracción para visitantes a Oleiros, e que os proprios veciños e veciñas puidesen desfrutar de escolas municipais, prezos reducidos e, en resumo, se se fixese desa iniciativa un elemento de dinamización do golf que permitise ampliar a súa práctica independentemente da procedencia social das persoas que o practicasen. Mais, lonxe de todo isto, a cesión do Pazo de Xaz ao Concello será automaticamente traspasada para a sede dun clube de golf altamente elitista, afondando aínda máis con esta actuación nunha importante bolsa de solo clasista e estabelecendo a división social do espazo no noso concello.

 

Ao alcalde de Oleiros éncheselle a boca falando de estatuas do Che, de amizade con Cuba e de políticas revolucionarias, mais en Oleiros faise patente a división de territorios entre pobres e ricos, a exclusión de moitas persoas polo feito de teren uns baixos recursos económicos, así como o deseño dun concello elitista e cada día máis situado á dereita socioloxicamente, e, politicamente, dun goberno local tamén situado cada vez máis á dereita.

 

Postadata: O fiscal culpa os concellos limítrofes coa ría do Burgo da maior parte dos verquidos Agora comezamos a entender claramente que a Alternativa e mais o PSOE impedisen a moción de apoio á manifestación pola defensa da ría do Burgo. Cinco lustros gobernando o PSOE en Cambre, Culleredo e A Coruña, e a Alternativa en Oleiros, deixan esta suxa bagaxe nunha ría en que o goberno do PP na Xunta e os gobernos locais do PSOE e a Alternativa dos Veciños teñen un alto índice de responsabilidade, pola situación de abandono e de pésimo saneamento da ría do Burgo.

 

 

 

 

As escolas municipais de música e de danza non están a cumprir as expectativas

Sen clasificar Non hai comentarios

A día de hoxe, após varios anos de funcionamento das escolas municipais de música e danza, a realidade é a seguinte: non hai un grupo estábel de danza en Oleiros nin unha agrupación estábel xurdida das respectivas escolas municipais de música e danza.
Outra realidade que constato é o feito de as escolas públicas municipais seren concesións a empresas privadas, o feito de non expediren titulación oficial regrada, e, ademais, o feito de saíren máis caras do que algúns conservatorios públicos e do que moitas escolas privadas. Os veciños e veciñas de Oleiros financian estas escolas cunhas instalacións privilexiadas e cunha importante cantidade de diñeiro anual. As políticas da dirección da escola de música de Oleiros xeraron a desaparición da mellor e máis exitosa agrupación existente (a Big Band), o despedimento do seu director, que era, ademais, un dos mellores mestres segundo opinaban alumnas, alumnos, pais e nais.
Despois dun lustro de funcionamento, as escolas de música e de danza non conseguen xerar agrupacións ou grupos estábeis que representen Oleiros dignamente, e só se realizan actuacións para as nais e os pais e para outros familiares de alumnas/os, mais sen se incidir na proxección real destas/es sobre a sociedade. A mocidade oleirense que ten creado fóra do concello grupos de rock, de folk e doutros estilos musicais, atópase a día de hoxe sen locais de ensaio malia seren estes locais facilitados desde hai máis de un ano pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Vicepresidencia da Xunta de Galiza. Por iso lamento que o Concello de Oleiros non disponibilice estes locais e constato que todos estes datos contradín as comparecencias triunfalistas dun alcalde que non ve máis alá do que lle interesa ver.
Concellos con menos recursos económicos están a xerar bandas municipais, orquestras xuvenís e grupos de danza que actúan polo territorio de Galiza, en canto o goberno municipal segue a practicar políticas de autobombo e de autocompracencia.

Que tipo de acordo hai entre a Alternativa dos Veciños e o PSOE? Que foi o que negociaron?

Sen clasificar Non hai comentarios

 

Alternativa dos Veciños e mais o PSOE de Oleiros veñen de negociar un acordo para o Plan Xeral de Ordenación Municipal. As veciñas e os veciños teñen interese, loxicamente, en saberen en que consiste tal acordo. Debo, por tanto, facer as seguintes declaracións en referencia a este tema. Primeiro, debo salientar que hai persoas interesadas en coñeceren que outras modificacións se puideron ter producido, á parte das realizadas pola Xunta de Galiza cando devolveu o documento, ademais das exixidas tamén pola lei, aínda que o PSOE pretenda convencernos de que son froito das súas exixencias. En segundo lugar, debo indicar que as nosas veciñas e veciños teñen todo o dereito a coñeceren as modificacións polo que poida afectar nos cambios de cualificación os lexítimos intereses de calquera veciña ou veciño. E, en terceiro lugar, débese ter ter en conta que o acordo contemple a adaptación do Plan Xeral á nova realidade económica motivada pola crise xeral, e que afecta singularmente o sector inmobiliario.
Independentemente do que estes dous grupos nos queiran trasladar desde o punto de vista propagandístico, as veciñas e veciños teñen todo o dereito a exixiren a exposición pública das modificacións, e o dereito a alegaren, para non se conculcaren a novas veciñas e veciños afectados o exercicio dun dereito do que xa gozaron outras persoas na exposición inicial.

O Che non gastaría 180.000€ en monumentos faraónicos

Sen clasificar Non hai comentarios

Ninguén foi máis inimigo que o Che de fastos e monumentos faraónicos. Na reforma dunha rotonda recén construída na avenida Che Guevara, a máis importante do concello, paréceme un gasto excesivo e sen sentido gastar 180.000€ dun diñeiro público que ben podería ser empregado en mellorar o benestar da cidadanía das veciñas e dos veciños de Oleiros. Na actual situación económica é aínda máis grave que o goberno local se permita despilfarrar o diñeiro cando hai xente que o está pasando mal por motivos socio-económicos e cando hai tantas necesidades en diversos lugares do noso concello.

 

Penso tamén que existe unha seria descompensación entre as homenaxes que se tributan a numerosos persoeiros internacionais e aqueles que son nacionais galegos. Por tanto, critico que referentes galegos como Castelao ou Curros (estamos no centenario da súa morte) case non teñen monumento ningún nos espazos de Oleiros.

 

Quizais esta polémica sexa interesada e procure ocultar debates que o goberno non quere airear neste momento, como o Plan Xeral. A polémica da estatua en nada beneficia a figura do Che Guevara nin o proprio concello.

 

Finalmente, non entendo que o PP ou o PSOE critiquen unha iniciativa que apoiaron votando a favor dun orzamento que contempla ese gasto na rotonda de Nirvana.

A Alternativa e mais o PSOE pechan os ollos á realidade

Sen clasificar Non hai comentarios

Cando se aprobou inicialmente o Plan Xeral hai máis de 2 anos a situación económica non tiña nada a ver coa que estamos a vivir actualmente. A sociedade en xeral percibe claramente a crise (Zapatero chámalle “desaceleración”) que afecta fundamentalmente o sector inmobiliario, entre outros. A construción está a padecer un parón que afecta negativamente a contratación de hipotecas, as empresas auxiliares, o emprego e o consumo. Polo tanto, presentar agora un documento para o crecemento futuro do concello sen contemplar as repercusións que esta situación poida ter na planificación é unha irresponsabilidade e unha falta de visión de futuro. Cando nun fogar deixa de haber ingresos hai que detraer o gasto e procurar alternativas para este funcionar cun mínimo de garantías. Unha administración como a de Oleiros debe tamén administrar en función da realidade e non só en función de hipóteses difíciles de cumprir e que poden traer negativas consecuencias para as arcas do Concello. A resposta para os ingresos do Concello por vía urbanística non van ser os mesmos na actual situación que na bonanza económica de hai 2 anos. Son necesarias alternativas que sexan industriais, promover a construción de vivenda pública, apostar por un centro de alto rendemento en Bastiagueiro (CARdis-Galiza) de referencia mundial, impulsar reclamos turísticos de calidade, desenvolver a mobilidade no concello, deseñar medidas para o aforro enerxético, e outras cuestións que non recolle o actual documento. Se a planificación de crecemento de Oleiros para os próximos 10-12 anos non contempla estas posibilidades estaremos a cercenar a capacidade evolutiva dun municipio que se está a estancar respeito doutros concellos de Galiza. Debemos tamén subliñar que calquera modificación ou acordo para o futuro debe tentar acadar o maior consenso social e non se pode modificar ás costas da cidadanía, polo que segue sendo imprescindíbel a exposición pública das modificacións introducidas e tamén o dereito de toda a cidadanía a facer alegacións para que todas e todos nos poidamos sentir partícipes do deseño futuro do noso concello.

 

Para o BNG será imperdoábel que o Plan Xeral se aprobe por un cambalache entre dúas forzas políticas impedindo a participación e o acceso á información a que lexitimamente ten dereito o pobo de Oleiros. Estamos aínda a tempo de acadar o mellor Plan Xeral posíbel para o noso concello, amparado na lei, prevendo as flutuacións económicas futuras, conectado coa realidade e pensado fundamentalmente para a xente e non para os grupos inmobiliarios, e non pensado para os intereses partidistas ou sectarios, en definitiva, de reparto de pastel entre 2 forzas que non se entenden para gobernaren en común, mais si para o negocio de ocultos intereses.

« Entradas anteriores