A imaxe distorsionada do concello
Diante da última polémica xerada polo ínclito Ángel García Seoane, coa famosa estatua do referente revolucionario de tantas xeracións, Ernesto Guevara de la Serna, coñecido popularmente como Che Guevara, gustaríame facer unhas pequenas consideracións:1) O Che Guevara é merecedor de todas as homenaxes que se lle pretendan facer, mais sempre respeitando o seu pensamento e a súa coherente maneira de actuar segundo o seu ideario.
2) Facer unha homenaxe ao Che Guevara exixe tamén o maior número de apoios e o máis amplo consenso, e o goberno do Concello de Oleiros converte o que debería ser unha homenaxe do concello no seu conxunto ao Che nunha honra dun único partido, Alternativa dos Veciños, que non foi quen de sumar cando menos as dúas forzas máis próximas que podía ter neste concello, o PSOE e o BNG, convertendo o que tiña que ser un acto de honra nunha polémica que coloca Oleiros outra vez nos medios de comunicación como foco de desputa e enfrontamentos.
3) A colocación da estatua do Che, independentemente dos cartos que custe, vén acrecentar o número de monumentos, avenidas, parques, etc. de grandes monumentos a figuras de alén mar e a pór sobre a mesa a ausencia de ningún monumento feito en homenaxe a figuras galegas. Isto transmite unha imaxe en Oleiros que non se corresponde coa realidade, xerando enfrontamentos na cidadanía e colocando a figura do Che Guevara como un elemento de fricción en lugar de representar un icone da loita pola xustiza social e a unión entre os pobos. A ninguén lle tería gustado que unha homenaxe á súa persoa fose feita cun desmesurado custe, e caracterizada polo enfrontamento e a polémica, ademais da falta de consenso.
