Manifesto ao Consulado de Cuba e á comunidade cubana en Galiza o meu máis fondo respeito e admiración polo Che Guevara

Quero manifestar ao Consulado de Cuba e á comunidade cubana de Galiza o meu máis fondo respeito e admiración pola figura do Che Guevara, a quen considero merecedor de todas aquelas homenaxes que se lle tributen, mais entendendo tamén que o Che non pode ser instrumentalizado e utilizado por un alcalde como foco dunha polémica para enfrontar a cidadanía entre si, como tampouco para enfrontar os partidos políticos. Debido á torpeza das formas con que o goberno local obrou neste asunto, xa que o goberno oleirense non foi quen de consultar ao resto de forzas políticas e moito menos de chegar a un consenso para honrar a figura do Che Guevara como merece, o alcalde de Oleiros converteu un monumento e unha homenaxe ao Che nun foco de polémicas e confrontacións estériles, que nos impiden participar dun acto instrumentalizado polo goberno oleirense e utilizando para iso a moi respeitábel figura do Che Guevara.
Desde o BNG de Oleiros lembramos a loita do Che Guevara polos dereitos do pobo cubano e dos máis desfavorecidos, e seguiremos a honrar a memoria coa práctica política honesta, mais fundamentada non só na promoción de eventos e monumentos seitarios dun alcalde megalómano, senón na práctica diaria e coherente comprometida cos dereitos da cidadanía.
Por outra banda, tampouco o BNG apoia manifestacións reaccionarias impulsadas polo PP contra o monumento ao Che Guevara e sinto profundamente que o BNG non poida participar dun acto utilizado polo goberno oleirense como arma arreboladiza contra todas aquelas persoas que non coincidimos co referido goberno. Ademais, lamento que neste caso se use a figura do Che como centro desta controversia que beneficia fundamentalmente o Partido Popular, sen que o BNG poida facer máis por evitar tal situación.
