O BNG logra que o Concello de Oleiros proceda á reparación dos accesos da praia de Naval, pero non é dabondo

Sen clasificar Non hai comentarios

O BNG de Oleiros logrou que o goberno local inicie esta mesma semana as obras de asfaltado dos accesos á praia de Naval.
O BNG de Oleiros realizarou estes días na zona do contorno da praia de Naval unha recollida de sinaturas porta por porta para presionar o goberno local e adecentar os accesos.
Esta iniciativa do BNG, aplaudida polos veciños e veciñas da zona, fixo que o goberno anunciase para esta mesma semana o inicio das obras de asfaltado sen ter que chegar sequera a presentar as sinaturas recollidas (cerca de 200 até o momento).
O lamentábel é que o goberno de Alternativa dos Veciños só se comprometa a solucionar estes problemas baixo presión dos veciños e veciñas e mais do BNG, cando o abandono e deterioro da zona é tan evidente, logo de ter solicitado o BNG en numerosas ocasións ao goberno a mellora destes accesos.
Aparte do acceso, é necesario millorar a iluminación da zona, a limpeza e a seguridade con valados no litoral ademáis de adecentar os espazos públicos, avandonados á súa sorte desde hai máis de 20 anos.

O BNG agradece aos veciños e veciñas a boa acollida da iniciativa e comprométese a exercer o control da reparación dos accesos e o posterior mantemento destes.

Exiximos do goberno local unha aclaración pública sobre a fase en quen se atopan as negociacións do PXOM de Oleiros

Sen clasificar Non hai comentarios

Desde o BNG de Oleiros exiximos do goberno local unha aclaración pública sobre o fase da negociación en que se atopa o Plan Xeral. No BNG pensamos que non se pode admitir que despois de o alcalde ter apremiado a aprobación con urxencia hai máis dun mes do referido plano, encontrámonos agora cun sospeitoso silencio por parte da Alternativa dos Veciños e do PSOE sobre o que é o documento máis importante que se aprobará no presente mandato, e que condicionará o futuro de Oleiros para os vindeiros 10 anos como mínimo.
 
As veciñas e veciños do concello son conscientes do cambio económico negativo provocado pola crise que padecemos, e conscientes tamén de que esta regresión económica ten que se ver reflectida en modificacións pertinentes no Plan Xeral, para contrarrestar eses efeitos. Mais, independentemente do dereito que ten o goberno a conformar unha maioría para levar adiante a gobernabilidade do Concello, no BNG non apoiaremos de ningún modo a falta de transparencia, o ocultismo e a privación do dereito a alegar da cidadanía en calquera das modificacións introducidas neste momento, pois sería transgredir a democracia e o dereito á información.
 
Resulta moi sospeitoso este silencio cómplice entre o PSOE e mais a Alternativa dos Veciños, cando Oleiros está a se xogar o seu futuro para as comunicacións, a vivenda de promoción pública, os equipamentos, o solo industrial, os proxectos sociais, o saneamento, e os ingresos económicos e mais a calidade de vida dos seus habitantes.
 
Constatamos que se pasou dunha situación en que o alcalde tiña unhas présas desmesuradas para aprobar o Plan Xeral case nunha semana, a unha situación en que padecemos polémicas que funcionan como cortina de fume, e a un estraño silencio a respeito do Plan Xeral que fan sospeitar dalgún importante motivo pasar de repente a esta situación de silenciamento do Plan Xeral por parte de quen debería preocuparse de informar a respeito das mudanzas no PXOM, permitir a cidadanía o dereito a alegacións e informar da situación das negociacións para levar adiante o PXOM.

Non comparto e condeno firmemente os actos vandálicos contra o patrimonio público municipal

Sen clasificar Non hai comentarios

Quero manifestar a miña máis rotunda condena dos actos realizados na rotonda de Nirvana contra a custosa estatua do Che instalada hai menos de quince días polo goberno en minoría de Alternativa dos Veciños, unha estatua colocada contra a vontade do resto do Pleno Municipal, isto é, contra a maioría da representación cidadá, mais que é parte do patrimonio municipal, e, por tanto, patrimonio público do pobo de Oleiros.
A estatua do Che Guevara amañeceu hoxe cuarta feira con catro grandes pintadas feitas coas cores amarela e vermella. Este tipo de actos constitúen unha provocación contra a convivencia e un atentado contra o patrimonio artístico público, independentemente de que a colocación da estatua fose froito dun capricho persoal do alcalde. Se non apoiei no seu momento posturas que considerei antidemocráticas e unilaterais por parte do goberno local, tampouco podo apoiar actos instigados desde o Partido Popular que alimenta con estas polémicas actitudes de corte fascista que o BNG de Oleiros non pode admitir e ás cales nos opomos firmemente.
Quero indicar tamén que con este tipo de actos vandálicos contra o patrimonio municipal o único que se está a facer, ademais de incrementar o conseguinte gasto para a limpeza e reparación correspondente, e de alterar a convivencia, é dar unha escusa ao alcalde de Oleiros para regresar ao plano do vitimismo nas súas declaracións públicas.
Quero deixar clara a condena do BNG a este tipo de actos vandálicos que non compartimos en absoluto e, que lonxe de resultar reivindicativos dalgún pensamento lexítimo de oposición á colocación da estatua do Che e ao gasto que isto xerou, só crean confusión, má convivencia, desconfianza e prexuízos económicos, ademais de enrareceren o ambiente político e social.

O BNG cumpre na Xunta de Galiza con Oleiros

Sen clasificar Non hai comentarios

Hoxe quero subliñar o esforzo importantísimo que as compañeiras e compañeiros do BNG realizaron ao longo dos xa máis de 3 anos desta lexislatura na Xunta de Galiza. As consellarías do BNG na Xunta de Galiza cumpriron ao longo dos 3 anos de lexislatura xa pasados co concello de Oleiros. Proba disto son as seguintes actuacións:

 

 

-Consellaría do Medio Rural. Despois de 16 anos sen ningún investimento en Oleiros por parte dos diferentes gobernos do PP, a consellaría dirixida por Alfredo Suárez Canal leva máis de 3 anos seguidos investindo nas zonas máis rurais de Oleiros e mellorando a costa de Dexo-Mera, ademais de traballar na creación dunha UXFOR no concello.

 

-Consellaría de Innovación e Industria. A Consellaría dirixida por Fernando Blanco colabora co Concello na mellora da rede eléctrica naquelas zonas onde FENOSA ten un servizo deficiente e está a redactar un Plan Xeral de mellora de toda a rede do país, Oleiros incluído.

 

-Consellaría de Vivenda e Solo. A Consellaría dirixida por Teresa Táboas rematou e entregou as vivendas do Meixón da Auga despois de que sucesivos gobernos PP se atrasasen por 10 anos. O goberno local impide máis actuacións da Consellaría de Vivenda para proporcionar vivenda protexida pola negativa do Concello de Oleiros a entrar no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda Protexida, ademais de pola falta do 40% estipulado para vivenda protexida que regula a Lei de Vivenda.

 

-Consellaría de Cultura e Deporte. A Consellaría dirixida por Ánxela Bugallo realizou obras de mellora do artesanato da Sala Principal do Castelo de Santa Cruz, e restauración do muro exterior da illa. Ademais, celebrou a Semana do Libro en Oleiros e apoia o certame REVELA!. Apoiou no seu momento os desaparecidos Nova Factory e Cabaré. Tamén houbo un apoio á rede de bibliotecas municipais, ademais doutras subvencións diversas. No ámbito deportivo é preciso destacar a remodelación do estadio do INEF.

 

-Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Na Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, dirixida por Anxo Quintana, Portavoz Nacional do BNG, é preciso salientar a integración das escolas infantís de Dos Regos e As Galeras na rede de Galescolas (unha terceira, a da Canteira, integrarase no vindeiro curso). Tamén cómpre salientar a integración do Pazo de Arenaza na rede pública de Centros de Día, ou a construción dun Centro de Día para 80 usuarios nas Galeras (está en fase de redacción de proxecto). Houbo tamén unha axuda económica ás redeiras de Lorbé entre outras actuacións da Vicepresidencia e estase a traballar na futura implantación en Oleiros (comezo do 2009) do transporte adaptado 065.

 

Estas actuación concretas demostran que o BNG non fai políticas sectarias e independentemente das actitudes do alcalde no goberno local, apolítica debe ser para mellorar os servizos da cidadanía, independentemente das actitudes daqueles que están á fronte dos seus gobernos

 

O Plan Xeral de Oleiros, oculto baixo a estatua do Che Guevara

Sen clasificar Non hai comentarios

O alcalde de Oleiros xa conseguiu o que quería, pois a polémica xerada coa colocación do monumento ao Che Guevara fixo que o debate sobre o Plan Xeral desaparecese da vida política de Oleiros. Todas e todos constatamos a urxencia do goberno local para aprobar un Plan do que se nos ocultan os acordos acadados entre a Alternativa dos Veciños e mais o PSOE , e que se pretende levar a un Pleno Municipal para o aprobaren sen ser feita a exposición pública, nin sequera das modificacións puntuais. Mais agora, este Plan Xeral está oculto e sen que xere o debate necesario por mor da estatua do Che promovida polo alcalde. O Plan Xeral debería ser un documento de participación transparente e suficientemente coñecido dada a importancia que ten para o futuro de Oleiros.
O alcalde apremiaba os grupos políticos, nomeadamente o Partido Socialista,  para aprobar o pasado mes o documento do Plan Xeral e a día de hoxe non se sabe se se chegou a un acordo entre o PSOE e o goberno nin se ten previsión do Pleno que debe someter a votación este documento. O certo é que os 180.000€ da estatua do Che poden parecer ridículos ao lado de calquera modificación que se produza no Plan Xeral, xa que nun só cambio de calificación urbanística pode haber unha mudanza económica de cifras millonarias, e ese debate non se está a producir neste momento, en parte coa colaboración do proprio Partido Popular, moito máis interesado en gastar o diñeiro en retirar unha estatua que xa deu gasto de abondo, e tamén en parte por un PSOE interesado en ocultar os seus intereses e que desapareceu da vida política xusto nestes momentos por curiosas e estrañas razóns.
Agora, como anteriormente xa reclamamos, no BNG seguimos a reclamar o dereito da cidadanía a ter toda a información que debe ser exposta publicamente, e reclamamos tamén o dereito da cidadanía para presentar alegacións a respeito do documento inicial, e que o Plan Xeral non sexa o resultado dun cambalache entre dous grupos políticos que decidan o futuro de Oleiros como se fose un intercambio de cromos.