O Plan Xeral de Oleiros, oculto baixo a estatua do Che Guevara


O alcalde de Oleiros xa conseguiu o que quería, pois a polémica xerada coa colocación do monumento ao Che Guevara fixo que o debate sobre o Plan Xeral desaparecese da vida política de Oleiros. Todas e todos constatamos a urxencia do goberno local para aprobar un Plan do que se nos ocultan os acordos acadados entre a Alternativa dos Veciños e mais o PSOE , e que se pretende levar a un Pleno Municipal para o aprobaren sen ser feita a exposición pública, nin sequera das modificacións puntuais. Mais agora, este Plan Xeral está oculto e sen que xere o debate necesario por mor da estatua do Che promovida polo alcalde. O Plan Xeral debería ser un documento de participación transparente e suficientemente coñecido dada a importancia que ten para o futuro de Oleiros.
O alcalde apremiaba os grupos políticos, nomeadamente o Partido Socialista,  para aprobar o pasado mes o documento do Plan Xeral e a día de hoxe non se sabe se se chegou a un acordo entre o PSOE e o goberno nin se ten previsión do Pleno que debe someter a votación este documento. O certo é que os 180.000€ da estatua do Che poden parecer ridículos ao lado de calquera modificación que se produza no Plan Xeral, xa que nun só cambio de calificación urbanística pode haber unha mudanza económica de cifras millonarias, e ese debate non se está a producir neste momento, en parte coa colaboración do proprio Partido Popular, moito máis interesado en gastar o diñeiro en retirar unha estatua que xa deu gasto de abondo, e tamén en parte por un PSOE interesado en ocultar os seus intereses e que desapareceu da vida política xusto nestes momentos por curiosas e estrañas razóns.
Agora, como anteriormente xa reclamamos, no BNG seguimos a reclamar o dereito da cidadanía a ter toda a información que debe ser exposta publicamente, e reclamamos tamén o dereito da cidadanía para presentar alegacións a respeito do documento inicial, e que o Plan Xeral non sexa o resultado dun cambalache entre dous grupos políticos que decidan o futuro de Oleiros como se fose un intercambio de cromos.

Os Comentarios están pechados.