O BNG cumpre na Xunta de Galiza con Oleiros

-Consellaría do Medio Rural. Despois de 16 anos sen ningún investimento en Oleiros por parte dos diferentes gobernos do PP, a consellaría dirixida por Alfredo Suárez Canal leva máis de 3 anos seguidos investindo nas zonas máis rurais de Oleiros e mellorando a costa de Dexo-Mera, ademais de traballar na creación dunha UXFOR no concello.
-Consellaría de Innovación e Industria. A Consellaría dirixida por Fernando Blanco colabora co Concello na mellora da rede eléctrica naquelas zonas onde FENOSA ten un servizo deficiente e está a redactar un Plan Xeral de mellora de toda a rede do país, Oleiros incluído.
-Consellaría de Vivenda e Solo. A Consellaría dirixida por Teresa Táboas rematou e entregou as vivendas do Meixón da Auga despois de que sucesivos gobernos PP se atrasasen por 10 anos. O goberno local impide máis actuacións da Consellaría de Vivenda para proporcionar vivenda protexida pola negativa do Concello de Oleiros a entrar no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda Protexida, ademais de pola falta do 40% estipulado para vivenda protexida que regula a Lei de Vivenda.
-Consellaría de Cultura e Deporte. A Consellaría dirixida por Ánxela Bugallo realizou obras de mellora do artesanato da Sala Principal do Castelo de Santa Cruz, e restauración do muro exterior da illa. Ademais, celebrou a Semana do Libro en Oleiros e apoia o certame REVELA!. Apoiou no seu momento os desaparecidos Nova Factory e Cabaré. Tamén houbo un apoio á rede de bibliotecas municipais, ademais doutras subvencións diversas. No ámbito deportivo é preciso destacar a remodelación do estadio do INEF.
-Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Na Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, dirixida por Anxo Quintana, Portavoz Nacional do BNG, é preciso salientar a integración das escolas infantís de Dos Regos e As Galeras na rede de Galescolas (unha terceira, a da Canteira, integrarase no vindeiro curso). Tamén cómpre salientar a integración do Pazo de Arenaza na rede pública de Centros de Día, ou a construción dun Centro de Día para 80 usuarios nas Galeras (está en fase de redacción de proxecto). Houbo tamén unha axuda económica ás redeiras de Lorbé entre outras actuacións da Vicepresidencia e estase a traballar na futura implantación en Oleiros (comezo do 2009) do transporte adaptado 065.
