Non comparto e condeno firmemente os actos vandálicos contra o patrimonio público municipal


Quero manifestar a miña máis rotunda condena dos actos realizados na rotonda de Nirvana contra a custosa estatua do Che instalada hai menos de quince días polo goberno en minoría de Alternativa dos Veciños, unha estatua colocada contra a vontade do resto do Pleno Municipal, isto é, contra a maioría da representación cidadá, mais que é parte do patrimonio municipal, e, por tanto, patrimonio público do pobo de Oleiros.
A estatua do Che Guevara amañeceu hoxe cuarta feira con catro grandes pintadas feitas coas cores amarela e vermella. Este tipo de actos constitúen unha provocación contra a convivencia e un atentado contra o patrimonio artístico público, independentemente de que a colocación da estatua fose froito dun capricho persoal do alcalde. Se non apoiei no seu momento posturas que considerei antidemocráticas e unilaterais por parte do goberno local, tampouco podo apoiar actos instigados desde o Partido Popular que alimenta con estas polémicas actitudes de corte fascista que o BNG de Oleiros non pode admitir e ás cales nos opomos firmemente.
Quero indicar tamén que con este tipo de actos vandálicos contra o patrimonio municipal o único que se está a facer, ademais de incrementar o conseguinte gasto para a limpeza e reparación correspondente, e de alterar a convivencia, é dar unha escusa ao alcalde de Oleiros para regresar ao plano do vitimismo nas súas declaracións públicas.
Quero deixar clara a condena do BNG a este tipo de actos vandálicos que non compartimos en absoluto e, que lonxe de resultar reivindicativos dalgún pensamento lexítimo de oposición á colocación da estatua do Che e ao gasto que isto xerou, só crean confusión, má convivencia, desconfianza e prexuízos económicos, ademais de enrareceren o ambiente político e social.

Os Comentarios están pechados.