Exiximos do goberno local unha aclaración pública sobre a fase en quen se atopan as negociacións do PXOM de Oleiros


Desde o BNG de Oleiros exiximos do goberno local unha aclaración pública sobre o fase da negociación en que se atopa o Plan Xeral. No BNG pensamos que non se pode admitir que despois de o alcalde ter apremiado a aprobación con urxencia hai máis dun mes do referido plano, encontrámonos agora cun sospeitoso silencio por parte da Alternativa dos Veciños e do PSOE sobre o que é o documento máis importante que se aprobará no presente mandato, e que condicionará o futuro de Oleiros para os vindeiros 10 anos como mínimo.
 
As veciñas e veciños do concello son conscientes do cambio económico negativo provocado pola crise que padecemos, e conscientes tamén de que esta regresión económica ten que se ver reflectida en modificacións pertinentes no Plan Xeral, para contrarrestar eses efeitos. Mais, independentemente do dereito que ten o goberno a conformar unha maioría para levar adiante a gobernabilidade do Concello, no BNG non apoiaremos de ningún modo a falta de transparencia, o ocultismo e a privación do dereito a alegar da cidadanía en calquera das modificacións introducidas neste momento, pois sería transgredir a democracia e o dereito á información.
 
Resulta moi sospeitoso este silencio cómplice entre o PSOE e mais a Alternativa dos Veciños, cando Oleiros está a se xogar o seu futuro para as comunicacións, a vivenda de promoción pública, os equipamentos, o solo industrial, os proxectos sociais, o saneamento, e os ingresos económicos e mais a calidade de vida dos seus habitantes.
 
Constatamos que se pasou dunha situación en que o alcalde tiña unhas présas desmesuradas para aprobar o Plan Xeral case nunha semana, a unha situación en que padecemos polémicas que funcionan como cortina de fume, e a un estraño silencio a respeito do Plan Xeral que fan sospeitar dalgún importante motivo pasar de repente a esta situación de silenciamento do Plan Xeral por parte de quen debería preocuparse de informar a respeito das mudanzas no PXOM, permitir a cidadanía o dereito a alegacións e informar da situación das negociacións para levar adiante o PXOM.

Os Comentarios están pechados.