CARTA ABERTA AO ALCALDE DE OLEIROS


Fina Quintáns

Carta de Fian Quintáns ao Alcalde de Oleiros.

Estimado sr. alcalde:

Sorprendennos moito no BNG as súas declaracións polo posicionamento do BNG sobre o Plan Xeral de Oleiros, e sobre todo cando vostede afirma que o documento actual é o mesmo que o inicial apoiado polo Bloque Nacionalista Galego.

O actual documento, cos cambios introcudidos por vostede no acordo co PSOE, descoñecemolo nós e todos os veciños e veciñas do concello, e o documento inical, non serviría neste momento non por un antoxo do BNG, senón porque desde hai tres anos que se aprobou, mudaron algunhas situacións de moita trascendencia para o futuro de Oleiros e para o conxunto do País.

Saberá vostede que desde a aprobación inicial entrou en vigor a Lei de Protección do Litoral e se teñen aprobado a Lei de Vivenda ou o Decreto de Normas do Habitat Galego. Ademáis, todos sabemos xa que estamos no comenzo dunha importante crise económica que afecta en grande medida á construcción de vivendas libres e que esta situación obriga a facer fondos cambios nas previsións de futuro para o noso concello.

Debemos adaptarnos ás novas leis e normativas pero tamén debemos facer previsións de crecemento adaptadas á nova situación, promovendo vivenda pública para os que máis a necesitan e non en función da antigüedade no padrón municipal, apostar decididamente por alternativas económicas como o turismo de calidade, novos espazos para o crecemento industrial e millores comunicacións e transporte público que facilite e abarate a mobilidade no noso concello e na comarca ademáis de incrementar a colaboración institucional para millorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas.

No BNG non criticamos un documento que descoñecemos, senón que facemos propostas e demandamos transparencia, participación e respeto aos dereitos mínimos de todos os cidadáns á información e a alegar aos cambios que consideren oportunos.

No documento inicial, tivemos acceso a un CD co documento do PXOM, período de exposición pública, alegacións e mesmo aportacións das entidades. Agora, non temos coñecemento exacto dos acordos acadados por vostedes (só propaganda mediática) e non hai as mínimas garantías de transparencia, información e diálogo, polo que non pretenderá vostede que o BNG apoie “a cegas” un documento que descoñecemos nós e todo Oleiros, fiandonos só da súa contradictoria palabra.

Estimado alcalde, creame cando lle digo que no BNG estaríamos encantados de poder apoiar un Plan Xeral o máis consensuado posíbel para Oleiros, pero de ningunha maneira podemos ser cómplices dunha aprobación pactada de costas aos cidadáns, con “premeditación, alevosía e nocturnidade politicas”.

Aínda está vostede a tempo de pechar as sospeitas sobre un acordo, que por secreto, parece ocultar intereses inconfesábeis, facendo un proceso de aprobación limpo e transparente, e nese caso, o BNG, independentemente do seu voto, será respetuoso e acatará con total normalidade a vontade maioritaria do Pleno.

Sen máis, reciba vostede un sincero saúdo de Fina Quintáns, Portavoz Municipal do BNG de Oleiros.Fina Quintáns

Os Comentarios están pechados.