30 Setembro, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
Desde a denuncia pública do BNG das irregularidades e as carencias do transporte metropolitano no concello de Oleiros, o goberno local ten mudado radicalmente o seu posicionamento.
O goberno local pasou en só uns días de descualificar o BNG por denunciar a ilegalidade na concesión das liñas e demandar a mellora de frecuencias e paradas en toda a comarca a exixir á Xunta a financiación completa dese transporte (160.000 € que paga o Concello integramente) e a ampliación do servizo tal e como demandaba o BNG.
No BNG comprácenos comprobar que apesar das descualificacións e insultos recibidos desde o goberno municipal, ao final o Concello asume as propostas do BNG na práctica e exixe á Consellaría de Política Territorial executar integramente as súas competencias en lugar de cargar para o Concello con gastos e servizos que non lle corresponden por lei, para poder atender as necesidades de mobilidade dos veciños e veciñas.
Outra iniciativa do BNG fixo recuar a Consellaría de Educación e manter o transporte extraescolar entre os transportes públicos de Oleiros, así como tamén a mobilización de Naval forzou un expediente de expropriación forzosa para mellorar os accesos na zona, ademais doutras numerosas iniciativas que sen dúbida promoven melloras en Oleiros que non se terían producido sen o compromiso coa cidadanía e a intervención do BNG.
As políticas “copiadas” de iniciativas do BNG polo goberno de A.VV. evidencian a falta de ideas do goberno local e o enfado deste cando no BNG poñemos sobre a mesa a nosa coherencia e a defensa dos intereses da cidadanía.
29 Setembro, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
O BNG de Oleiros exixe ao goberno local a máxima urxencia na reparación da cuberta do patio exterior da escola infantil da Canteira, con problemas estruturais graves e risco de derrubamento.
A escola infantil máis nova do concello de Oleiros, que conta con só 3 anos de existencia e unha moderna construción para os nenos e as nenas de 0 a 3 anos, e que se deberá integrar o próximo ano na rede de galescolas, non pode manter por máis tempo unha cuberta de formigón armado con 3 pequenas columnas e un valado de obra protexendo o uso por parte dos nenos e nenas nunha situación de grave deterioro.
Iniciado xa o curso escolar, urxe acometer dunha vez o derrubamento da estrutura referida en pésimas condicións e levar a cabo o posterior levantamento doutra cuberta con todas as medidas de seguridade. Os pais e nais que enviaron os seus fillos e fillas a esta escola infantil agradecen, á vista do estado de deterioro da cuberta, que non tivese acontecido ningún accidente grave nese período, e non entenden que tivesen que pasar 3 anos para darse conta por parte do Concello do perigo que representa esa cuberta.
Sen entrar a valorar as cotas de responsabilidade que poda ter a empresa construtora e, polo tanto, tamén as equipas técnicas que valoran e recepcionan esa obra, o que urxe neste momento para o BNG é que se dea unha solución rápida e definitiva, polo que o Concello debe acometer por vías de urxencia a solución a este problema, independentemente de depurar as responsabilidades a quen corresponder.
26 Setembro, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
O BNG solicitou esta mañá por rexistro ao alcalde de Oleiros o número de licenzas urbanísticas concedidas no concello de Oleiros no ano 2007 e no que levamos de 2008, coas súas correspondentes cantidades de ingresos obtidos a través das referidas licenzas.
Fina Quintáns solicitou hoxe ao alcalde de Oleiros a información referida ao número de licenzas de 2007 e do que levamos de 2008 cos seus correspondentes ingresos para analisar e estudar as repercusións que a crise económica está a ter nos últimos tempos na actividade urbanística de Oleiros, xa que o noso concello ten unha grande dependencia dos ingresos a través da vía urbanística.
26 Setembro, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
Os veciños e veciñas dos Tornos en Oleiros (na zona limítrofe co concello de Sada) seguen agardando polas actuacións do goberno local e lamentando a discriminación que teñen respeito doutras zonas do concello de Oleiros.
Os Tornos agarda tamén que o bo entendemento do alcalde de Oleiros co seu homónimo de Sada facilite a execución da rede de viais, saneamento, iluminación e mantimento, inexistente nesa zona, e que outros acordos acadados co concello veciño se materialicen a través dunha capacidade de diálogo que se ten comprobado por parte do alcalde do BNG de Sada, mais que até ao momento non se ten observado por parte do goberno local de Oleiros.
A portavoz do BNG, Fina Quintáns, manterá nos vindeiros días reunións cos veciños e veciñas da zona para materializar as súas reivindicacións e, se é preciso, promover algunha iniciativa pública, ou mesmo chegar a realizar unha mobilización para reclamar unha atención inexistente até agora por parte do goberno local.
25 Setembro, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
|
|
O alcalde de Oleiros minte cando fala de acordo entre as empresas e totalmente falso. Non ai ningún tipo de acordo,e de feito se síguen os procesos xudiciais abertos.
Poderiase preguntar ao alcalde ou ao secretario xeral da Consellaría quen sería o responsable no caso de que houbese un acccidente con víctimas, agora que está demostrada a ilegalidade do servizo.
Previo ás eleccions autonómicas pasadas, autorizaron de forma electoralista e ilegal
o que despois os xuices denegaron.
Son necesarios servizos continuos entre Mera, Maianca, Broño, Galgos, Arillo, Rialta, Franzomel, Santa Cruz, Bastiagueiro, Oleiros, Iñax, Sarro, O Seixal, O Paraugas, O Burgo, Hacea da Má, Vilaboa, A Corveira, O Portazgo, Palavea, Alf.Molina, Meicende, Pastoriza, Poligono de Sabon, Arteixo.
O mesmo, Sada, Esp. Santo, Catro Camiños, Cambre, A Rocha, Poligono de Sabon que intercomuniquen as parroquias da área metropolitana coa cidade e os centros de traballo ademáis de bús universitario desde a comarca aos campus universitarios da UDC de manira directa.
Estos servizos, vertebrarían sen enlaces a área metropolitana e permitirían que a xente fose e viñese, entre outros sitios a estudar a Elviña, traballar na Grela, Iñás ou en Sabon, sen ter que enlazar, evitando esperas e trasbordos ademáis de pagar varios billetes.
Destacar que se deben criar con todos os procedementos legais vixentes, e axilizando os prazos.
E falndo de electoralismo, con que nos sorprenderá o PSOE antes das eleccions en relación
o transporte metropolitano?. Agardemos -que ilusos somos- que non sexa outra pantomima como a do PP no 2005. |
25 Setembro, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
|
|
- El Ayuntamiento de Oleiros (A Coruña), mediante resolución de Alcaldía, acordó la cesión de uso de un inmueble municipal como sede social, situado en Santa Cristina (Perillo), que consta de planta baja y primera. Estamos gestionando fórmulas de financiación de la obra de acondicionamiento, mediante subvenciones y aportaciones privadas.
O texto que figura encima, foi extraído da páxina web da Asociación Galega de Xestores Deportivos www.agaxede.org confirmando a nova feita pública a pasada semana polo BNG de Oleiros na que afirmabamos que a partida de 20.000€ do Orzamento aprobado polo grupo de goberno de Alternativa dos Veciños co apoio de PSOE e PP non se ía a executar porque o Alcalde de Oleiros pretende ceder o inmoble público a unha asociación privada non municipal, sen consultar ás forzas politicas, ás entidades e aos clubes deportivos.
AGAXEDE é unha asociación privada que debe financiar o aluguer ou compra dos seus locais sociais como fan os Colexios oficiais, os partidos politicos e mesmo clubes deportivos.
A antiga casa da Xuventude, debe ter un destino público municipal, esto é, uso de entdades municipais, veciñais, deportivas, xuvenís, etc. polo que esta entidade que recibe claramente un trato de favor do concello de Oleiros nin é de caracter municipal, nin é un ente público, nin é unha cesión prioritaria cando os mozos de Oleiros están sin locais de ensaio, numerosos clubes precisan de espazos para reunirense, e existen numerosas carencias no tecido asociativo municipal.
Esta cesión de patrimonio municipal debera aprobarse en Pleno, fixando a temporalidade, asinando un convenio de xestión do inmoble e con todas as garantías legais como calquera outra cesión de patrimonio a unha institución tan e como se formaliza nas cesións de uso de terreos ou inmobles a outras administracións.
O alcalde, de ceder este inmoble mediante unha resolución da Alcaldía, estará cometendo unha ilegalidade, denunciable diante da Xustiza. |
25 Setembro, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
|
|
Desde o BNG de Oleiros, celebramos que se teñan criado liñas de autobuses ás parroquias de Oleiros, que se tenda a mellorar o transporte metropolitano por estrada, ferrocarril ou marítimo, mais sempre respeitando a legalidade vixente e as garantías de libre concorrencia, transparencia e os mínimos dereitos nas concesións dos servizos públicos.
Parécenos grave que un alcalde xustifique ilegalidades manifestadas en dúas sentenzas xudiciais, e máis aínda, que subvencione servizos públicos sen as mínimas garantías acusando o BNG como se fose a nosa organización a causante dun servizo prestado irregularmente cando foi criado polo PP na precampaña das pasadas eleccións autonómicas, mantido polo PSOE na Consellaría de Ordenación do Territorio e apoiado e co-financiado polo Concello de Oleiros (A.VV) ao longo destes tres anos.
O BNG defende coa moción que apresentamos no Pleno de hoxe un verdadeiro transporte público metropolitano, mais con todas as garantías legais exixidas pola Lei que tanto o Secretario Xeral da Consellaría (Luís Vazquez) como o Alcalde (Ángel García Seoane) deben defender e facer cumprir como autoridades obrigadas a velar polo seu cumprimento.
Pódese e débese prestar o servizo de maneira legal para non criar precedentes de concesións “a dedo” desde a administración pública en un sector marcado desde hai anos por titularidades históricas de viais por parte das empresas que foron suprimindo servizos públicos en función da rendabilidade económica esen que as consellarías tanto do PP no período Fraga como o PSOE de Touriño teñan feito nada por garantir as mínimas prestacións públicas do servizo do tranporte na área metropolitana. |
25 Setembro, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
|
|
|
Unha nova sentenza, declara NULAS as resolucios do servizo provincial de transportes que autoriza a Calpita a prestación do transporte metropolitano que se puxo en marcha en Oleiros antes das últimas eleccions autonómicas promovida polo Partido Popular.
Como saben, esta e a segunda sentenza sobre o mesmo tema, e ainda así seguese prestando, ca connivencia ca Dirección Xeral de Transportes e mais do concello de Oleiros que paga por este servizo totalmente ilegal. En fin
que as administracios non fan asta agora caso das sentenzas xudiciais, con un servizo que segue a ser precario na nosa comarca en frecuencias, horarios, paradas e asistencia a numerosos usuarios como os estudantes da UDC en Elviña e A zapateira que residen fora da cidade de A Coruña.
Unha proba máis da connivencia entre o PSOE e Alternativa dos veciños, esta vez co transporte público de Oleiros, pagando con diñeiro público servizos declrados ilegais polos xuices con total coñecemento e reponsabilidade por pare do concello e da Dirección xeral de transportes da que é Secretario Xeral o anterior portavoz do PSOE de Oleiros, D. Luís Vazquez. |
24 Setembro, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
|
|
O PP de Oleiros pretende presentar mañá unha moción para mellorar os xogos infantís dos espazos públicos do concello de Oleiros, proposta esta que nos parece correcta, mais que precisa de certas matizacións:
1º) Os xogos infantís deben homologarse e adaptarse ás normativas de seguridade en vigor.
2º) Sorpréndenos que o PP proceda nos plenos a presentar mocións que conteñen gastos que eles mesmos non preveron cando apoiaron a aprobación dos orzamentos municipais.
3º) O BNG apoia calquera iniciativa que vaia no sentido de garantir e protexer a seguridade dos máis cativos e das máis cativas, e o respeito á normativa vixente, mais tamén denunciamos a hipocrisia política do PP e do PSOE por apoiaren uns orzamentos que agora emendan de facto cada mes ao proporen gastos que non figuran no documento apoiado por ambos os partidos.
|
O BNG lamenta a ausencia do grupo de Alternativa dos Veciños e do PSOE nas manifestacións para exixir o saneamento da Ría do Burgo e acusa o alcalde de Oleiros de negar as evidencias sobre os verquidos na ría nos tramos do concello de Oleiros.
Que García Seoane se teña negado a aprobar a moción do BNG para exixir o compromiso inmediato para a execución do saneamento da Ría do Burgo á Consellaría de Medio Ambiente e ao Goberno español evidencia a súa falta de compromiso cos problemas da comarca, e evidencia tamén que tanto Alternativa dos Veciños como o PSOE poñen por diante do interese xeral os seus intereses partidistas. Calquera veciño ou veciña que pasee polas marxes da Ría do Burgo pode observar a simple vista os focos de verquidos tanto nas zonas da Coruña, Culleredo, e Cambre, como en Oleiros, polo que a negación por parte do alcalde do que se pode observar a simple vista semella unha burla á intelixencia da cidadanía.
García Seoane, máis preocupado polos apoios do PSOE, o Plan Xeral, e unha cobertura do seu futuro político, amosa estar disposto a gobernar de costas á comarca. No BNG agardamos que esta actitude se corrixa cando menos no vindeiro pleno, e que Alternativa dos Veciños apoie a moción do BNG para a mellora do transporte metropolitano, que acumula 5 lustros de atrasos e que impiden pór a área metropolitana da Coruña no camiño do progreso definitivo facilitando a mobilidade e o aforro enerxético. No BNG desexamos, por tanto, que o alcalde teña a ben sumarse á defensa dos intereses da cidadanía e que non antepoña a estes os intereses especulativos dos gobernos da comarca nos últimos 25 anos.