O BNG lamenta a ausencia do grupo de Alternativa dos Veciños e do PSOE nas manifestacións para exixir o saneamento da Ría do Burgo e acusa o alcalde de Oleiros de negar as evidencias sobre os verquidos na ría nos tramos do concello de Oleiros.
Que García Seoane se teña negado a aprobar a moción do BNG para exixir o compromiso inmediato para a execución do saneamento da Ría do Burgo á Consellaría de Medio Ambiente e ao Goberno español evidencia a súa falta de compromiso cos problemas da comarca, e evidencia tamén que tanto Alternativa dos Veciños como o PSOE poñen por diante do interese xeral os seus intereses partidistas. Calquera veciño ou veciña que pasee polas marxes da Ría do Burgo pode observar a simple vista os focos de verquidos tanto nas zonas da Coruña, Culleredo, e Cambre, como en Oleiros, polo que a negación por parte do alcalde do que se pode observar a simple vista semella unha burla á intelixencia da cidadanía.
García Seoane, máis preocupado polos apoios do PSOE, o Plan Xeral, e unha cobertura do seu futuro político, amosa estar disposto a gobernar de costas á comarca. No BNG agardamos que esta actitude se corrixa cando menos no vindeiro pleno, e que Alternativa dos Veciños apoie a moción do BNG para a mellora do transporte metropolitano, que acumula 5 lustros de atrasos e que impiden pór a área metropolitana da Coruña no camiño do progreso definitivo facilitando a mobilidade e o aforro enerxético. No BNG desexamos, por tanto, que o alcalde teña a ben sumarse á defensa dos intereses da cidadanía e que non antepoña a estes os intereses especulativos dos gobernos da comarca nos últimos 25 anos.



