O BNG de Oleiros exixe ao goberno local a máxima urxencia na reparación da cuberta do patio exterior da escola infantil da Canteira
Setembro 29, 2008 9:46 am Sen clasificarO BNG de Oleiros exixe ao goberno local a máxima urxencia na reparación da cuberta do patio exterior da escola infantil da Canteira, con problemas estruturais graves e risco de derrubamento.
A escola infantil máis nova do concello de Oleiros, que conta con só 3 anos de existencia e unha moderna construción para os nenos e as nenas de 0 a 3 anos, e que se deberá integrar o próximo ano na rede de galescolas, non pode manter por máis tempo unha cuberta de formigón armado con 3 pequenas columnas e un valado de obra protexendo o uso por parte dos nenos e nenas nunha situación de grave deterioro.
Iniciado xa o curso escolar, urxe acometer dunha vez o derrubamento da estrutura referida en pésimas condicións e levar a cabo o posterior levantamento doutra cuberta con todas as medidas de seguridade. Os pais e nais que enviaron os seus fillos e fillas a esta escola infantil agradecen, á vista do estado de deterioro da cuberta, que non tivese acontecido ningún accidente grave nese período, e non entenden que tivesen que pasar 3 anos para darse conta por parte do Concello do perigo que representa esa cuberta.
Sen entrar a valorar as cotas de responsabilidade que poda ter a empresa construtora e, polo tanto, tamén as equipas técnicas que valoran e recepcionan esa obra, o que urxe neste momento para o BNG é que se dea unha solución rápida e definitiva, polo que o Concello debe acometer por vías de urxencia a solución a este problema, independentemente de depurar as responsabilidades a quen corresponder.

