O BNG consegue que o goberno local mude a súa postura sobre o transporte
Setembro 30, 2008 1:10 pm Sen clasificarDesde a denuncia pública do BNG das irregularidades e as carencias do transporte metropolitano no concello de Oleiros, o goberno local ten mudado radicalmente o seu posicionamento.
O goberno local pasou en só uns días de descualificar o BNG por denunciar a ilegalidade na concesión das liñas e demandar a mellora de frecuencias e paradas en toda a comarca a exixir á Xunta a financiación completa dese transporte (160.000 € que paga o Concello integramente) e a ampliación do servizo tal e como demandaba o BNG.
No BNG comprácenos comprobar que apesar das descualificacións e insultos recibidos desde o goberno municipal, ao final o Concello asume as propostas do BNG na práctica e exixe á Consellaría de Política Territorial executar integramente as súas competencias en lugar de cargar para o Concello con gastos e servizos que non lle corresponden por lei, para poder atender as necesidades de mobilidade dos veciños e veciñas.
Outra iniciativa do BNG fixo recuar a Consellaría de Educación e manter o transporte extraescolar entre os transportes públicos de Oleiros, así como tamén a mobilización de Naval forzou un expediente de expropriación forzosa para mellorar os accesos na zona, ademais doutras numerosas iniciativas que sen dúbida promoven melloras en Oleiros que non se terían producido sen o compromiso coa cidadanía e a intervención do BNG.
As políticas “copiadas” de iniciativas do BNG polo goberno de A.VV. evidencian a falta de ideas do goberno local e o enfado deste cando no BNG poñemos sobre a mesa a nosa coherencia e a defensa dos intereses da cidadanía.

