O BNG pregunta no Parlamento polo comedor do Colexio Valle Inclán de Perillo

Sen clasificar Non hai comentarios

A Consellaría de Educación responderá sobre a ausencia de comedor no colexio de Primaria Valle Inclán de Perillo por iniciativa do grupo do Bloque Nacionalista Galego na Cámara Galega. O noso portavoz parlamentar, Carlos Aymerich, preguntou a Educación sobre os motivos polos que a Asociación de Pais e Nais de Alumnos/as (ANPA) do centro se ve obrigada a xestionar e costear o servizo de comedor existente nestes momentos no colexio, que da servizo a perto de 140 alumnos mediante a contratación dunha empresa de cáterin.


Os pais e nais d@s escolares, coinciden coa formación nacionalista, e consideran que é o organismo autonómico quen debe facerse cargo do mantimento do comedor no Valle Inclán. O BNG engadiu que, de acordo coa normativa vixente, “só excepcionalmente as ANPAS poderán colaborar nas funcions de atención ao alumnado beneficiario do servizo de comedor escolar”. A asociación do colexio Valle Inclán, polo contrario, denunciou hai unhas semanas que desde que se estabeleceu o servizo de comedor no centro vense facendo cargo deste, apesar de a decena de usuarios e usuarias do inicio teren incrementado en más de un centenar.


A pregunta formulada polo BNG interpela tamén á Consellaría sobre as medidas que planea pór en marcha até se concretizar a xestión definitiva do comedor impulsado polos pais e nais, de forma que sexa menos custosa para os pais e nais. Nestes momentos, cada persoa que usa o comedor que mantén a ANPA está obrigada a desembolsar 5,50 euros por comensal, dos que, como apuntou o presidente da asociación, Tomás Cuesta, a Consellaría só cubre un euro.


Tomás Cuesta engadiu que a pregunta parlamentar do BNG chega en resposta ás denuncias efectuadas polos pais e nais, que tamén foron enviadas ao Goberno Local e ao resto de grupos políticos presentes no Concello de Oleiros.


Este caso representa con outros dous colexios públicos de Oleiros (Luís Seoane de Mera e Parga Pondal de Liáns) unha discriminación con respecto ao único colexio público con comedor da Xunta de Galiza, a Rabadeira, que conta con cociña propria e prezos moito máis asequíbeis.


Documento en PDF coa pregunta parlamentar do BNG a respeito do comedor escolar do Colexio Valle Inclán de Perillo.


OS ROUBOS DE BANDAS ORGANIZADAS E O MODELO URBANÍSTICO.

Sen clasificar Non hai comentarios

Urbanización de Oleiros.

Urbanizacións en “fondo de saco”, espalladas ao longo do territorio, illadas entre si e dispersas, sen tecido social, restrinxidas a grupos sociais con rendas similares e de poder adquisitivo medio-alto, sen locais comerciais e coa dificultade de dar servizos con ese modelo, de gas, auga, transporte, e mesmo vixilancia agás aquelas que a pagan de maneira privada.

O BNG non culpabiliza a cidadanía por residir onde prefira, como se podería malinterpretar, senón que o que plantexa é a debilidade dun modelo urbanístico.

Oleiros ten un modelo urbanístico extensivo, máis americano que europeo, que encarece a prestación de servizos e sen tecido social, o que fai de reclanmo para bandas organizadas de delincuentes tamén “de alto standing” que buscan vivendas de rendas altas, illadas, difíciles de controlar na súa seguridade.

Evidentemente, existe delincuencia noutros concellos e bairros, mais doutra tipoloxía, e falar do urbanismo de Oleiros sesgadamente valorando só o positivo e rexeitando aqueles aspectos evidentemente menos positivos deste urbanismo, resulta interesado e irresponsábel, pois é renunciar “de facto” a que un urbanismo máis social poida ser tamén de calidade e condenar as familias de menos renda a un urbanismo marxinal.

O modelo de Oleiros é, evidentemente, mellor que o de concellos do arredor en moitos aspectos, mais iso non xustifica todo o que se fai nin impide que se teña que dar un debate na actual realidade que sente un modelo máis social, economicamente sustentábel e aberto a todos os cidadáns e cidadás independentemente do seu nível de renda. Ese novo modelo pode e debe ser urbanisticamente de calidade, programando o crecemento en círculos concéntricos arredor dos núcleos consolidados existentes e non agredindo o territorio coa súa total “ocupación” como até agora.

Oleiros ten 1/3 máis de consumo de auga por habitante que a media do resto da comarca polo alto número de piscinas e xardíns privados, e os gastos de mantimento e criación de servizos son tamén máis elevados que os dos concellos do arredor, ademais de non ter acompañado o crecemento de 1000 habitantes cada ano nos últimos 15 anos con medidas para a mobilidade, o transporte e mesmo as infraestruturas viarias para este crecemento.

As bandas organizadas non asaltan os andares de Arillo, Santa Cristina ou Santa Cruz, mais si que teñen un grande abano de propriedades illadas, afastadas dos núcleos urbanos e mesmo con caixas fortes de 800 kgs. en que actúan se riscos e con probabilidades de sacaren altos beneficios.

O BNG critica a postura do Concello e do Partido Popular a respeito dos roubos

Sen clasificar Non hai comentarios

A posición do goberno de Oleiros a respeito dos últimos roubos no concello, chama moito a atención. A concelleira de interior do Goberno Local propuxo estes días como solución para os veciños e veciñas que extremen as medidas de seguranza pechando ben as súas portas e fiestras.


Mentres, o Partido Popular tira da receita reaccionaria de “máis policia” para procurar solucións. Desde o BNG entendemos que as solucións teñen de ser estruturais e non puntuais, nin pola vía do control e a represión, e moito menos con pintorescas recomendacións de pecharse na casa trancando portas e fiestras. Medidas como as que expoñen publicamente o goberno local de Oleiros e mesmo a delegación do goberno español en Galiza, que asegura que os asaltantes son extremadamente perigosos, incrementan o alarmismo e o sensación de desprotección de veciños e veciñas que miran con perplexidade a inutilidade dos responsábeis políticos diante desta situación.


Resulta “tranquilizador” que a única medida que se lle ocurra ao goberno local sexa a recomendación dun coidado na seguridade ademais de xerar entre os veciños e veciñas con esa recomendación un alarmismo e unha psicose que en nada axuda a solucionar o problema.


Que as bandas organizadas escollan casas de Oleiros para os seus roubos ten orixe na tipoloxía de urbanismo clasista promovida polo goberno oleirense desde hai máis de vintecinco anos, con urbanizacións illadas entre si, dispersas por todo o territorio e con prezos selectivos para rendas de poder adquisitivo medio-alto que actúan como imán para aquelas bandas que buscan vivendas das que sacar rendabilidade económica nos seus asaltos.


O goberno de Oleiros, ademais de encarecer a prestación de servizos públicos con este urbanismo, xerou tamén a criación dun concello que é percibido pola cidadanía como un municipio socioloxicamente “de ricos” que foi planificado de maneira extensiva en lugar de ser programado o seu crecemento en círculos concéntricos arredor dos núcleos consolidados, o que provoca que sexamos foco en momentos de crise económica de actuacións de bandas que actúan con esta sistematoloxía en barrios ricos de Madrid, en chalés da Zapateira e noutros lugares con características similares.


Que o goberno local expoña como únicas medidas recomendacións alarmistas e inútiles cría medo entre os veciños e veciñas, indefensión e sensación de desprotección.


A mínima seriedade dun goberno debe ir encamiñada a tomar medidas honestas e concretas, verdadeiramente serias, e a traballar caladamente en lugar de saír ao paso dos problemas incrementando a sensación de inseguridade. A día de hoxe, descoñecemos aínda se o goberno local ten tomado xa algunha decisión concreta no que atinxe á seguridade, porque o problema do modelo urbanístico resulta bastante máis lento e dificil de solucionar.


Miguelanxo Prado pintará un mural na Biblioteca da Rialeda

Sen clasificar Non hai comentarios

O grande artista galego do debuxo realizará unha obra mural na Biblioteca Central Rialeda en Oleiros por unha iniciativa da Consellaría de Cultura da Xunta de Galiza que dirixe a nacionalista Ánxela Bugallo.


O artista realizará unha obra mural nesta biblioteca situada no pazo da Rialeda en Perillo e a obra estará finalizada no mes de decembro.


Na presentación desta iniciativa celebrada onte estiveron representantes do goberno local (concelleira de Cultura, a alcaldesa en funcións, a directora das bibliotecas de Oleiros e o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará).


Esta é unha nova iniciativa das consellarías nacionalistas do goberno galego no concello de Oleiros, neste caso da Consellaría de Cultura e Deporte, que ten apoiado a Semana do Libro, a rehabilitación dos muros do Castelo de Santa Cruz, a rehabilitación do estadio do INEF-Galiza, a celebración de Alfaroleiros e o REVELA!, alén doutras iniciativas culturais e deportivas.


MAGOSTO DO BNG DE OLEIROS

Sen clasificar Non hai comentarios


SOCIEDADE GASTRONÓMICA NAZONALISTA “NÓS”

O BNG de Oleiros convoca afiliadas e afiliados,
simpatizantes,
amigas e amigos,
veciñas e veciños de Oleiros e da comarca,
alén doutras persoas boas e xenerosas
vindas dos lugares máis recónditos do noso país
ao

MAGOSTO DO BNG

que se celebrará na

CASA DO POBO DE MERA

DOMINGO, 9 DE NOVEMBRO DE 2008

desde as 12h00 até á última hora da tarde

co seguinte

MENÚ:

Empanada
Xamón asado
Castañas asadas
Sobremesa variada
con
Figos de Cacheiro

Haberá unha boa selección de refrescos e viños diversos,
alén do imprescindíbel café.

Para confirmardes a vosa asistencia só é preciso enviardes un correo electrónico a bng.oleiros@gmail.com indicándodes o nome e apelido/s da/s persoa/s interesada/s.

Prezo por persoa: 20€

FINA QUINTÁNS REÚNESE ESTA TARDE COS VECIÑOS DE A COVA-AS TORRES

Sen clasificar Non hai comentarios


Vía ArtabraEsta tarde, a Portavoz Municipal do BNG Fina Quintáns e o Responsábel Local do BNG de Oleiros Xurxo Dopico, reuniranse cos representantes dos veciños e veciñas de A Cova-As torres para analizar as reivindicacións realizadas por estes ao concello e ver a posibilidades de realización destas demandas por parte do goberno local.

O BNG ofrecerá aos veciños o seu apoio na demanda de milloras nesa zona en todos aqueles problemas en espazos públicos dependentes do Concello, ademáis debrindarse a levar ao Pleno Municipal algunha pregunta sobre as actuacións que pensa realizar o goberno local neste asunto.

Esta reunión enmarcase nas numerosas entrevistas que a nosa Portavoz e os responsabeis locais do BNG están a manter con entidades do Concello para coñecer de primeira man as necesidades das parroquias e as iniciativas dos veciños e veciñas.

OS VECIÑOS E VECIÑAS DA COVA-AS TORRES REIVINDICAN MELLORAS AO CONCELLO DE OLEIROS NESA ZONA

Sen clasificar Non hai comentarios

Xardín interior da Urbanización As Torres

Os veciños e as veciñas da zona da entidade urbanística A Cova-As Torres demandan do Concello de Oleiros unha serie de melloras de carácter público para a zona citada. As demandas referidas foron presentadas por escrito o pasado día 13 do presente mes nas dependencias do Concello e tamén remitidas ao BNG.

O texto presentado no Concello por parte da representación dos veciños e veciñas afectados da zona, e dirixido ao alcalde de Oleiros, en que se lle solicitan unha serie de demandas de carácter público para esta zona limítrofe entre Oleiros e Sada na estrada de Oleiros a Soñeiro, foi tamén enviado ao BNG para o noso coñecemento e estudo. Froito dese estudo realizado sobre o texto das demandas das veciñas e veciños da zona, o BNG de Oleiros trasladará ao Pleno Municipal unha iniciativa para coñecer de primeira man as intencións reais que o equipo de goberno ten respeito das demandas da cidadanía que vive na zona da Cova-As Torres.

Reproducimos a continuación o texto das demandas das veciñas e veciños presentado no Concello á atención do alcalde e tamén remitido ao BNG:

“Unha das Urbanizacións de recente creación (2002) e con moitos problemas pendentes é a Urbanización As Torres da parroquia de Oleiros. Exporase da forma máis clara posíbel.

1. Temas pendentes.
a. Acceso perigoso aos garaxes do recente edificio plurifamiliar na Rúa das Torres en zona sen limitación de velocidade.
b. Falta de paso de peóns na parada do bus escolar na citada rúa..
c. Recuperar a liña descontinua na Rua das Torres para acceder a Manuel de Falla.
d. Falta de beirarrúas na Rúa das Torres.
e. Praza de mestre Rodrigo de titularidade municipal sen mantemento regular e sen finalizar (Suxírese zona infantil).
f. Parque infantil en mal estado.
g. Pendente de Colectores de papel e vidro en Manuel de Falla
h. Palmeira Mestre Rodrigo-Rúa das Torres sen conservación e a piques de desprenderse anacos do muro perimetral.
i. Pintadas na urbanización.
j. Vandalismo e pintadas na marquesiña da parada do bus.
k. Reposición de tapas de rexistro de iluminación pública.
l. Beirarrúas con algunha zona afundida.

2. Incidencia da Vía Ártabra sobre a urbanización As Torres.

Tal como está deseñada a Vía Artabra, segundo os planos, pasa tan perto dos terreos da urbanización que leva parte da zona verde e parque infantil. Segundo se aprecia, a vía discorre a unha grande profundidade. Para evitar o noiro, técnicos e representantes da Consellaría propoñen construír un muro vertical con obxecto de reducir o seu impacto.

A Vía Ártabra afectará de maneira importante e moi sensibelmente esta urbanización, destruíndo máis ou menos zona verde e infantil e contaminándoa acusticamente co tránsito desta autoestrada. Como a titularidade dos terreos afectados corresponde ao Concello, as administracións competentes non informaron a esta entidade das obras, nin de como pensan compensarnos a perdida de espazos.

3. A urbanización As Torres está a sufrir múltiples afeccións.

1. Na zona norte os chalés da urbanización lindan cunha parcela comercial (Mercadona) que aínda que é un servizo moi necesario, provoca molestias aos veciños de madrugada coa chegada de camións de mercadorías e a correspondente trasfega de vehículos de clientes durante o día; unha clara consecuencia de mesturar uso residencial e comercial no mesmo cuarteirón.

2. O xardín ou paseo interior permítenos o acceso ao actual parque infantil a través dunha senda con árbores, arbustos e vexetación de baixo mantemento, algo que todos os residentes na zona apreciamos moitísimo e que contribuímos a manter durante varios anos coas achegas dos membros da entidade até que recentemente se fixo cargo o noso Concello.

Os veciños compraron as súas vivendas pensando que esta era unha zona verde, tal como indicou a empresa promotora e así figuraba na súa infografía.

No novo Plan Xeral que se está a tramitar, este xardín ten a condición de viaria malia o sentir de todos os veciños que formularan alegacións para que se cualificase como zona verde (denegada).

Recentemente, a prensa deu a coñecer a noticia de que o equipo de goberno de AAVV e PSOE chegaron a un acordo sobre o Plan Xeral polo que queremos pór en coñecemento dos partidos políticos as nosas necesidades e insistir en canalizar o rogo de todos os veciños da zona para que este xardín permaneza tal cal está agora como zona axardinada e se reflicta no Plan Xeral como zona verde.

Non parece correcto canalizar o tránsito por un xardín xa feito, á altura do primeiro ou segundo piso das vivendas existentes, á parte de pasar polo interior dunha urbanización que xa soporta o seu proprio tránsito en cada cuarteirón. Ademais, a vía Ártabra rompe a continuidade deste “vial”, co que carece de sentido mantelo como tal.

3. Resumindo, a situación da urbanización sería a seguinte:

1. Norte: parcela comercial con todos os seus inconvenientes para os veciños lindeiros con Mercadona, números impares de Manuel de Falla.

2. Este: autoestrada Vía Ártabra de 4 carrís.
Perda de zona verde.
Perdida do parque infantil actual.
Contaminación Acústica.

3. Xardín interior: sen a súa correspondente cualificación urbanística.

4. Sur: Edificio plurifamiliar con dificultades de acceso ao garaxe.

5. Oeste: Problemas de ordenación do tránsito.

SOLICITA

Que se atendan os temas pendentes do apartado 1, axiña que como os medios o permitan, e que o Xardín interior se manteña como tal e se recolla no novo plan xeral como zona verde.

Así mesmo, solicitamos coordenación entre o Concello e a Xunta sobre os acabados da Vía Ártabra na zona de afección á urbanización, de modo que se minimice o seu impacto e se promovan medidas paliativas á perda de calidade do contorno que vai xerar.”

CULTURA E O CONCELLO DE OLEIROS FORMALIZAN O CONVENIO DE COLABORACIÓN PARA REHABILITAR O CASTELO DE SANTA CRUZ

Sen clasificar Non hai comentarios


Anxela BugalloO acordo céntrase na consolidación estrutural e posta en valor da fortaleza.
A contía ascende a 417.864 euros, dos que Consellaría de Cultura inviste 104.466 e o Ministerio de Fomento achega 313.398 euros procedentes do 1% cultural.

A Consellaría de Cultura formaliza un convenio de colaboración co concello de Oleiros, propietario do Castelo de Santa Cruz, para a proceder á restauración desta fortaleza declarada Ben de Interés Cultural en 1949 baixo a categoría de Monumento. O Consello da Xunta autoriza mañá o acordo polo que se realizará a intervención rehabilitadora deste inmoble, que conta cun orzamento de 417.864 euros.

Os traballos consisten na estabilización da estrutura da fortaleza, de maneira que se solucionen os problemas de inestabilidade dunha parte da muralla. Así mesmo, realizaranse obras de acondicionamento no exterior, que destaquen a beleza natural do seu contorno. O castelo está situado nun illote na ría da Coruña dende o que se pode observar toda a cidade e o porto de Santa Cruz. Ademais, a illa, á que se accede por unha pasarela de madeira, conta cun paseo litoral que rodea o castelo e que permite observar a construción e divisar mellor a paisaxe.

Esta actuación, que continúa coas anteriores emprendidas pola Consellaría, conta cun orzamento de 417.864 euros repartidos en dúas anualidades: neste 2008 a Consellaría de Cultura achega o 25% do total, 104.466 euros, e no 2009 o Ministerio de Fomento achega o 75% restante, 313.398 euros procedentes do 1% cultural.

Símbolo de Oleiros

A fortaleza foi construída no século XVI polo xeneral Diego das Mariñas e posteriormente pasou a mans da familia de Emilia Pardo Bazán. O castelo, de propiedade municipal, ten unha planta irregular formada varios por muros e conta con dúas torres cadradas xunguidas por un corpo central alongado máis baixo.

O inmoble, que co tempo se converteu en símbolo de Oleiros, gozou de gran prestixio entre os séculos XVI e XVIII debido á gran actividade dos portos da vila e da Coruña, así como pola súa posición estratéxica na ría.

A corredoira das Viñas, punto negro en seguridade viaria

Sen clasificar Non hai comentarios

A corredoira das Viñas, que une a Av. Che Guevara á altura de Santa Cristina coa rúa Neira Vilas na Canteira de Perillo, atópase sen beirarrúa e sen iluminación, cunha calzada estreita que fai perigar a integridade dos peóns nun tramo altamente denso que soporta centos de vehículos diarios por comunicar a Av. Che Guevara coa zona alta de Perillo, que aumenta ano tras ano o número de residentes, e onde se atopan, ademais, o mercado, o Centro de Saúde, Correos, o colexio de primaria, a escola infantil municipal, a piscina, o instituto de secundaria, a Casa da Cultura, a igrexa municipal, etc. As fochas, a inexistencia de iluminación, e a falta de beirarrúas e cunetas, provocan que haxa un longo tramo desa estreita moi perigoso para os viandantes, pola existencia dun lateral dun muro e dun noiro que non permiten que se poida apartar.

É urxente solucionar este problema coa máxima rapidez nunha zona cunha alta densidade de poboación e de tránsito, lembrándomos que o Concello ten abordado en zonas menos concorridas a creación de beirarrúas ou plataformas peonís menos urxentes, aínda que necesarias, que este tramo.

Tres colexios de Oleiros marxinados novamente pola Consellaría de Educación

Sen clasificar Non hai comentarios

Primeiro foi o transporte escolar e agora son os comedores dos colexios públicos de Oleiros. Os colexios públicos de primaria Valle-Inclán, Luís Seoane e Parga Pondal non contan con comedor da Xunta de Galiza, o que provoca un caso de discriminación para con aqueles alumnos e alumnas que acuden a algún destes centros e que deben aboar unha media de 5 € diarios no menú, malia estaren obrigados/as a comer por un sistema de catering.


No Valle-Inclán a ANPA denunciaba que son 140 os nenos e nenas que se ven nesta situación, e que a pesar de ter autorización para construír a cociña e o comedor, nin por parte da Consellaría de Educación nin por parte do Concello fai nada útil ao respeito. O BNG amosa o seu apoio ás reivindicacións dos pais e nais destes colexios públicos para o que manterá reunións cos presidentes das ANPAS e impulsará con eles as mobilizacións que se acorden para reivindicar á Consellaría de Educación e ao Concello as súas demandas.


Hoxe mesmo o BNG apresenta no Parlamento Galego unha iniciativa parlamentar sobre a problemática dos comedores en Oleiros, ao igual que o fixera coa problemática do transporte escolar, o que modificou a actitude que mantiña a Consellaría de Educación e fixo que se reconducisen as cousas a favor do transporte escolar para as nenas e nenos de Oleiros. O BNG estudará levar ao pleno municipal unha moción de apoio a estas demandas.


« Entradas anteriores