A mocidade en Oleiros segue sen pista de skate

1:35 pm Sen clasificar

Os rapaces e rapazas de Oleiros para practicaren skate vense na obriga de se desprazaren á pista máis cercana no concello de Culleredo ou necesitan inventar artiluxios caseiros compostos de táboa, palé e outros enxeños para teren algún tipo de posibilidade de práctica deportiva do skate. O goberno local, apesar de levar anos coñecendo as reivindicacións dos mozos e mozas de Oleiros sobre este tema, fai ouvidos xordos a esta reivindicación que é xa un clamor.


Retirada a instalación obsoleta do parque José Martí, a mocidade oleirense atópase sen ningún tipo de instalacións destas características e poderíase instalar con equipamentos en breve prazo de tempo habendo vontade política para o facer.


Son numerosas as pistas polideportivas ao aire libre que ten o concello de Oleiros, algunha delas infrautilizada, e cunha instalación deste tipo poderían ter máis uso do que teñen na actualidade, atraendo rapaces e rapazas de todo o concello para a práctica desta actividade e contribuíndo á revitalización deportiva dalgunha instalación.


É por isto que o BNG realizará unha iniciativa no vindeiro pleno ordinario dirixida a demandar do goberno local a creación inmediata dun circuíto de skate.