O BNG apresentará unha iniciativa parlamentar para eliminar un punto negro na urbanización Xardín de Nós
Outubro 1, 2008 2:01 pm Sen clasificarNa estrada que vai desde San Pedro de Nós a Cecebre, á altura da Urbanización Xardín de Nós, no punto quilométrico 1.1 da AC221, de titularidade autonómica, existe un punto negro de alta perigosidade tanto para vehículos como para persoas por causa da alta velocidade á que circulan os vehículos nese tramo. Nese punto están colocados en numerosas ocasións efectivos da Garda Civil de Tránsito, mais iso non evita nin as altas velocidades nin o risco de accidentes tanto para os coches que acceden á urbanización como para as persoas que transitan por ese tramo. É por isto que o BNG de Oleiros trasladará ao Parlamento galego unha iniciativa parlamentar para se tomaren medidas por parte da Consellaría de Ordenación do Territorio (PSOE) encamiñadas a mellorar a seguridade na zona con dispositivos horizontais de redución de velocidade e verticais de limitación de velocidade, alén de cantas obras foren precisas para se garantir a seguridade nun lugar que soporta unha grande densidade de tránsito e que irá en aumento coas novas urbanizacións previstas para o futuro.
Nesa zona atópase tamén a igrexa parroquial, a Casa do Pobo de Nós, unha escola-obradoiro de xardinería, unha pista polideportiva, a Fundación Juana de Vega, unha ligazón coa estrada N-VI e coa autoestrada AP9 a Santiago de Compostela, como tamén coa desviación cara á A6, alén de existiren numerosas vivendas, ademais da urbanización anteriormente referida.




