Os beneficiarios das vivendas cooperativas si que poden pagalas

Sen clasificar Non hai comentarios


Desde o BNG de Oleiros sorpréndenos a comparación que fai o goberno local de Oleiros entre o modelo de Vivenda de Promoción Pública da Xunta de Galiza e o modelo promovido desde o Concello de Oleiros para eludir o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda Protexida. Que o goberno local presuma de que as vivendas cooperativas podan ser pagadas polos beneficiarios non reflicte máis que o que ten denunciado en múltiplas ocasións o proprio BNG de Oleiros, xa que non se prioriza nestas concesións a situación social e económica dos/as beneficiarios/as, senón a antiguidade de residencia no concello, pois poden levar algunha vivenda persoas cunha renda próxima aos 90.000 €.

Parécenos escandaloso que nun momento de crise económica un goberno autodenominado progresista dispute a obrigatoriedade de reservar o 40% de solo residencial á xente con menos recursos e máis dificuldades para o acceso a unha vivenda, e que se tente manipular o destino dese solo para priorizar o clientelismo deixando fóra do dereito á vivenda numerosas familias que terían dereito a ela segundo o Rexistro Único de Demandantes e que co método do Concello son excluídos para concederlle vivendas de até 90 m2 a persoas solteiras sen cargas familiares e rendas medias que poderían acceder a unha vivenda libre, ou mesmo empadroados antigos no concello que na actualidade nin sequera residen nel, contradicindo o goberno local a respeito dos principios que di defender.

Lamentamos que o goberno local teña actuado belixerantemente contra a promoción do Mesón da Auga por parte da Consellaría de Vivenda e Solo cando en só dous anos a referida consellaría foi quen de finalizar unha promoción que acumulaba 8 anos de atraso co goberno do Partido Popular.

Oleiros precisa da reserva do 40% do solo residencial para vivenda protexida porque en case 30 anos de gobernos de Alternativa dos Veciños produciuse en materia de vivenda un desequilibrio social importante, convertendo Oleiros nun concello socialmente elitista por unha nula política de vivenda pública só reconducíbel con esa reserva de solo que através de políticas para a xente leven máis xustiza social ao noso concello.