Tres colexios de Oleiros marxinados novamente pola Consellaría de Educación
Outubro 20, 2008 12:48 pm Sen clasificarPrimeiro foi o transporte escolar e agora son os comedores dos colexios públicos de Oleiros. Os colexios públicos de primaria Valle-Inclán, Luís Seoane e Parga Pondal non contan con comedor da Xunta de Galiza, o que provoca un caso de discriminación para con aqueles alumnos e alumnas que acuden a algún destes centros e que deben aboar unha media de 5 € diarios no menú, malia estaren obrigados/as a comer por un sistema de catering.
No Valle-Inclán a ANPA denunciaba que son 140 os nenos e nenas que se ven nesta situación, e que a pesar de ter autorización para construír a cociña e o comedor, nin por parte da Consellaría de Educación nin por parte do Concello fai nada útil ao respeito. O BNG amosa o seu apoio ás reivindicacións dos pais e nais destes colexios públicos para o que manterá reunións cos presidentes das ANPAS e impulsará con eles as mobilizacións que se acorden para reivindicar á Consellaría de Educación e ao Concello as súas demandas.
Hoxe mesmo o BNG apresenta no Parlamento Galego unha iniciativa parlamentar sobre a problemática dos comedores en Oleiros, ao igual que o fixera coa problemática do transporte escolar, o que modificou a actitude que mantiña a Consellaría de Educación e fixo que se reconducisen as cousas a favor do transporte escolar para as nenas e nenos de Oleiros. O BNG estudará levar ao pleno municipal unha moción de apoio a estas demandas.




