14 Outubro, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
Despois de termos constatado a baixada de solicitudes e de concesións de licenzas a respeito do ano 2007, o BNG, para completar a información e a transcendencia real destes datos nos primeiros meses de crise, solicitou polo rexistro municipal ao goberno local de Oleiros a cuantificación económica dos ingresos por licenzas urbanísticas do pasado ano e as cuantidades económicas ingresadas no presente ano 2008 até á actualidade, para estudarmos así a evolución negativa dos ingresos neste concepto tan importante para acometer o capítulo de investimentos do orzamento municipal.
No BNG pensamos que estamos só no inicio das consecuencias desta crise, e que tenderá a piorar no próximo ano 2009, e que, polo tanto, as previsións do orzamento 2008 non se axustan á realidade, polo que é preciso encarar o orzamento do próximo ano 2009 cunha previsión de ingresos máis axustada á realidade e uns gastos comedidos en que se priorice fundamentalmente políticas de carácter social e recortes en gastos superfluos e perfectamente prescindíbeis en moitos ámbitos da vida municipal.
Resulta alarmante o silencio que manteñen PSOE e PP neste importante asunto, máxime cando ambos os partidos apoiaron o orzamento en vigor con máis présas por veren quen se anotaba antes o “mérito” de chegar a un acordo coa Alternativa dos Veciños que o verdadeiro interese por facer un orzamento axustado ás necesidades dos veciños e das veciñas de Oleiros.
Diante da actual situación económica o BNG fará para o próximo orzamento achegas realistas de carácter eminentemente público e social, desbotando previsións irreais de ingresos. É necesario axustar as decisións políticas á situación real da economía para se garantir a estabilidade e a gobernabilidade do concello en base á responsabilidade e non ao electoralismo practicado polo PSOE e polo PP en Oleiros.
13 Outubro, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios

Despois de o BNG ter solicitado através do rexistro municipal a información sobre o número de licenzas urbanísticas solicitadas e outorgadas no ano 2007 e no que levamos de 2008, e tendo sido recibida a referida información, podemos confirmar que se está a producir en plena crise económica unha importante baixada tanto no números de solicitudes como na posterior concesión de licenzas urbanísticas, e isto con independencia do que aínda resta de ano.
O Concello de Oleiros ten unha grande dependencia dos ingresos por vía urbanística, unha dependencia que vai condicionar os investimentos do Concello no futuro e que, polo tanto, foi necesario prever e tomar as medidas correctoras e as alternativas necesarias para paliar esta previsíbel baixada de ingresos.
Segundo os datos do proprio goberno local, o pasado ano 2007 en licenzas de obra maior (casas, edificios, naves) solicitáronse 132 licenzas e outorgáronse 160, correspondentes a ese mesmo ano e a anos anteriores, mentres que no que vai do presente ano 2008 (até o pasado 30 de setembro), foron solicitadas 112 licenzas de obra maior e outorgadas 83.
Canto ás licenzas de obra menor (peches, galpóns, demolicións, reformas locais,…) no ano 2007 foron solicitadas 484 licenzas e outorgadas 351, e canto ás licenzas de obra menor no que leva transcorrido do ano 2008 (até o pasado 30 de setembro) o número de solicitudes foi considerabelmente menor sendo as licenzas solicitadas 359 e as licenzas outorgadas 256.
Á luz destes reveladores datos, aos que se poderían acrecentar os referidos a unha considerabel baixada tamén nos ingresos por licenzas de parcelación e talas, podemos apreciar unha liña descendente nas licenzas urbanísticas, unha baixada que afecta fundamentalmente as obras que xeran máis ingresos para as arcas municipais, nomeadamente as de obra maior (casas, edificios, naves), e das que depende unha boa parte dos ingresos do Concello.
Previsibelmente, a crise económica vai acentuarse e vai condicionar tamén operacións hipotecarias nos vinceiros anos e, polo tanto, é necesario que o Concello de Oleiros tome medidas correctoras tanto para os vindeiros orzamentos municipais como nas previsións do Plan Xeral de Ordenación Municipal. É evidente que para se facilitar o acceso á vivenda non se pode manter un plantexamento parecido ao de hai 3 anos, e, polo tanto, a reserva do 40% de solo condicionada tamén ao Rexistro Único de Demandantes de Vivenda é unha das principais garantías para o mantimento do emprego no sector da construción e no acceso á vivenda. En tempos de crise é preciso apostar máis que nunca, e decididamente, pola planificación dos sectores da industria, do comercio e do turismo no concello de Oleiros. Cómpre tamén reforzar as medidas de carácter social en colaboración co Sistema Galego de Benestar.
Os concellos en xeral pasan por unha delicada situación económica acentuada pola actual situación de merma de ingresos por vía urbanística, e Oleiros notará esta recesión debido á súa alta dependencia destes ingresos. Faise, por tanto, máis importante que nunca a colaboración institucional e o traballo conxunto entre as distintas administracións.
O BNG entende que o goberno local non é o causante nin o responsábel da actual crise económica, apesar de ter promovido nos pasados anos políticas urbanísticas que contribuíron nalgunha medida a esta situación de colapso económico urbanístico, mais si entendemos que o goberno local debe ser o principal responsábel á hora de tomar medidas que palíen as consecuencias desta crise no futuro imediato, e por iso terá a man tendida do BNG á hora de tomar decisións de carácter social acaídas á realidade que estamos enfrontando, tanto na planificación dos orzamentos como no Plan Xeral.
9 Outubro, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios

Desde o BNG de Oleiros sorpréndenos a comparación que fai o goberno local de Oleiros entre o modelo de Vivenda de Promoción Pública da Xunta de Galiza e o modelo promovido desde o Concello de Oleiros para eludir o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda Protexida. Que o goberno local presuma de que as vivendas cooperativas podan ser pagadas polos beneficiarios non reflicte máis que o que ten denunciado en múltiplas ocasións o proprio BNG de Oleiros, xa que non se prioriza nestas concesións a situación social e económica dos/as beneficiarios/as, senón a antiguidade de residencia no concello, pois poden levar algunha vivenda persoas cunha renda próxima aos 90.000 €.
Parécenos escandaloso que nun momento de crise económica un goberno autodenominado progresista dispute a obrigatoriedade de reservar o 40% de solo residencial á xente con menos recursos e máis dificuldades para o acceso a unha vivenda, e que se tente manipular o destino dese solo para priorizar o clientelismo deixando fóra do dereito á vivenda numerosas familias que terían dereito a ela segundo o Rexistro Único de Demandantes e que co método do Concello son excluídos para concederlle vivendas de até 90 m2 a persoas solteiras sen cargas familiares e rendas medias que poderían acceder a unha vivenda libre, ou mesmo empadroados antigos no concello que na actualidade nin sequera residen nel, contradicindo o goberno local a respeito dos principios que di defender.
Lamentamos que o goberno local teña actuado belixerantemente contra a promoción do Mesón da Auga por parte da Consellaría de Vivenda e Solo cando en só dous anos a referida consellaría foi quen de finalizar unha promoción que acumulaba 8 anos de atraso co goberno do Partido Popular.
Oleiros precisa da reserva do 40% do solo residencial para vivenda protexida porque en case 30 anos de gobernos de Alternativa dos Veciños produciuse en materia de vivenda un desequilibrio social importante, convertendo Oleiros nun concello socialmente elitista por unha nula política de vivenda pública só reconducíbel con esa reserva de solo que através de políticas para a xente leven máis xustiza social ao noso concello.
2 Outubro, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios

A Dirección Xeral para o Deporte, que retomou o proxecto de recuperación do estadio do INEF por valor de 1 millón e medio de euros, está a punto de finalizar unhas obras que avanzan a un bo ritmo e xa están instaladas as torres de iluminación, graderío, pista, estrutura das aulas, almacén e vestiarios, alén de que se está tamén a instalar o céspede do campo de fútbol. Por tanto, todas as actuacións serán concluídas en moi poucos meses.
Por outra banda, esta semana sairá a licitación, a obra de construción do circuíto BMX nas instalacións de Acea de Ama que están a ser asesoradas e supervisadas desde o seu inicio pola nosa veciña e amiga Eva Castro.
2 Outubro, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios

O goberno de Oleiros negou que desde o noso concello houbese verquidos á ría do Burgo, argumentando que todos estaban canalizados e controlados. Esta versión do goberno contrasta cos feitos demostrados pola cofradía de mariscadores/as da ría, que comprobaron e verificaron onte a presenza dun verquido de fecais directo á ría do Burgo na zona de Beiramar, polo que as escusas do goberno para non apoiar a moción do BNG nin acudir ás manifestacións demandando o saneamento da ría son só escusas de mal pagador.
1 Outubro, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios

Na estrada que vai desde San Pedro de Nós a Cecebre, á altura da Urbanización Xardín de Nós, no punto quilométrico 1.1 da AC221, de titularidade autonómica, existe un punto negro de alta perigosidade tanto para vehículos como para persoas por causa da alta velocidade á que circulan os vehículos nese tramo. Nese punto están colocados en numerosas ocasións efectivos da Garda Civil de Tránsito, mais iso non evita nin as altas velocidades nin o risco de accidentes tanto para os coches que acceden á urbanización como para as persoas que transitan por ese tramo. É por isto que o BNG de Oleiros trasladará ao Parlamento galego unha iniciativa parlamentar para se tomaren medidas por parte da Consellaría de Ordenación do Territorio (PSOE) encamiñadas a mellorar a seguridade na zona con dispositivos horizontais de redución de velocidade e verticais de limitación de velocidade, alén de cantas obras foren precisas para se garantir a seguridade nun lugar que soporta unha grande densidade de tránsito e que irá en aumento coas novas urbanizacións previstas para o futuro.
Nesa zona atópase tamén a igrexa parroquial, a Casa do Pobo de Nós, unha escola-obradoiro de xardinería, unha pista polideportiva, a Fundación Juana de Vega, unha ligazón coa estrada N-VI e coa autoestrada AP9 a Santiago de Compostela, como tamén coa desviación cara á A6, alén de existiren numerosas vivendas, ademais da urbanización anteriormente referida.