O goberno de Oleiros pide para si o que nega aos demais

Sen clasificar Non hai comentarios

En declaracións realizadas a medios de comunicación, o alcalde de Oleiros pregúntase porque os grupos da oposición non votan favorabelmente o Plan Xeral se -segundo el- cren que os únicos cambios adaptados no plan son os da adecuación á normativa vixente. Ao mesmo tempo que o alcalde se fai esta pregunta os proxectos do Plan Sectorial de Vivenda para Oleiros da Consellaría de Vivenda son rexeitados polo alcalde, que entende o 40 % de reserva de solo como un máximo e non como unha cifra de mínimos. Resulta curioso ver como o alcalde exixe ao resto dos grupos un apoio ás súas iniciativas ocultistas e faltas de transparencia e que aquelas outras iniciativas de grande relevancia social e económica beneficiosas para o concello de Oleiros son, porén, desprezadas por el.

O BNG na comisión informativa do Plan Xeral que se celebra hoxe ás 18h30 absterase para finalizar o estudo dun documento de máis de 4 kgs. de peso e centos de folios e planos a cuxos cambios non tiveron acceso os cidadáns e cidadás independentemente de que afectasen os intereses destas persoas algúns dos numerosos cambios de calificación urbanística e de edificabilidade, quedándolles como único e prioritario recurso o que debería ser o último, que é a denuncia nos xulgados para se defenderen, por causa de o goberno evitar a exposición pública destas modificacións (non do documento completo), e de evitar tamén o goberno o conseguinte e oportuno período de alegacións que se correspondería cun goberno e unha xestión transparentes.

O BNG non entende a urxencia da aprobación plenaria, xa que estamos a poucos días da disolución do Parlamento Galego para a convocatoria das eleccións e, polo tanto, parece lóxico que o documento non se aprobe definitivamente pola Xunta até despois da constitución do novo goberno saído das vindeiras eleccións galegas. Por tanto, a urxencia do goberno local responde só a acadar esta aprobación coa mínima información pública e o menor tempo posíbel para a reacción daqueles cidadáns e cidadás que se consideraren persoas prexudicadas por este acordo.

Polo tanto, o BNG segue a exixir un período de exposición pública das modificacións, o envío destas nunha publicación a todas as vivendas, e un correspondente período de alegacións, xa que, deste modo, pode aproveitarse para gañar en transparencia e en participación da cidadanía tres ou catro meses previos á constitución do futuro goberno e consellarías.

O BNG denuncia a estratexia do goberno de tentar aprobar o Plan Xeral sen tempo para analizalo en profundidade

Sen clasificar Non hai comentarios

O BNG recibiu onte do goberno local o documento do Plan Xeral que o goberno pretende aprobar co apoio do PSOE. Desde a entrega do documento até a comisión informativa que se celebrará xoves 27 ás 18h30 hai escasamente 3 días para o estudo dun documento tan importante e que consta de centos de follas de memoria e de centos de planos.

O documento do Plan Xeral que se pretende levar a aprobación o día 2 de decembro ten unha escasa marxe de estudo para afondar nos verdadeiros cambios pactados entre a Alternativa e o PSOE. Resulta paradoxal que un documento que segundo as partes asinantes deste acordo introduce cambios tan profundos como a adaptación á normativa do Hábitat, o 40% de reserva do solo para vivenda protexida, o respeito á Lei de Protección do Litoral, e mesmo a modificación de circunvalacións de núcleos urbanos, non teña posibilidade de ser alegado e o que é peor, que non poida ser coñecido polos cidadáns e cidadás, xa que só lles vai quedar a posibilidade, caso de estaren en desacordo, de recorreren a través dos tribunais de xustiza.

A transparencia demostrada na aprobación inicial do documento, cando o BNG estaba no goberno, coa exposición pública, período de alegacións, edición dun CD que podía ser adquirido por calquera persoa, o que foi duramente criticado polo PSOE e polo PP por suposta “falta de transparencia”, está ben lonxe do ocultismo protagonizado agora neste proceso apoiado polo partido socialista que garda un silencio cómplice vergoñento e que permite aprobar un documento ás costas da cidadanía.

O goberno local entrega o documento á oposición como un mero trámite porque é sabedor de que o Plan Xeral vai pasar a aprobación plenaria co apoio do PSOE. Estamos perante un Plan Xeral que só realiza modificacións que xa eran exixíbeis por lei e medidas interesadas politicamente en función da rendabilidade das dúas forzas políticas que sustentan este acordo.

Resulta tamén curioso que o PSOE en nome dun acordo local renuncie a introducir no documento a famosa ponte de Nirvana a Casabranca, da que o PSOE da comarca, incluído o presidente do Consorcio das Mariñas, Julio Sacristán, está a facer fronte común para desviar a atención doutros problemas máis urxentes e apremiantes e da súa incapacidade para levar adiante nesta lexislatura o compromiso da creación da Área Metropolitana.

O goberno local de Oleiros que defende agora a ampliación a un 40% da reserva do solo para vivenda protexida non marca este tope como un mínimo senón como un máximo de contribución deste tipo de solo, e así o vimos reflectido na súa oposición ao Plan Sectorial de Vivenda que introducía unha considerábel mellora por parte da Consellaría de Vivenda e Solo ao crear dúas grandes bolsas de solo con máis de 600 vivendas de protección, con mais de 40.000 m2 para equipamentos, 150.000 m2 para zonas verdes e máis de 125 millóns de investimentos en Oleiros para recuperar un sector en crise, reactivar a economía, xerar emprego e corrixir os desequilibrios que se produciron en Oleiros a nível social nos últimos 25 anos.

É sorprendente ver a oposición do goberno local e do PP aos plans da Consellaría de Vivenda e ao mesmo tempo o apoio do PSOE a un Plan Xeral ocultista, falto de transparencia, que tentan “vender” como un grande logro político, cando o único que se ten “negociado” é todo aquilo que non era necesario negociar, que son as obrigas exixidas pola Xunta, e sorprendente é tamén ver como tentan trasladar á cidadanía este feito como un grande logro deste acordo entre a Alternativa e o PSOE quizais para ocultar outro tipo de acordos políticos.

8 PERSOAS ACOMPAÑARON A FINA QUINTÁNS ÁS XORNADAS DAS UXFOR EN SILLEDA

Sen clasificar Non hai comentarios

Fina QuintánsOito veciños de Oleiros acompañaron a Fina quintáns o pasado sábado áo recinto feiral de Silleda para participar dunha xornada organizada pola Consellaría de Medio Rural.

A Portavoz do BNG en Oleiros e as persoas que a acompañaron, maioritariamente da parroquia de Dexo, asistiron ás conferencias sobre a xestión das UXFOR con propietarios de montes de todo o País.

Fai dous meses, o BNG organizou na Casa do Pobo de Dexo unha conferencia sobre esta iniciativa de criación dunha UXFOR (Unidade de Xestión Forestal) nesa parroquia que conta con un monumento natural para rendabilizar a explotación do monte sin entrar en contradición coa protección do mesmo, sinón potenciando a súa limpeza e promoción da plantación de especies autóctonas que vaian no camiño de potenciar o respeto natural do medio e a súa rendabilidade económica.

No futuro o BNG organizará máis xornadas en outras parroquias do concello tendentes a extender esta iniciativa.

O BNG destaca que o Plan Sectorial de Vivenda contribúe ao concello de Oleiros en vivenda protexida cun investimento de perto de 24,5 millóns de euros con novas zonas verdes e equipamentos

Sen clasificar Non hai comentarios


Vivenda protexida

Para a portavoz nacionalista, Fina Quintáns, “esta iniciativa do nacionalismo, a través da Consellaría de Vivenda e Solo da Xunta de Galiza, xerará actividade económica e facilitará a creación de emprego no concello”

O BNG de Oleiros define o Plan Sectorial de Vivenda da Xunta de Galiza como “unha grande oportunidade” para o concello por canto permitirá aos veciños e veciñas disporen de 592 vivendas protexidas a prezos accesíbeis, e implica un cuantioso investimento de perto de 24,5 millóns de euros ao longo da vixencia do plan sectorial que se desenvolverá entre 2009-2017.

A portavoz nacionalista, Fina Quintáns, saudou esta iniciativa posta en marcha pola Consellaría que dirixe a nacionalista Teresa Táboas que contribuirá a Oleiros con novos equipamentos e zonas verdes, “creando espazos públicos de calidade dos que tanto precisamos neste concello”, explicou, “ademais de xerar actividade económica e favorecer o mantemento do emprego e a creación de novos postos de traballo, contribuíndo deste xeito a paliar os efectos da crise en que estamos inmersos, á que non é allea o concello de Oleiros”.

A portavoz nacionalista tamén valorou as bolsas de solo seleccionadas, por canto apostan pola integración social, e por facilitar o crecemento ordenado do concello. “Pensamos que as bolsas elixidas acaban coa idea de que a vivenda protexida debe estar en localizacións periféricas dos concellos, e aposta pola calidade na situación deste tipo de vivendas, que van dirixidas tanto para as familias con rendas medias como para as necesitadas”, explicou. Fina Quintáns salientou ademais que “a actuación prevista no concello será o exemplo dun novo urbanismo de calidade, o urbanismo ao servizo da xente que sempre defendeu o BNG e que neste caso se traducen en 150.000 m2 de zonas verdes e 40.000 m2 dotacionais en que se poderán situar no futuro equipamentos sociais, deportivos ou culturais dos que tanto precisa Oleiros”.

O BNG aposta pola colaboración institucional para que o goberno local sexa receptivo a estas iniciativas e tamén pola implicación do sector privado para o seu desenvolvemento efectivo. Considera tamén esta iniciativa como unha ferramenta de planificación de vivenda protexida que, ademais, aposta por dotar os concellos de Galiza de máis calidade de vida ao incluír novos equipamentos e dotacións, e pola súa capacidade para xerar actividade económica nunha situación de crise.

A situación da sociedade mudou e o Plan Xeral debe adaptarse á nova realidade

Sen clasificar Non hai comentarios

O goberno local de Oleiros argumenta que o BNG apoiou na aprobación inicial o documento do Plan Xeral para atacar agora o BNG polas nosas exixencias a respeito deste documento. A realidade mudou nestes 3 últimos anos tanto na normativa como na propria situación económica do país. No momento de se someter á aprobación o documento inicial non existían aínda as normas do Hábitat, nin a exixencia do 40% de reserva do solo para vivenda protexida, nin a normativa de defensa do litoral, e como é evidente que a situación económica do país era ben diferente da actual, e polo tanto tamén en Oleiros o é, debido á esta situación de crise que provoca a paralización do sector inmobiliario, a limitación nos préstamos bancarios e a caída de vendas e do consumo tanto no sector industrial como a nível particular. Proba diso é a espectacular baixada de licenzas urbanísticas no último ano, que irá a máis no próximo.

Lonxe de se adaptar a esta nova realidade social e económica, o goberno local mantén o inmobilismo e só introduce no documento pactado co PSOE unha adaptación á normativa vixente que non precisaba dun pacto político senón que é de obrigado cumprimento para a preceptiva aprobación do Plan por parte da Xunta de Galiza.

De haber máis modificacións, os demais grupos políticos de Oleiros (incluído o PSOE) descoñecémolas, e, polo tanto, a cidadanía tamén, xa que esas modificacións non foron expostas publicamente e, por tanto, tense conculcado por parte do goberno local o dereito a alegar, independentemente de que se compartan ou non esas supostas modificacións.

A hiperdependencia do Concello de Oleiros dun sector urbanístico en franca crise debería facer reflexionar o goberno local para adaptar o crecemento nos próximos anos a esta nova situación, en lugar de se queixar contra unhas normas (Hábitat, 40% de reserva,…) aplaudidas por toda a cidadanía e urbanistas, e contra unha medida como é a promoción de 600 vivendas protexidas en núcleos urbanos do concello, medida que ven mellorar a calidade de vida e corrixir os erros no urbanismo realizado nos últimos anos e axudar a salvar un sector económico que se atopa nunha preocupante situación.

Só desde o inmobilismo e a cegueira política ou desde intereses criados se pode manter unha crítica tan desproporcionada ao BNG cando o nacionalismo só defende o sentido común e a adaptación a unha nova realidade para todos e todas.

A voltas co Plan Xeral: as dúbidas do Plan Xeral seguen vixentes

Sen clasificar Non hai comentarios

A pasada semana, o Alcalde de Oleiros anunciaba que levará as modificacións do Plan Xeral de Oleiros ao vindeiro pleno ordinario, modificacións que ninguén viu plasmadas en ningún documento concreto nin expostas publicamente. Nin sequera a outra parte do acordo (PSOE) viu esas modificacións a pesar de ser o garante da aprobación desas modificacións no Plan.

Novo espectáculo mediático e dúbidas sobre o acordado, o aprobado e sospeitas dos veciños e veciñas sobre o que se vai aprobar ao non ser exposto coa transparencia coa que se aprobou o documento inicial, con un CD que podían adquirir os cidadáns e cidadás, exposición pública e período de alegacións. Todo o que falta neste novo período.

É bo que Oleiros teña un Plan Xeral para os vindeiros anos, mais non un Plan calquera, senón un Plan Xeral adaptado á nova situación económica de crise, e prevendo un crecemento máis social e sostentábel desde o punto de vista construtivo, económico e ambiental, deseñado para os novos tempos.

A Consellaría de Vivenda deu os primeiros pasos na revitalización do sector da construción en Oleiros apostando por máis vivenda protexida en lugares privilexiados (Coruxo e O Graxal) ben comunicados, con servizos e próximos a núcleos urbanos consolidados. O 40% de reserva para máis vivenda protexida é un paso moi importante, mais precísase máis solo industrial, mellores comunicacións, máis e mellor transporte público, máis saneamento, máis aposta por un turismo de calidade, e máis equipamento social e educativo, ademais de máis e mellores instalacións deportivas e de lecer.

O goberno de Oleiros cualifica de ”cidadáns de guetos” o 85% da cidadanía galega

Sen clasificar Non hai comentarios

O alcalde de Oleiros manifesta que as vivendas que vai construír a Consellaría de Vivenda e Solo en Coruxo e no Graxal serán dous guetos. Tanto Coruxo como o Graxal son zonas limítrofes con núcleos urbanos consolidados. En concreto, Coruxo está ao lado das Galeras, onde reside o proprio alcalde, e son lugares privilexiados pola súa cercanía a Santa Cruz e Bastiagueiro unha delas, e ao Temple a outra, todas elas moi próximas da cidade da Coruña, e ben comunicadas. Estas vivendas de estaren baixo o prezo de vivenda libre serían practicamente inaccesíbeis para a grande parte da cidadanía.

Así e todo cualificar de guetos estas vivendas de protección para cidadáns e cidadás cun tope salarial de 3.300 € ao mes e cualificar o 85% da cidadanía galega de subsceptível de facer parte de guetos segundo o primeiro edil do Concello, pois o 85% dos galegos e galegas non chegan a ese salario.

Resulta paradoxal que noutras comarcas do país os alcaldes teñan aplaudido o Plan de Vivenda, e só Culleredo e Arteixo (do PSOE), así como Oleiros (que lle fai seguidismo ao PSOE), critican o plan para vivenda protexida máis ambicioso que houbo nunca no país, e nomeadamente nestes tres concellos moi deficitarios en vivenda protexida ao longo de 25 anos de goberno do PSOE, ou de Alternativa, no caso de Oleiros.

Quizais o localismo ou o modelo urbanístico especulativo realizado por estes gobernos ao longo da súa historia sexa o detonante dunha actitude que non ten nada a ver cun plan que mellorará a capacidade de acceso á vivenda en núcleos privilexiados para a maior parte das familias e que incentivará o sector da construción, tan en declive na actualidade.

Posicionarse en contra do Plan de Vivenda protexida da Consellaría de Vivenda e Solo é unha irresponsabilidade e unha burla a aquelas persoas que non poden acceder a unha vivenda no seu concello por non teren alternativas por parte dos gobernos locais, situación que agora tenta corrixir a consellaría cun plan social e non especulativo.

A Alternativa dos Veciños e o Partido Popular en contra do acceso á vivenda

Sen clasificar Non hai comentarios

A Alternativa dos Veciños e mais o Partido Popular criticaron onte o Plan de Vivenda presentado pola conselleira para o concello de Oleiros. Resulta curioso ver como a Alternativa dos veciños e mais o PP coinciden na súa visión elitista da vivenda e cualifican de gueto a promoción pública de vivenda en núcleos tan céntricos e privilexiados desde o punto de vista urbanístico, de servizos e de proximidade, como son o Coruxo no alto de Santa Cruz e o Graxal.

Para o BNG resulta inxustificábel que un grupo como a Alternativa, que promoveu urbanizacións illadas e o desequilibrio social ao longo de 25 anos, ameace agora con impedir a primeira política seria de promoción de acceso a unha vivenda digna para todas as persoas que en moitos casos até ao día de hoxe tiveron que marchar a outros concellos pola falta de vivendas asequíbeis economicamente no noso concello.

Que sexa o PP tamén quen critique que se constrúan arredor de 600 vivendas en Oleiros con máis de 40.000 m2 de equipamento e cunha superficie que supera en moito os 100.000 m2 en total e que inclúen reserva de solo para equipamento social así como educativo, e grandes espazos verdes, alén de se trataren de vivendas que respeitan a normativa do Hábitat, cando o PP en 16 anos de goberno na Xunta non promoveu nin unha soa vivenda no noso concello, non ten credibilidade e as súas críticas rozan o absurdo.

Que ademais sexa o goberno local de Oleiros o único da comarca en se posicionar en contra da primeira grande iniciativa de vivenda pública nesta área metropolitana semella un criterio case reaccionario, o que é un declarado boicote a unha promoción sen precedentes na historia do país. A iniciativa da Consellaría de Vivenda e Solo vai fomentar a construción de máis de 45.000 vivendas en Galiza, o que repercutirá no benestar da cidadanía galega, que demanda o seu dereito a unha vivenda digna. A iniciativa presentada pola conselleira Teresa Táboas aposta decididamente pola xente e pola defensa dos seus dereitos, e non pola especulación.

Gobernos e grupos políticos que estean máis preocupados polo control clientelar dos concellos que por xerar benestar e dereitos á cidadanía non merecen o respeito nin o apoio dos cidadáns e cidadás, que teñen dereito a unha vivenda digna e a uns servizos públicos de calidade. Resulta preocupante que en materia de vivenda a Alternativa se posicione a carón do Partido Popular. Oleiros, apesar do goberno local e do PP contará grazas á Consellaría de Vivenda e Solo que dirixe a nacionalista Teresa Táboas con máis vivendas de promoción pública das que se fixeron ao longo de 25 anos, e que contribuirá a facer un concello máis equilibrado socialmente e, polo tanto, máis xusto e moderno.

Que pasa co Plan Xeral de Oleiros?

Sen clasificar Non hai comentarios

PXOMDespois de teren chegado a un acordo secreto (non se fixo exposición pública das modificacións incluídas), a Alternativa e o PSOE entraron agora nunha serie de contradicións públicas.

O PSOE di que só resta levar a Pleno a aprobación do PXOM e o Goberno Local di que se non hai a seguridade da aprobación por parte da Xunta que non a leva a pleno.

Os veciños e veciñas pregúntanse que aprobaron realmente e como se pode chegar a un acordo co PSOE que ten a responsabilidade do urbanismo na Xunta e non ter a seguridade da aprobación do documento despois de ter anunciado ese acordo publicamente.

Mentres, o Concello segue sen revisar o Plan, coa inseguridade de moitos veciños e veciñas sobre as modificacións pactadas entre a Alternativa e o PSOE e con contradicións públicas entre os dous grupos… vivir para ver!

Fin de semana de celebracións nacionalistas na comarca: sábado 8 festa do 20 aniversario de Galiza Nova, e domingo 9 magosto do BNG en Oleiros

Sen clasificar Non hai comentarios

Sábado 8 Galiza Nova realizará na Coruña diversos actos para festexar o 20 aniversario da súa fundación.

Os actos de celebración deste sábado 8 de novembro de Galiza Nova comezarán ás 20h00 no Forum Metropolitano do Parque Europa coa exposición nacional do vixésimo aniversario da súa fundación. No acto estarán presentes Ermitas Valencia, concelleira de Xuventude, Solidariedade e Normalización Lingüística do concello da Coruña, Bieito Lobeira, deputado no Parlamento de Galiza, e Iria Aboi, Secretaria Xeral de Galiza Nova. A continuación, presentarase o libro “20 anos, 20 historias”, coas intervencións de Ernesto López Rei, Carlos Amoedo, Susana Grille e Manel Méndez. Logo da presentación do libro, proxectarase o audiovisual “20 anos en imaxes”, coa participación de Fran González, Carlos Aymerich, Iria Taibo e Paulo Carril.

Ás 22h00 terá lugar no comedor universitario do Campus de Elviña unha cea en que intervirán Moncho Güeto, Tito Gómez, Alberte Muíño, Dani Salgado, David Pena, Breixo Lousada, Fran Rei, Alberte Sánchez e Dani Carballada, responsábeis comarcais de Galiza Nova na Coruña.

Logo da cea haberá unha actuación de Isabel Martínez-Risco “Ramona”. Haberá un servizo especial de bus desde o Forum Metropolitano até ao Comedor Universitario que, ao finalizar a cea, realizará un percorrido até ao centro da Coruña. Calquera persoa interesada en acudir á cea, que terá un prezo de 20 €, pode anotarse no 981 188977 ou en acoruna(arroba)bng-galiza.org

O magosto do BNG, a cita gastronómica e festiva deste domingo 9

O BNG de Oleiros convocou afiliadas e afiliados, simpatizantes, amigas e amigos, veciñas e veciños de Oleiros e da comarca, alén doutras persoas de diversas localidades do país ao magosto deste domingo 9 de novembro, que contará coa presenza de Dani Carballada, responsábel comarcal de Galiza Nova, Silvia Seixas, responsábel comarcal do BNG, e Carlos Aymerich, portavoz do grupo parlamentar do BNG no Goberno galego, alén doutros cargos institucionais e orgánicos do BNG.

A festa do magosto comezará por volta das 12h00 deste domingo e celebrarase na Casa do Pobo de Mera co seguinte menú:

Empanada
Xamón asado
Castañas asadas
Sobremesa variada con figos

Haberá unha boa selección de refrescos e viños diversos, alén do imprescindíbel café.

Se algunha persoa máis estiver interesada en asistir, solicítase que para confirmar a súa asistencia envíe un correo electrónico a bng.oleiros@gmail.com

Prezo xeral por persoa: 20€
Prezo especial para militantes de Galiza Nova: 10€

« Entradas anteriores