Que pasa co Plan Xeral de Oleiros?

Sen clasificar Non hai comentarios

PXOMDespois de teren chegado a un acordo secreto (non se fixo exposición pública das modificacións incluídas), a Alternativa e o PSOE entraron agora nunha serie de contradicións públicas.

O PSOE di que só resta levar a Pleno a aprobación do PXOM e o Goberno Local di que se non hai a seguridade da aprobación por parte da Xunta que non a leva a pleno.

Os veciños e veciñas pregúntanse que aprobaron realmente e como se pode chegar a un acordo co PSOE que ten a responsabilidade do urbanismo na Xunta e non ter a seguridade da aprobación do documento despois de ter anunciado ese acordo publicamente.

Mentres, o Concello segue sen revisar o Plan, coa inseguridade de moitos veciños e veciñas sobre as modificacións pactadas entre a Alternativa e o PSOE e con contradicións públicas entre os dous grupos… vivir para ver!

Fin de semana de celebracións nacionalistas na comarca: sábado 8 festa do 20 aniversario de Galiza Nova, e domingo 9 magosto do BNG en Oleiros

Sen clasificar Non hai comentarios

Sábado 8 Galiza Nova realizará na Coruña diversos actos para festexar o 20 aniversario da súa fundación.

Os actos de celebración deste sábado 8 de novembro de Galiza Nova comezarán ás 20h00 no Forum Metropolitano do Parque Europa coa exposición nacional do vixésimo aniversario da súa fundación. No acto estarán presentes Ermitas Valencia, concelleira de Xuventude, Solidariedade e Normalización Lingüística do concello da Coruña, Bieito Lobeira, deputado no Parlamento de Galiza, e Iria Aboi, Secretaria Xeral de Galiza Nova. A continuación, presentarase o libro “20 anos, 20 historias”, coas intervencións de Ernesto López Rei, Carlos Amoedo, Susana Grille e Manel Méndez. Logo da presentación do libro, proxectarase o audiovisual “20 anos en imaxes”, coa participación de Fran González, Carlos Aymerich, Iria Taibo e Paulo Carril.

Ás 22h00 terá lugar no comedor universitario do Campus de Elviña unha cea en que intervirán Moncho Güeto, Tito Gómez, Alberte Muíño, Dani Salgado, David Pena, Breixo Lousada, Fran Rei, Alberte Sánchez e Dani Carballada, responsábeis comarcais de Galiza Nova na Coruña.

Logo da cea haberá unha actuación de Isabel Martínez-Risco “Ramona”. Haberá un servizo especial de bus desde o Forum Metropolitano até ao Comedor Universitario que, ao finalizar a cea, realizará un percorrido até ao centro da Coruña. Calquera persoa interesada en acudir á cea, que terá un prezo de 20 €, pode anotarse no 981 188977 ou en acoruna(arroba)bng-galiza.org

O magosto do BNG, a cita gastronómica e festiva deste domingo 9

O BNG de Oleiros convocou afiliadas e afiliados, simpatizantes, amigas e amigos, veciñas e veciños de Oleiros e da comarca, alén doutras persoas de diversas localidades do país ao magosto deste domingo 9 de novembro, que contará coa presenza de Dani Carballada, responsábel comarcal de Galiza Nova, Silvia Seixas, responsábel comarcal do BNG, e Carlos Aymerich, portavoz do grupo parlamentar do BNG no Goberno galego, alén doutros cargos institucionais e orgánicos do BNG.

A festa do magosto comezará por volta das 12h00 deste domingo e celebrarase na Casa do Pobo de Mera co seguinte menú:

Empanada
Xamón asado
Castañas asadas
Sobremesa variada con figos

Haberá unha boa selección de refrescos e viños diversos, alén do imprescindíbel café.

Se algunha persoa máis estiver interesada en asistir, solicítase que para confirmar a súa asistencia envíe un correo electrónico a bng.oleiros@gmail.com

Prezo xeral por persoa: 20€
Prezo especial para militantes de Galiza Nova: 10€