11 Decembro, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios

Os investimentos locais aprobados polo goberno do Estado están a xerar en Oleiros unha nova controversia. O goberno local pretende subsanar as súas carencias en diversas parroquias, que deberían ir con cargo aos orzamentos municipais, con este diñeiro do Estado. O PSOE pretende cambiar de sitio o auditorio de Bastiagueiro e construír un novo en Santa Cruz. E o PP sitúase na política do non a todo por sistema.
Esta posibilidade de investimento pódese abordar desde un ámbito estrictamente localista ou como unha oportunidade para facer do concello de Oleiros, e de Galiza, un referente internacional de prestixio apostando por un proxecto único no Estado e no mundo: o Centro Deportivo Especializado en Discapacidades que centralice no noso concello e nos terreos de equipamentos deportivos situados fronte á Facultade de CC do Deporte e da Educación Física (INEF Galiza) o labor dun centro de mellora do rendemento deportivo, dedicado á investigación e á integración a través da actividade física e do deporte. O proxecto a que nos referimos foi presentado hai meses na devandita Facultade da UDC e foi tamén avalado por numerosas entidades relacionadas coa discapacidade física, psíquica e sensorial, ademais de entidades que traballan a prol da inclusión social, así como por diversas asociacións de dependentes.
Temos diante de nós unha oportunidade que non se debería desaproveitar. O destino deportivo aprobado no Plan Xeral para os terreos que rodean o estadio restaurado pola Consellaría de Cultura e Deportes complementarían con este proxecto o ámbito universitario e deportivo, convertendo Oleiros no centro da formación e da especialización deportiva máis importante do país. Abaixo reproducimos un resumo do que sería o proxeto CARDIS-Galiza, que foi defendido polo BNG de Oleiros ao longo dos últimos tempos.
PROXECTO CARDis-Galiza
O proxecto do BNG para Centro de Alto Rendemento Deportivo paralímpico, especializado en discapacidade, pretende facer do concello de Oleiros un referente internacional en materia deportiva, cun centro especializado único a nível internacional e localizado no contorno xeográfico de Bastiagueiro, e que ten como xerme a Facultade de Ciencias para o Deporte e a Educación Física de Galiza (INEF-UdC). Para este cometido, entendemos que son básicas as seguintes infraestruturas:
1. Residencia para Estudantes adaptada á mobilidade, sen barreiras arquitectónicas, e situada no contorno do Pazo de Lóngora, pertencente á Universidade da Coruña, e que debe albergar entre 150 e 200 estudantes ou residentes do INEF e do futuro CARdis Galiza. Esta residencia poderá ser empregada tamén en período non lectivo para concentracións deportivas, encontros, xornadas e congresos. A residencia será pública, podendo participar da súa creación a Consellaría de Vivenda e Solo da Xunta de Galiza.
2. Instalación Deportiva cuberta anexa ao actual estadio de atletismo. Esta instalación debe estar adaptada tamén, como todas as instalacións, a calquera discapacidade, e debe ter espazos para as distintas modalidades deportivas minoritarias, unha pista de atletismo homologada de 200 metros (non hai ningunha en Galiza), e todo aquel equipamento de investigación do rendemento deportivo vinculado ás discapacidades psíquicas e físicas. Na creación desta instalación poden participar a Consellaría de Cultura e Deporte e a Consellaría de Industria (I+D) .
3. Eliminación de barreiras internas e externas en todo o contorno de Bastiagueiro e nas actuais instalacións universitarias do INEF, así como os accesos á praia de Bastiagueiro, tanto para as persoas como para as embarcacións. Nestes investimentos podería participar a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.
4. Construción anexa ao estadio de atletismo dunha piscina adaptada para discapacidades de todo tipo, e, nomeadamente, para aquelas persoas con lesións medulares.
5. Creación de áreas de aparcamentos de autobuses, para vehículos normais e adaptados.
6. Creación de pistas de paseo e campo a través, así como zonas de exercicios ao ar libre no parque metropolitano de Bastiagueiro, con aparatos de exercicios externos adaptados tamén á discapacidade. Pode participar na adaptación dese contorno a Consellaría de Medio Rural.
7. Reserva de solo para o posterior deseño de infraestruturas en función das necesidades que o CARdis-GALIZA poida xerar en función da actividade e da demanda real que se poida precisar no futuro.
8. Creación dun gabinete de xestión da investigación para a súa aplicación no conxunto da sociedade (I+D+I) que pode estar situado nas actuais instalacións ou nunha ampliación das mesmas.
Todas as actuacións que propomos deben estar abertas á participación doutras entidades e administracións como consellarías, ministerios, o COE (Comité Olímpico Español), asociacións sociais vencelladas á discapacidade física e psíquica, a ONCE a Universidade da Coruña como motor dunha grande área universitaria na zona, e o Concello de Oleiros como grande beneficiario dun proxecto ambicioso que fará do noso concello un referente internacional por albergar un centro de grande importancia tanto no rendemento deportivo como na investigación aplicada ao conxunto da sociedade.
Esta proposta é un apenas un rascuño do que pode ser un documento de debate en que deben de participar as institucións mencionadas, e, polo tanto, este anteproxecto é mudábel, adaptábel e ampliábel en función do diálogo, a negociación e o posíbel consenso das diferentes administracións que participen do mesmo, e que definan dunha maneira concluínte:
1) as infraestruturas concretas.
2) a prioridade á hora de crear os diferentes equipamentos.
3) a porcentaxe de participación.
Este é un proxecto transversal, transparente, participativo e ambicioso. Oleiros, a comarca, e Galiza, deben ser os beneficiarios dun proxecto global pensado en clave de país, sostíbel, orixinal e único, que nos porá no mundo como un modelo para a integración a través do deporte.
Texto do proxecto CARDis-Galiza disponíbel tamén en PDF aquí.
10 Decembro, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
O BNG de Oleiros solicitou hoxe polo rexistro municipal a convocatoria dun Pleno para tomar a decisión do destino dos fondos estatais que lle corresponden ao concello de Oleiros (máis de 5 millóns de €uros). A solicitude desta moción pode descarregarse aquí.
Este diñeiro, que non poderá destinarse para partidas dos orzamentos, deberá destinarse a novos investimentos no noso concello e terá só até finais de decembro para ser solicitado xustificando o seu destino.
O concello de Oleiros deberá definir o uso dos cartos correspondentes ao noso concello nun pleno e co maior consenso posíbel entre os grupos políticos da corporación, evitando investimentos partidistas e clientelares, motivo polo que antes do pleno que solicitamos convidamos tamén o resto de grupos a manter reunións en que se acorde previamente o destino dos fondos e en que se contrasten as distintas propostas para definirmos os investimentos finais.
O BNG non comparte co PSOE destinar cartos a un novo auditorio despois de ese mesmo grupo apostar por impedir a construción do auditorio de Bastiagueiro que propuña o alcalde, aínda que si estamos dispostos a debater sobre investimentos deportivos frente ao INEF e asesorados pola propria dirección do centro educativo, mesmo retomando o proxecto de centro especializado en discapacidades para o deporte e para a actividade física, conseguindo mellorar definitivamente unha zona en que xa se teñen efectuado este ano 1,5 millóns de investimento na recuperación do estadio de atletismo. Tampouco entendemos a posición do PP solicitando investimentos que tiña pactado nos orzamentos municipais co goberno local e co PSOE mais que seguen sen se executar.
Emprazamos o goberno de Oleiros a atender a solicitude do BNG e seguir o exemplo doutros gobernos da nosa comarca, como é o caso do de Sada, onde o goberno do BNG de Sada acordará coa oposición o destino dos cartos estatais, demostrando a actitude dialogante e democrática que debe ter un goberno.
5 Decembro, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
Despois de 4 meses de ter anunciado o alcalde de Oleiros o perigo de derrubamento do tellado do patio exterior da escola infantil da Canteira, este segue valado e sen poder ser utilizado polos nenos e nenas da escola, ademais de non se saber cando vai ser substituído nin de quen é a responsabilidade desta situación, polo que o BNG exixe unha solución inmediata a este asunto despois de que se xerase unha alarma polo goberno local con ese anuncio entre os pais e nais que enviaron as súas crianzas a esta escola desde a súa inauguración, entre aqueles pais e nais que teñen actualmente os seus fillos e fillas matriculados nesta escola.
Por outra banda, o alcalde incumpre un convenio asinado por el mesmo co Director Xeral de Xuventude, Rubén Cela, para a creación de locais de ensaio para grupos de música, ao non pór a disposición o inmóbel e ter os instrumentos facilitados pola Vicepresidencia da Xunta de Galiza almacenados desde hai 3 anos en dependencias municipais. Mentres tanto, o goberno local destina locais – como é o caso da antiga Casa da Xuventude- a entidades privadas, neste caso á Asociación Galega de Xestores Deportivos (AGAXEDE), presidida por Eduardo Blanco, e que ten a súa sede central en Compostela, en canto deixa numerosos grupos de música de xente nova de Oleiros sen locais para ensaiar, cando son xa máis de 40 os concellos de toda Galiza que, froito de convenios con Vicepresidencia, están na Rede Galega de Locais de Ensaio.
No BNG non nos parece lóxico denunciar “incumprimentos” doutras administracións cando se están a incumprir compromisos do goberno local prexudicando intereses públicos en canto se benefician entidades privadas non municipais.
2 Decembro, 2008
Sen clasificar
Non hai comentarios
A realidade mudou nestes 3 últimos anos tanto na normativa urbanística como na propria situación económica do país. No momento de se someter a aprobación o documento inicial non existían aínda as normas do Hábitat, nin a exixencia do 40% de reserva do solo para vivenda protexida, nin a normativa de defensa do litoral; por outra parte, como é evidente, a situación económica xeral do país era ben diferente da actual, así como tamén en Oleiros, pola situación de crise que provoca a paralización do sector inmobiliario, a limitación nos préstamos bancarios e a caída de vendas e do consumo tanto no sector industrial como a nível particular. Proba diso é o espectacular descenso de licenzas urbanísticas no último ano, que irá a máis no próximo.
Lonxe de se adaptar a esta nova realidade social e económica, o goberno local mantén o inmobilismo e só introduce no documento pactado co PSOE unha aparente adaptación á normativa vixente que non precisaba dun pacto político senón que é de obrigado cumprimento para a preceptiva aprobación do Plan por parte da Xunta de Galiza.
A pesar de os cambios introducidos seren substanciais, o goberno local e o PSOE teñen pactado non someter esas modificacións a unha exposición pública con un período de alegacións a respeito dos ámbitos onde se produciron os cambios, afirmando que esas variacións no documento non son substanciais cando os proprios técnicos recoñecen que si poderían ser substanciais.
Polo contrario, no BNG de Oleiros entendemos que as modificacións introducidas son substanciais canto á tipoloxía de vivenda protexida que pasa de case un 30% a un 40%, ás exixencias da normativa do Hábitat que condiciona o número e orientación das novas vivendas para construír, as recalificacións de solo que mudan arredor dun 30% e os cambios que se introducen mediante adendas nos principais convenios urbanísticos (Campo de golf e finca das Cadenas). E por outra parte, o BNG considera que o proprio documento debería incluír as previsións do Plan Sectorial de Vivenda e que o goberno de Oleiros debería colaborar na construción de vivenda protexida en núcleos privilexiados do concello como son Coruxo (Liáns) e O Seixal (Nós), en lugar de exixir para o proprio Concello ese dereito a emendas que se lle nega á cidadanía afectada polas modificacións do Plan Xeral.
A hiperdependencia do Concello de Oleiros dun sector urbanístico en franca crise debería facer reflexionar ao goberno local para adaptar o crecemento nos próximos anos a esta nova situación, en lugar de se queixar contra unhas normas (Hábitat, 40% de reserva,…) aplaudidas por toda a cidadanía, e actuando contra unha medida como é a promoción de 600 vivendas protexidas en núcleos urbanos do concello, medida que vén mellorar a calidade de vida e corrixir os erros no urbanismo realizado nos últimos anos, para alén de axudar a salvar un sector económico que se atopa nunha preocupante situación.
Por outra banda, o documento debería prever:
1) viais con carril-bus que faciliten e promovan o uso do transporte público acompañando as previsións de crecemento recollidas na proposta do PXOM,
2) peiraos para o transporte marítimo como vía complementaria ao transporte por estrada,
3) unha boa rede de saneamento que corrixa e evite nun futuro a actual situación de contaminación da ría,
4) verdadeiros plans de revitalización económica a través de infraestruturas turísticas de calidade (prevendo a construción de hoteis, albergues, etc),
5) infraestruturas de deporte marítimo,
6) reserva de solo verdadeiramente industrial, e non dedicado somente para polígono comercial,
7) e outras potencialidades que se deberán pór en valor para correxir a referida hiperdependencia urbanística do concello de Oleiros.
A pesar das carencias e da pouca adaptación á actual realidade económica e social, o Plan Xeral de Oleiros é mellor que os do resto da área metropolitana, mais non se xustifica en ningún caso nin a falta de transparencia, nin a subtracción do dereito da cidadanía a alegar naquilo que lle afectar directamente (independentemente de que teñan a razón ou non) e moito menos as présas en aprobar un documento que aínda está por ver se se informa positivamente polo Goberno galego cando se está a piques de disolver o Parlamento e convocar eleccións.
Aínda así, o BNG estaría disposto a apoiar o actual documento sempre e cando se sometesen as modificacións a un período de exposición pública con posibilidade de alegacións, tanto para garantir a información, como a transparencia e a participación nun documento tan importante como é o PXOM, ademais de para evitar recursos xudiciais que poidan xerar suspensións posteriores.
Na actual situación, a revisión do Plan Xeral de Oleiros debe deixar de ser un instrumento de intereses políticos e converterse na verdadeira oportunidade para se facer de Oleiros un concello para vivir, sustentábel social e economicamente, fuxindo dos prexudiciais desequilibrios padecidos até hoxe.