A situación da sociedade mudou e o Plan Xeral debe adaptarse á nova realidade con transparencia e respeitando os dereitos da cidadanía
2 Decembro, 2008 Sen clasificar Non hai comentariosA realidade mudou nestes 3 últimos anos tanto na normativa urbanística como na propria situación económica do país. No momento de se someter a aprobación o documento inicial non existían aínda as normas do Hábitat, nin a exixencia do 40% de reserva do solo para vivenda protexida, nin a normativa de defensa do litoral; por outra parte, como é evidente, a situación económica xeral do país era ben diferente da actual, así como tamén en Oleiros, pola situación de crise que provoca a paralización do sector inmobiliario, a limitación nos préstamos bancarios e a caída de vendas e do consumo tanto no sector industrial como a nível particular. Proba diso é o espectacular descenso de licenzas urbanísticas no último ano, que irá a máis no próximo.
Lonxe de se adaptar a esta nova realidade social e económica, o goberno local mantén o inmobilismo e só introduce no documento pactado co PSOE unha aparente adaptación á normativa vixente que non precisaba dun pacto político senón que é de obrigado cumprimento para a preceptiva aprobación do Plan por parte da Xunta de Galiza.
A pesar de os cambios introducidos seren substanciais, o goberno local e o PSOE teñen pactado non someter esas modificacións a unha exposición pública con un período de alegacións a respeito dos ámbitos onde se produciron os cambios, afirmando que esas variacións no documento non son substanciais cando os proprios técnicos recoñecen que si poderían ser substanciais.
Polo contrario, no BNG de Oleiros entendemos que as modificacións introducidas son substanciais canto á tipoloxía de vivenda protexida que pasa de case un 30% a un 40%, ás exixencias da normativa do Hábitat que condiciona o número e orientación das novas vivendas para construír, as recalificacións de solo que mudan arredor dun 30% e os cambios que se introducen mediante adendas nos principais convenios urbanísticos (Campo de golf e finca das Cadenas). E por outra parte, o BNG considera que o proprio documento debería incluír as previsións do Plan Sectorial de Vivenda e que o goberno de Oleiros debería colaborar na construción de vivenda protexida en núcleos privilexiados do concello como son Coruxo (Liáns) e O Seixal (Nós), en lugar de exixir para o proprio Concello ese dereito a emendas que se lle nega á cidadanía afectada polas modificacións do Plan Xeral.
A hiperdependencia do Concello de Oleiros dun sector urbanístico en franca crise debería facer reflexionar ao goberno local para adaptar o crecemento nos próximos anos a esta nova situación, en lugar de se queixar contra unhas normas (Hábitat, 40% de reserva,…) aplaudidas por toda a cidadanía, e actuando contra unha medida como é a promoción de 600 vivendas protexidas en núcleos urbanos do concello, medida que vén mellorar a calidade de vida e corrixir os erros no urbanismo realizado nos últimos anos, para alén de axudar a salvar un sector económico que se atopa nunha preocupante situación.
Por outra banda, o documento debería prever:
1) viais con carril-bus que faciliten e promovan o uso do transporte público acompañando as previsións de crecemento recollidas na proposta do PXOM,
2) peiraos para o transporte marítimo como vía complementaria ao transporte por estrada,
3) unha boa rede de saneamento que corrixa e evite nun futuro a actual situación de contaminación da ría,
4) verdadeiros plans de revitalización económica a través de infraestruturas turísticas de calidade (prevendo a construción de hoteis, albergues, etc),
5) infraestruturas de deporte marítimo,
6) reserva de solo verdadeiramente industrial, e non dedicado somente para polígono comercial,
7) e outras potencialidades que se deberán pór en valor para correxir a referida hiperdependencia urbanística do concello de Oleiros.
A pesar das carencias e da pouca adaptación á actual realidade económica e social, o Plan Xeral de Oleiros é mellor que os do resto da área metropolitana, mais non se xustifica en ningún caso nin a falta de transparencia, nin a subtracción do dereito da cidadanía a alegar naquilo que lle afectar directamente (independentemente de que teñan a razón ou non) e moito menos as présas en aprobar un documento que aínda está por ver se se informa positivamente polo Goberno galego cando se está a piques de disolver o Parlamento e convocar eleccións.
Aínda así, o BNG estaría disposto a apoiar o actual documento sempre e cando se sometesen as modificacións a un período de exposición pública con posibilidade de alegacións, tanto para garantir a información, como a transparencia e a participación nun documento tan importante como é o PXOM, ademais de para evitar recursos xudiciais que poidan xerar suspensións posteriores.
Na actual situación, a revisión do Plan Xeral de Oleiros debe deixar de ser un instrumento de intereses políticos e converterse na verdadeira oportunidade para se facer de Oleiros un concello para vivir, sustentábel social e economicamente, fuxindo dos prexudiciais desequilibrios padecidos até hoxe.




