O BNG insta o goberno local a cumprir os compromisos co tellado do patio da escola infantil da Canteira e cos locais de ensaio
5 Decembro, 2008 Sen clasificar Non hai comentariosDespois de 4 meses de ter anunciado o alcalde de Oleiros o perigo de derrubamento do tellado do patio exterior da escola infantil da Canteira, este segue valado e sen poder ser utilizado polos nenos e nenas da escola, ademais de non se saber cando vai ser substituído nin de quen é a responsabilidade desta situación, polo que o BNG exixe unha solución inmediata a este asunto despois de que se xerase unha alarma polo goberno local con ese anuncio entre os pais e nais que enviaron as súas crianzas a esta escola desde a súa inauguración, entre aqueles pais e nais que teñen actualmente os seus fillos e fillas matriculados nesta escola.
Por outra banda, o alcalde incumpre un convenio asinado por el mesmo co Director Xeral de Xuventude, Rubén Cela, para a creación de locais de ensaio para grupos de música, ao non pór a disposición o inmóbel e ter os instrumentos facilitados pola Vicepresidencia da Xunta de Galiza almacenados desde hai 3 anos en dependencias municipais. Mentres tanto, o goberno local destina locais – como é o caso da antiga Casa da Xuventude- a entidades privadas, neste caso á Asociación Galega de Xestores Deportivos (AGAXEDE), presidida por Eduardo Blanco, e que ten a súa sede central en Compostela, en canto deixa numerosos grupos de música de xente nova de Oleiros sen locais para ensaiar, cando son xa máis de 40 os concellos de toda Galiza que, froito de convenios con Vicepresidencia, están na Rede Galega de Locais de Ensaio.
No BNG non nos parece lóxico denunciar “incumprimentos” doutras administracións cando se están a incumprir compromisos do goberno local prexudicando intereses públicos en canto se benefician entidades privadas non municipais.




