O BNG, comprometido con Oleiros desde a Xunta
Xaneiro 22, 2009 1:27 pm Sen clasificarO Bloque Nacionalista Galego ten apostado desde as súas áreas no goberno da Xunta de Galiza polo concello de Oleiros con numerosas actuacións como non se tiña feito anteriormente por parte de ningún goberno.
Desde a Consellaría de Cultura e Deportes temos apoiado certames culturais como o de fotoxornalismo Revela!, o de audiovisual Nova Factory, a creación do festival galego de Cabaré, a celebración da Semana do libro galego e múltiples subvencións a actividades municipais e a entidades culturais e deportivas do concello. O BNG colaborou na restauración do muro do Castelo de Santa Cruz, e recuperou o abandonado estadio do INEF cun investimento superior a 1,5 millóns de euros na súa primeira fase, entre outras actuacións.
A Consellaría de Medio Rural ten investido por primeira vez en Oleiros entre 80 e 100.000 euros anuais na reparación de camiños no rural ademais de impulsar a creación de UXFOR (Unidades de Xestión Forestal) entre as persoas proprietarias de monte en Oleiros.
A Consellaría de Industria, Enerxía e Minas ten mellorado o interior do Mercado municipal de Perillo en colaboración co concello e rematado a través de Xestur e coa Consellaría de Vivenda a urbanización do Mesón da Auga, de vivendas de protección, despois de dez anos de atrasos acumulados polos gobernos do Partido Popular. Ademais, desde a Dirección Xeral de Turismo, está a se a impulsar co Consorcio das Mariñas o Plano Comarcal de Turismo en que está incluído o concello de Oleiros.
Desde a Consellaría de Vivenda e Solo e a través do Plan Sectorial de Vivenda, Oleiros contará con case 600 vivendas de promoción pública con máis de 150.000m2 de espazo e cerca de 40.000m2 de solo de equipamento nun lugar privilexiado como é Coruxo, ben perto do centro de Santa Cruz, ben comunicado e que xenerá emprego e investimentos económicos sen precedentes no noso concello.
A Vicepresidencia da Xunta de Galiza, que dirixe Anxo Quintana, ten oferecido o equipamento para os locais de ensaio, o traspaso de dúas escolas infantís á rede de Galescolas este ano e outras dúas o vindeiro, ademais da construción doutra máis. Está finalizado o proxecto de construción dun grande Centro de Día (80 usuarios) nas Galeras e temos apoiado tamén economicamente á asociación de redeiras de Lorbé para dignificar esta profesión.
Sen dúbida, estas e outras actuacións, constitúen un compromiso efectivo do BNG desde a súa responsabilidade de goberno cos veciños e veciñas de Oleiros, que seguiremos a incrementar na próxima lexislatura co voso apoio nas eleccións do 1 de marzo.



