O BNG de Oleiros contra a pegada sonora do aeroporto e pola declaración de aeroporto urbano

Sen clasificar Non hai comentarios

avion_

O BNG de Oleiros amósase contrario á pegada sonora imposta por AENA no Concello de Oleiros e que afecta unha grande zona do concello de Oleiros desde Coruxo até a ría do Burgo pasando por Montrove.

O BNG de Oleiros valora negativamente que se teña afectado unha zona tan ampla téndomos en conta que o aeroporto de Alvedro se atopa enmarcado nunha zona de alta densidade poboacional e resulta xa “de facto” un aeroporto urbano.

O localismo e os intereses partidistas van en contra do sentido común se temos en conta que a competencia entre os tres aeroportos galegos está a prexudicar todo o sistema aeroportuario galego en beneficio do aeródromo portugués do Porto e coa implantación do AVE a situación dos tres aeroportos pode mudar negativamente se non se uniren os intereses dos mesmos e se non se especializan.

Os intereses dos veciños e veciñas de Oleiros non se poden ver prexudicados en beneficio de non se sabe que minorías mentres que o transporte público comarcal segue en situación precaria, o ferrocarril de cercanías é inexistente e as molestias e o risco de Alvedro segue existindo.

O BNG de Oleiros apoiará os veciños e veciñas do concello nas súas reivindicacións e solicitará a declaración de Alvedro como aeroporto urbano.

O BNG exixirá o cumprimento dos compromisos con Oleiros

Sen clasificar Non hai comentarios

fina_quintans_01

Artigo de Fina Quintáns para o próximo número do voceiro municipal “Vivir en Oleiros”:

Cun novo goberno na Xunta de Galiza Oleiros non debe prescindir dos compromisos contraídos co anterior goberno. As 600 vivendas do Plan Sectorial, o Centro de Día, as dúas galescolas, o apoio ás redeiras de Lorbé, os prazos da Vía Ártabra, os locais de ensaio, o Plan Xeral, o saneamento da ría, a mellora do rural e as Unidades de Xestión Forestal, alén de diversos compromisos contraídos entre o goberno local e o anterior goberno da Xunta, deben manterse. No BNG exixiremos o cumprimento dos compromisos adquiridos coa Xunta de Galiza, independentemente de quen estea no goberno, e faremos unha especial vixilancia do labor do portavoz do PP a respeito do noso concello. Os compromisos con Oleiros deben manterse.

O BNG celebrou a aprobación do Plan Xeral e critica o impacto sonoro do aeroporto

Sen clasificar Non hai comentarios

oleiros_parroquias

O BNG celebra que se teña aprobado o Plan Xeral de Oleiros, aínda que advirte do risco de que algún veciño, prexudicado polos cambios producidos e sen dereito a alegar logo de ter excluído o Concello a exposición pública do documento, poida denunciar na Xustiza o Plan Xeral e que este sexa paralizado por ese motivo. En calquera caso, o BNG de Oleiros celebra que Oleiros poida contar cun instrumento necesario para a súa planificación de crecemento no futuro dun xeito ordenado.

Canto ao impacto ou pegada sonora prevista por AENA para o aeroporto, entendemos que non se corresponde coa previsión de ampliación dun aeroporto condenado pola evolución do sistema de transporte, xa que a existencia de 3 aeroportos competindo entre si en Galiza, a futura creación do AVE e a difícil expansión da pista pola súa localización converteron este impacto sonoro nunha imposición inxusta para as veciñas e veciños do concello de Oleiros, xusto nunhas parroquias urbanas próximas á metrópole da Coruña e nas que o sentido común fai prever unha expansión no futuro próximo. Só a obcecación localista de certos grupos de poder coruñés e os intereses políticos do PP xustifican esta situación da que o proprio concello e a súa cidadanía son os principais prexudicados.

O BNG de Oleiros alerta o goberno local e o Partido Socialista para impedir que o novo goberno do PP obstrúa desde a Xunta os planos de futuro do Concello. O BNG continuará a traballar para que todo aquilo que se aprobe democraticamente no Pleno sexa apoiado polo futuro goberno da Xunta.

O BNG de Oleiros súmase á reivindicación do aeroporto de Alvedro como aeroporto urbano e critica que os gobernos do PSOE e do PP non teñan investido un só euro no aeroporto de Alvedro e que, porén, sigan a utilizar o aeródromo como instrumento político dun localismo arcaico mentres que a rede comarcal de transporte por ferrocarril, estrada e transporte marítimo segue anticuada e inexistente.