O BNG defende un Alvedro “plenamente operativo” e considera que as polémicas creadas “ocultan a falla de compromiso de PP e PSOE co aeroporto e cos problemas da comarca”

12:25 pm Sen clasificar

null

A dirección comarcal do BNG, lembra que “a pesar de que é competencia do Goberno Central, o BNG desde a Xunta de Galiza leva destinados case un millón de euros a financiar novas conexións en Alvedro, mentres que en 16 anos de Goberno do PP a Xunta non investiu un só euro no aeroporto”

A dirección comarcal do BNG da Coruña reafirma a postura da formación nacionalista en relación coa terminal de Alvedro, “que como defendeu historicamente o BNG da comarca, é a dun aeroporto plenamente operativo, con novas conexións e axeitadamente integrado no contorno urbano en que está situado”.

Neste sentido, a dirección comarcal do BNG considera que as polémicas creadas sempre arredor do aeroporto “só obedecen aos intereses de PP e PSOE de agocharen os problemas da comarca e de ocultaren a súa falta de compromiso co aeroporto”.

“Despois de 20 anos, os Gobernos do PP e do PSOE en Madrid non foron capaces de mellorar Alvedro”

En todo caso, a dirección comarcal do BNG subliña que a ampliación de Alvedro “é un asunto que depende do Ministerio de Fomento”.

A este respeito, o BNG critica especialmente que “desde hai vinte anos que se abriu Alvedro, os sucesivos gobernos estatais de PP e PSOE non foron quen nin tiveron a vontade política para que a comarca da Coruña teña o aeroporto que demanda”.

“A pesar de ser competencia estatal, o BNG desde a Xunta de Galiza leva destinados case 1 millón de euros en dous anos a Alvedro, o PP en 16 anos 0 euros”

Ademais, o BNG lembra que “nos 16 anos de gobernos do PP en Galiza, o aeroporto de Alvedro non recibiu nin un só euro dos orzamentos da Xunta”.

Pola contra, subliña que “coa chegada do nacionalismo á Xunta de Galiza houbo un cambio radical: a pesar de que é competencia do Ministerio de Fomento, e de que a Dirección Xeral de Transportes, dependente da Consellaría de Política Territorial, segue sen investir un só euro en Alvedro, a Dirección Xeral de Turismo da Consellaría de Innovación e Industria dedicou 300.000 € en 2008 a financiar novas conexións en Alvedro, estando reservados nos Orzamentos da Xunta para 2009 unha partida de 600.000 € para o mesmo fin”.

“É necesario que o Goberno galego xestione os aeroportos”

“O BNG aposta por un sistema aeroportuario galego, integrado e xestionado desde Galiza”. Salienta que “no caso de Alvedro, isto permitiría atraer novas conexións xa que sería o Goberno Galego e non AENA quen fixase as tasas aeroportuarias e negociase directamente coas compañías”.

“PP e PSOE queren utilizar Alvedro como cortina de fume para ocultar os problemas da comarca”

Por iso, desde o BNG comarcal considérase que a polémica creada “só obedece aos intereses do PP e do PSOE de agocharen problemas que poñen de manifesto a súa falta de compromiso coa comarca da Coruña, como a falta de saneamento da ría, a inexistencia dun sistema de transporte metropolitano por estrada e ferroviario, ou a situación de SOGAMA”.