FINA QUINTÁNS INICIA UNHA ROLDA DE ENTREVISTAS COS REPRESENTANTES DOS CLUBES DE FÚTBOL DO CONCELLO DE OLEIROS
Abril 21, 2009 9:27 am Sen clasificarFina Quintáns comezou esta semana unha rolda de encontros cos representantes dos clubes de fútbol do concello de Oleiros. Na tarde de hoxe xoves a portavoz do BNG no Concello de Oleiros mantivo unha entrevista con Roberto Pintos, presidente do Hércules de San Pedro, e Manuel Tellado, vicepresidente tamén do mesmo equipo. O obxectivo desta rolda de entrevistas que iniciou hoxe Fina Quintáns é o de coñecer de primeira man, a través dos máximos representantes das directivas de cada un dos equipos de Oleiros, aquelas necesidades que teñen os clubes de fútbol do noso concello.
Na reunión mantida na tarde de hoxe xoves nas inmediacións do campo de fútbol do Hércules de San Pedro entre Fina Quintáns e militantes do BNG de Oleiros co presidente e vicepresidente do Hércules de San Pedro, a portavoz do BNG mostrouse especialmente interesada en coñecer as carencias e necesidades que ten actualmente o clube do Hércules.
Entre as necesidades que apuntaron Roberto Pintos e Manuel Tellado están a limpeza do río das proximidades, así como tamén do paseo á beira do río, que se encontran a escasos metros do campo de fútbol, e indicaron que “o adecentamento do río xa estaba no proxecto da Urbanización do Mesón da Auga”, referindo que “non se fixo a limpeza do río que se debería ter feito nestes últimos 8 anos de retrasos na urbanización’’, o que sen dúbida beneficiaría o contorno deixando un paseo agradábel á beira do río. Pintos e Tellado salientaron tamén que “sería necesario cerrar o recinto deportivo cun valado de formigón de máis de un metro de altura e cun valo metálico, porque hai persoas que entran sen permiso no campo con motocicletas”.
Os responsábeis do Hércules de San Pedro comunicaron tamén a Fina Quintáns que “os 18 aspersores que posúe o campo de fútbol do Hércules non teñen a presión suficiente” e indicaron que “a solución é introducir uns depósitos de propano para meter un motor que teña a presión necesaria para regar” especificando que precisarían dun “sistema automático para programar o rego”. Outra necesidade que apuntaron os directivos do Hércules foron as redes de 190 metros de longo por 10 metros de alto, así como a limpeza nunha das esquinas onde se debería proceder a “un transvase de terra que provoca problemas, nomeadamente cando chove”.
Os responsábeis do Hércules de San Pedro fixeron chegar a Fina Quintáns o seu interese por colocar as novas tecnoloxías ao servizo do equipo que dirixen, e indicaron que necesitan que lles chegue a rede de telefonía para poder conectarse á internet. Afirmaron que o alcalde xa se comprometeu con eles en disponibilizar a rede de telefonía, mais que polo momento aínda non fixo nada ao respecto. Roberto Pintos e Manuel Tellado comunicaron a Fina Quintáns que tamén están esperando polo asfaltado até á ponte pola que se accede ás inmediacións do campo do Hércules, e indicaron que se debería reparar a ponte pois presenta unha esquina defectuosa que é un perigo para calquera persoa, especialmente para nenas e nenos.
Fina Quintáns indicou a Roberto Pintos e Manuel Tellado que o BNG está especialmente comprometido na defensa do deporte e que fará chegar ao alcalde de Oleiros estas demandas e as demandas do resto de responsábeis dos clubes de fútbol do concello de Oleiros cos que espera entrevistarse no transcurso das vindeiras semanas.



