O BNG presenta no Rexistro Municipal de Oleiros unha moción sobre o 17 de maio en defensa do idioma galego
4 Maio, 2009 Sen clasificar Non hai comentariosO BNG de Oleiros presentou esta mañá no Rexistro Municipal unha moción sobre o 17 de maio en defensa do idioma galego, asinada por Fina Quintáns, portavoz do BNG no Concello, para solicitar no Pleno do Concello a manifestación da vontade da Corporación municipal na defensa da nosa lingua e, especificamente, nos acordos unánimes adoptados polo Parlamento Galego para instrumentar as medidas de normalización do Galego nos diversos ámbitos sociais.
Asimesmo, o BNG solicita da corporación municipal o apoio do ‘Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o Galego’, manifesto apoiado por diversas entidades, personalidades do mundo da cultura, do deporte, etc., así como moitas adhesións individuais da cidadanía en xeral.
Por último, o BNG solicita da corporación municipal que se secunden as campañas e iniciativas que se promovan en defensa do idioma galego e, concretamente, a convocada para o próximo 17 de maio en Santiago de Compostela.
A moción presentada esta mañá polo BNG de Oleiros é un chamamento ao respecto á legalidade vixente en materia lingüística e de apoio ao Galego en momentos especialmente sensíbeis para a lingua galega en que se trata de confundir á poboación suxerindo que é o Galego é unha “lingua imposta” (sic) cando na realidade non só se perden falantes de Galego a un ritmo altísimo senón que tampouco se garanten os dereitos lingüísticos das persoas que utilizan o idioma de Galiza.
Reproducimos a continuación o texto da moción presentada na mañá de hoxe polo BNG de Oleiros no Rexistro Municipal do Concello.
MOCIÓN SOBRE O 17 DE MAIO, EN DEFENSA DO IDIOMA GALEGO
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Resulta evidente que o proceso de normalización de usos do Galego foi lento e, até hoxe, insuficiente para garantir o dereito a vivir na nosa lingua. O respecto á legalidade vixente (Estatuto e Lei de Normalización Lingüística) e a implementación de cambios legais na dirección da igualdade e da convivencia semellan non ir na direccion daqueles que aínda poñen proa ao dereito fundamental para o Galego gozar no seu territorio do mesmo status legal que o Castelán no seu.
Asistimos nos últimos tempos a unha situación esperpéntica, por canto existen sectores –políticos e mediáticos– que pretenden transladar á opinión pública a idea de que o idioma castelán corre perigo en Galiza por mor da suposta discriminación a que se ven sometidas as persoas que falan nesta lingua.
Mentres tanto, a realidade é claramente á inversa: non só non gozamos dunha realidade que permita a existencia e normalidade dos usos do noso idioma no día a día, senón que ademais resulta evidente un proceso de confusionismo que pretende que as persoas galegofalantes non teñan dereitos lingüísticos, e que os únicos deberes para as administracións públicas fiquen referenciados ao uso do Castelán. Na práctica, estamos na negación da igualdade e convivencia entre as dúas linguas.
De feito, un contundente informe do Consello de Europa elaborado a finais do pasado ano, advertía que no noso País non se están a dar garantías para o uso normal do Galego en sectores tan importantes como a educación, a xustiza, os servizos públicos ou os medios de comunicación; incumpríndose de feito os tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos. Na mesma liña, un recente informe da Real Academia Galega sinala que en doce anos ficou reducida á metade a cantidade de persoas que falan habitualmente en Galego.
Acreditamos que compete ao pobo galego, a través das súas institucións representativas, definir a política lingüística acorde co criterio de cooficialidade e de lingua propria que mesmo o actual Estatuto recoñece para o noso idioma; exixindo das institucións de autogoberno a defensa da igualdade plena de dereitos para o Galego e a aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos.
Non obstante, estamos a escoitar declaracións de persoas con cargos de alta responsabilidade no novo Goberno Galego que contitúen un ataque contra o Galego e mesmo poden constituír un perigo de confrontación e de fractura social; á marxe de ir contra os acordos unánimes do Parlamento Galego, nomeadamente contra o recollido no artigo 5 do Estatuto de Autonomía, que sinala o Galego como lingua propria de Galiza e a obriga dos poderes públicos de a potenciar nos diferentes ámbitos de uso.
Por isto, é polo que solicitamos do Pleno da Corporación a adopción do seguinte
A C O R D O
1. Manifestar a vontade da Corporación municipal na defensa da nosa lingua e, especificamente, nos acordos unánimes adoptados polo Parlamento Galego para instrumentar as medidas de normalización do Galego nos diversos ámbitos sociais.
2. Apoiar o ‘Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o Galego’.
3. Secundar as campañas e iniciativas que se promovan en defensa do idioma galego e, concretamente, a convocada para o próximo 17 de maio en Santiago de Compostela.
FINA QUINTÁNS ANTELO
Oleiros, 4 de maio de 2009




