O BNG de Oleiros denuncia que a 1ª medida urxente do novo xerente do Consorcio Galego sexa en beneficio persoal da secretaria xeral de Benestar Cristina Ortiz
Xuño 10, 2009 2:02 pm Sen clasificarO BNG de Oleiros denuncia que a 1ª medida urxente do novo xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar sexa a criación do programa de acompañamentos das galescolas de Oleiros para beneficio da secretaria xeral de Benestar Cristina Ortiz.
O novo xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Roberto Rodríguez, tomou como primeira medida logo da toma de posesión do seu cargo a aplicación do programa de acompañamento para nenos e nenas de 3 a 6 anos nas galescolas de As Galeras e A Pardela, dándose a casualidade que nesta última está inscrita a crianza da nova secretaria xeral da Consellaría, Cristina Ortiz. Para a nova secretaria xeral resulta máis urxente atender as súas necesidades domésticas en lugar de ampliar este servizo a todas as galescolas do país.
Resulta curioso ver como pode resultar máis urxente este servizo en 2 galescolas concretas (no BNG de Oleiros alegrámonos de que este beneficio o vaia desfrutar o noso concello) que arranxar unha inundación na galescola do Porriño, ou comprometerse a dar un novo servizo de educación infantil contratando as obras da escola infantil de Mera ou comprometerse coa construción dunha nova galescola na parroquia de Nós. Ademais disto, os prezos públicos deste proxecto non se axustan ao que deberían ser tarifas cun claro sentido social que non constitúa prexuízo económico especialmente nestes momentos de crise, e que axude na conciliación da vida laboral e familiar, xa que se está a aplicar directamente unha tarifa municipal cando o proprio Consorcio xa tiña feito un estudo de tarifas adaptadas ás rendas familiares, tarifas que resultaban claramente beneficiosas en relación coas aplicadas por orde da actual consellaría.
Asistimos a unha nova demostración do novo goberno da súa política de favores e de tomas de decisións á carta para os proprios membros do goberno. Oleiros precisa xa dun compromiso firme de reforma da Escoliña de Mera, e da construción dunha nova galescola na parroquia de Nós para atender a forte demanda de prazas de educación infantil no noso concello, e non de medidas claramente discriminatorias co resto de familias do país só para satisfacer as demandas que as familias lle fan directamente á señora secretaria xeral na galescola dos seus fillos.
Oleiros necesita que o señor Roberto Rodríguez se comprometa con Oleiros con investimentos na mellora e ampliación dos servizos existentes, tal e como fixo o anterior goberno da Xunta asumindo a xestión das 3 escolas infantís, o Pazo de Arenaza e a construción do Centro de Día de As Galeras cun custo de 1,5 millóns de euros.
Preguntámonos cal é a causa de que ese servizo de acompañamento non se inclúa na escola infantil da Canteira? Será que non hai fillos de altos cargos do PP neste centro?




