O BNG anuncia novas medidas de presión polo incumprimento dos compromisos do alcalde cos accesos da praia de Naval
Xuño 15, 2009 1:53 pm Sen clasificarLogo de 13 anos dun proceso de expropriación sen rematar, de máis de 300 sinaturas recollidas polo BNG entre os veciños e veciñas da zona, presentadas no rexistro municipal, ademais dunha manifestación celebrada o pasado ano para reclamar o acondicionamento e mellora dos accesos da praia de Naval, as promesas e os compromisos asumidos polo alcalde seguen sen se realizar, e diante da reclamación de Fina Quintáns, portavoz do BNG no Concello de Oleiros, o alcalde negouse a asumir a execución desas promesas.
A praia de Naval, situada nun contorno urbano próximo á localidade de Santa Cruz de Liáns, dentro da parroquia de Dorneda, atópase, malia a grande afluencia de usuarios e usuarias que soporta, sen uns accesos dignos coas zonas públicas e privadas sen limpar, con camiños inseguros que rozan acantilados, con falta de iluminación e salubridade, e con nulos servizos para unha praia destas características.
Á vista da nula vontade do Concello e da incompetencia dos servizos municipais para daren solución a un problema tan antigo, o BNG trasladará aos veciños e veciñas da zona información sobre a situación novamente para acordar novas medidas para a mobilización e presión social que solucionen primeiramente a mellora dos espazos públicos existentes, e, logo, para resolver a obriga dos proprietarios privados de dar solución ao actual abandono ao finalizar dunha vez por todas o proceso de expropriación, para se realizar a execución do proxecto para ese contorno. A portavoz do BNG no Concello de Oleiros, Fina Quintáns, trasladará ao vindeiro Pleno unha moción nese sentido, e tntará que sexa apoiada polos outros grupos da oposición, para que sen máis dilación o goberno local de Oleiros se poña a traballar para mellorar a calidade de vida de numerosos núcleos abandonados no concello de Oleiros polo goberno local nas diferentes parroquias, núcleos abandonados que son a vergoña de veciñas e veciñas e das persoas que nos visitan, nun concello que presume de modélico mais que practica de facto desequilibrios no investimento en función de antollos políticos.




