21 Setembro, 2009
Sen clasificar
Non hai comentarios

Nunha resposta escrita -que se pode consultar aquí- a unha pregunta realizada no Parlamento de Galiza polos parlamentares nacionalistas Carlos Aymerich e Ana Luísa Bouza sobre a construción dunha nova Galescola na parroquia oleirense de Nós (publicada no BOPG nº 23, do 27 de maio de 2009) a consellaría de Benestar e Traballo dirixida por Beatriz Mato deu resposta eludindo agora asumir a construción da 4ª galescola en Oleiros, en concreto nunha parcela que debía ceder o Concello de Oleiros. A Consellaría de Benestar e Traballo escúdase en que non hai compromisos asinados e, por tanto, non farán nada ao respecto para dotar o noso concello da cuarta galescola comprometida.
Os veciños e veciñas de Oleiros sabemos do compromiso oral e escrito do ex vicepresidente da Xunta de Galiza Anxo Quintana, e que ese compromiso era o traspaso de 2 galescolas (A Pardela e As Galeras), a posterior incorporación á rede da galescola da Canteira, así como tamén a construción dun Centro de Día para 50 persoas usuarias nas Galeras, que está agora mesmo en obras, e o compromiso de incorporar nun futuro tamén a escoliña infantil da Lagoa (da que xa foron enviados os planos ao Consorcio) previa adaptación á normativa vixente.
Tanto a área de Benestar da actual Xunta de Galiza, cunha directora xeral que reside en Oleiros e ten fillos na Galescola de Dos Regos, como o proprio portavoz do PP en Oleiros, Pablo Cobián, son coñecedores da lista de agardas existente nun concello como o de Oleiros, que incrementa a poboación a un ritmo aproximado de 1.000 habitantes por ano nun tramo de idade de xente moza con fillas e fillos pequenos.
Consideramos lamentábel que o goberno Feijóo despois de incidir en que non vai haber recortes en asuntos sociais estea a eludir compromisos que non prexudican só ao Concello de Oleiros, mais tamén ao conxunto de veciños e veciñas de Oleiros. Esta é a política social de que nos falan: os recortes sociais acadados polo anterior goberno bipartito son agora eliminados por un PP radicalizado que non goberna para a xente, senón para os seus proprios intereses partidarios. Onde está Pablo Cobián para defender os intereses de Oleiros diante dos seus compañeiros e compañeiras de partido?
18 Setembro, 2009
Sen clasificar
Non hai comentarios
A eliminación da gratuidade dos libros de texto, os problemas de transporte e no comedor do colexio Luís Seoane, e a non realización de obras de mellora comprometidas para os centros escolares son algúns dos problemas que hai en Oleiros a comezos do novo curso escolar, e o portavoz do PP e deputado no Parlamento Galego Pablo Cobián, que é moi dado a criticar calquera problema no concello, mantén un lamentábel silencio ao respecto.
A polémica desatada polo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, ao suprimir o acceso universal aos libros de texto para lle facer pagar en tempos de crise por adiantado estes libros ás familias máis desfavorecidas, converte dereitos en beneficiencias, e son numerosas as familias con baixos recursos que teñen incluso dificuldades para adiantar os cartos. Botamos en falta as críticas que o señor Cobián facía á anterior Xunta aos inicios do curso escolar, nomeadamente coa apertura das aulas de infantil e o parque de xogos do colexio Luís Seoane, as demandas de acondicionamento do colexio Isidro Parga Pondal, a demanda da cubrición da pista polideportiva do instituto Xosé Neira Vilas, ou mesmo a reclamación de ciclos formativos no instituto de Oleiros.
Coa chegada do PP á Xunta de Galiza o señor Cobián actúa como se desaparecesen todos os problemas e como se todas as demandas estivesen solucionadas. Mais, ademais de non criticar esta situación, o portavoz popular obstrúe as melloras para non prexudicar os intereses do seu conselleiro e do seu partido da mesma maneira que fixo co Plan Xeral, ou coas melloras do tendido eléctrico (das que tampouco fala) e mesmo coas licenzas para o Polígono Industrial de Iñás.
10 Setembro, 2009
Sen clasificar
Non hai comentarios

A Corredoira das Viñas, punto negro en seguridade viaria
A Corredoira das Viñas, que une a Avenida Che Guevara á altura de Santa Cristina coa rúa Xosé Neira Vilas na Canteira de Perillo, atópase sen beirarrúa e escasa iluminación, cunha calzada estreita que fai perigar a integridade dos peóns nun tramo altamente denso que soporta centos de vehículos diarios por comunicar a Avenida Che Guevara coa zona alta de Perillo, que aumenta ano tras ano o número de persoas residentes, e onde se atopan, ademais, o mercado, o centro de saúde, correos, o colexio de primaria, a escola infantil municipal, a piscina, o instituto de secundaria, a Casa da Cultura, a igrexa municipal, etc.
As fochas, a deficiente iluminación, e a falta de beirarrúas e cunetas, provocan que haxa un longo tramo desa estreita rúa moi perigoso para calquera viandante, pola existencia dun lateral dun muro e dun noiro que non permiten que se poida apartar.
Este verán puidemos comprobar como malia non existir espazo, moitos coches estacionaban nesa rúa dificultando aínda máis o paso tanto rodado como a pé pola referida rúa.
Case cinco millóns de euros que corresponderon a Oleiros polo Plan E do goberno do Estado non contemplaron unha obra tan necesaria no núcleo de población máis poboado do Concello, que ten numerosas beirarrúas e andéns peonís mais que esquece algúns dos máis concurridos como é a Corredoira das Viñas.
Gobernar é priorizar e os veciños e veciñas non poden agardar anos a que se inicien urbanizacións de vivendas no contorno para garantir a seguridade vial e o tránsito vial con garantías e calidade nun núcleo urbano tan denso.
É urxente solucionar este problema coa máxima rapidez nunha zona cunha alta densidade de poboación e de tránsito, lembrándomos que o Concello ten abordado en zonas menos concorridas a creación de beirarrúas ou andéns peonís menos urxentes, aínda que necesarios, que este tramo.
Urximos ao goberno de Alternativa dos Veciños a solucionar de inmediato o problema e dar resposta a demandas que garantan a calidade de vida diaria por diante de investimentos menos xustificabeis desde o punto de vista das necesidades máis urxentes.
A prevención de accidentes debe ser prioritaria para non ter que lamentar despois calquera consecuencia negativa provocada polo estado lamentábel da Corredoira das Viñas.
9 Setembro, 2009
Sen clasificar
Non hai comentarios

Artigo de Fina Quintáns para o voceiro municipal “Vivir en Oleiros”.
O BNG de Oleiros nun exercicio de responsabilidade política apoiou a primeira aprobación inicial do PXOM aínda sen compartir o documento plenamente. Logo das modificacións introducidas nesta lexislatura, reclamamos unha nova exposición pública con período de alegacións para preservarmos o dereito da cidadanía a se defender e a se informar debidamente do documento máis importante que se aproba nun concello.
A día de hoxe o goberno local é incapaz de aprobar definitivamente o documento debido á permanente confrontación coas administracións e á súa nula capacidade de negociación. Por outra banda, o Partido Popular e Pablo Cobián, lonxe de traballaren a favor do concello de Oleiros, dedícanse a obstruír e entorpecer o PXOM, prexudicando o conxunto da cidadanía e os intereses dun concello cunha excesiva dependencia do urbanismo. Oleiros non precisa de polémicas senón de solucións, nin de líderes que poñan por diante de Oleiros os seus intereses partidistas e particulares.
FINA QUINTÁNS
Portavoz do BNG no Concello de Oleiros.