O BNG de Oleiros proporá ao Concello un sistema de aluguer de bicicletas

Sen clasificar Non hai comentarios

bicis_

O BNG de Oleiros propón para o concello unha rede de aluguer de bicicletas, como noutros concellos do País, para fomentar a vida sá e ecolóxica ademais de aproveitar para ampliar os quilómetros de carril-bici existentes.

No período do BNG no goberno local este era un dos proxectos que se ían realizar, mais a expulsión do BNG do goberno deixou este proxecto abandonado, polo que agora proporemos que se retome e se instale esta rede de aluguer con puntos de intercambio nas principais localidades de Oleiros.

Hai xa precedentes noutros concellos próximos, polo que a realización dun proxecto destas características resultará sinxelo e promoverá hábitos saudábeis ao tempo que fomentará o turismo ecolóxico, promovendo a mobilidade sen vehículos contaminantes e forzando en breve prazo a necesidade de ampliación de carril-bici por todo o territorio municipal.

Un concello que presume de ecolóxico como Oleiros debe ser dos que dean exemplo implantando sistemas de transporte alternativos e promovendo a práctica da actividade física entre os seus veciños e veciñas.

O BNG leva ao Parlamento de Galiza as demandas dos veciños e veciñas dos Tornos

Sen clasificar Non hai comentarios

BNG

O BNG formulou hoxe no Parlamento de Galiza, a través do parlamentario Carlos Aymerich Cano e da parlamentaria Ana Luísa Bouza Santiago, varias cuestións referidas á problemática situación que os veciños e veciñas dos Tornos en Dorneda padecen por causa da construción da Vía Ártabra. Ademais dos baixos prezos pagados polas expropiacións, agora estas persoas vense obrigadas a aturar estar sen beirarrúas, rede de sumidoiro, auga potábel, gas e outros servizos. O BNG denunciou hoxe no Parlamento de Galiza esta situación que condena os veciños e veciñas da zona dos Tornos a un illamento aínda maior que o que xa padecían por parte do Concello de Oleiros.

As demandas das persoas que viven nos Tornos (Dorneda – Oleiros), defendidas hoxe polos nacionalistas Carlos Aymerich e Ana Luísa Bouza, através da formulación de varias perguntas dirixidas á Mesa do Parlamento, son froito da entrevista que mantivo a portavoz do BNG no Concello de Oleiros, Fina Quintáns, esta mesma semana cos veciños e veciñas dos Tornos. Fina Quintáns escoitou as súas demandas e comprometeuse a trasladar estas ao Concello e ao Parlamento Galego, a cada institución en función das súas competencias.

Reproducimos a iniciativa parlamentaria apresentada hoxe polos parlamentarios nacionalistas Carlos Aymerich e Ana Luísa Bouza en defensa dos veciños e veciñas dos Tornos.

Á MESA DO PARLAMENTO

Carlos Aymerich Cano e Ana Luísa Bouza Santiago, deputados pertencentes ao Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, apresentan a seguinte Pregunta para a súa resposta escrita, sobre as medidas que vai adoptar a Xunta de Galiza para resolver os problemas que a construción da Vía Ártabra ameaza con provocar no lugar de Os Tornos (Dorneda, Oleiros).

No lugar de Os Tornos, en Dorneda, no concello de Oleiros, e en concreto na rúa Emilia Pardo Bazán, na estrada que une Santa Cruz de Liáns (Oleiros) con Meirás (Sada) os veciños aturan unha serie de problemas provocados pola construción da Vía Ártabra. Aparte dos baixos prexos pagados polas expropiacións, as obras de construción dunha ponte e unha rotonda, e que ese treito de estrada vai ser un distribuidor de acceso á futura Vía, provoca que a falta de beirarrúas, rede de sumidoiros, auga potábel, gas e outros servizos, condenen os veciños desa zona a un illamento aínda maior que o que padecían por parte do Concello de Oleiros.

Á vista desta situación, formúlanse as seguintes cuestións:

Ten previsto a Xunta de Galiza instalar beirarrúas nese tramo da rúa Emilia Pardo Bazán para garantir a seguranza na zona? Cando ten previsto incluílas daquela no proxecto?

Ten previsto a Xunta pór nese tramo de estrada as conexións da rede de sumidoiro, gas e outros servizos aproveitando as obras?

Santiago de Compostela, a 30 de outubro de 2009.

Asdo.
Carlos Aymerich Cano
Deputado do G.P. do BNG
Ana Luísa Bouza
Deputada do G.P. do BNG

Pode descarregarse unha copia dixital en PDF da iniciativa parlamentar aquí.

O BNG de Oleiros levará ao pleno do Concello a falta dunha rede de sumidoiros, auga potábel e outros servizos nos Tornos

Sen clasificar Non hai comentarios

Os Tornos                                     Obras da Vía Ártabra nos Tornos

O BNG MOBILIZARÁ OS VECIÑOS E VECIÑAS DOS TORNOS SE O GOBERNO LOCAL NON ATENDE AS SÚAS XUSTAS DEMANDAS

Os veciños e veciñas dos Tornos, en Dorneda, Oleiros, non contan con auga potábel, nin rede de sumidoiros, nin beirarrúas e nunha das rúas máis transitadas, a situación empeora pola acepción da Vía Ártabra, polo que o BNG de Oleiros trasladará ao pleno municipal a urxencia de dotar de servizos básicos a zona.

Os veciños e veciñas dos Tornos están nunha zona limítrofe con Sada, en concreto coa parroquia de Meirás, coa diferenza de que as persoas que viven na parte que pertence a Sada si teñen rede de sumidoiros e auga potábel desde hai anos, e as poucas persoas que quedaban sen estes servizos, foron incluídas polo concello nun plan de obras da Deputación para dotalas destes servizos este mesmo ano. O BNG xa se interesara por este problema hai dous anos e en mandatos anteriores mais desde o Concello sempre se desatendou esta zona.

Hai unha fonte pública contaminada con fecais (segundo análises de laboratorio encargado polas persoas que viven na zona) por causa de averías dunha estación de bombeo de Sada e de que o Concello de Oleiros non ten canalización de ningún tipo que recolla as pluviais nin as fecais da zona.

Os Tornos está sen beirarrúas nunha rúa (Emilia Pardo Bazán) de moito tránsito de coches e coas cunetas cheas de maleza, problema que se incrementará por ser este un tramo de acceso á futura Vía Ártabra.

Esta semana a Portavoz Municipal do BNG Fina Quintáns reuniuse cos veciños e veciñas dos Tornos para apoiar as súas demandas e comprometeuse a trasladar estas ao Concello e ao Parlamento Galego, a cada institución en función das súas competencias. As persoas que viven nesta zona do concello de Oleiros procederon estes días a instalar letreiros reivindicativos e trasladaron aos distintos grupos políticos os seus problemas.

O BNG exixe ao goberno local a reparación inmediata da Rúa dos Pozos

Sen clasificar Non hai comentarios

bota_de_trekking

O BNG de Oleiros exixe ao goberno local a reparación inmediata da rúa dos Pozos en Montrove dado o deterioro desta e a inminente chegada do inverno.

A reparación da rúa dos Pozos (ten placa municipal mais parece unha corredoira) foi demandada polos veciños e veciñas en numerosas ocasións coa contestación por parte do alcalde de que “iso vos pasa por facer casas no monte”.

As casas contan con licenza municipal e as persoas que viven na citada rúa pagan os impostos municipais correspondentes, mais o Concello non gastou neste acceso un só euro. A rúa ten por un lado a urbanización Mont Real, promovida pola promotora do servizo de augas do Concello (SERGESCO) e dá á estrada de Perillo a Oleiros, estando case en fronte á urbanización Montrove.

O actual estado deste acceso é case intransitábel, polo que no inverno, as pozas e a lama impedirán o paso de coches e persoas ás súas vivendas.

O concello elude adecentar un camiño público municipal e responde aos veciños e veciñas da zona con desprezo polo feito de residiren na zona hai anos, e mentres dá facilidades á implantación de urbanizacións e accesos ás mesmas abandona os viais históricos que levan a vivendas de particulares.

Fina Quintáns visitou onte a parroquia de Nós para coñecer de primeira man as demandas existentes e reclama melloras e investimentos na zona

Sen clasificar Non hai comentarios

belen_taboada_fina_quintans_julia_glez_pose_
Fina Quintáns reuniuse con Belén Taboada (á esquerda) e Julia Glez. Pose (á dereita), secretaria e tesoureira, respectivamente, da Asociación de Veciños “Os Rueiros” de Nós.

Continuando coas visitas que Fina Quintáns está a realizar polas diferentes parroquias do concello, a portavoz municipal do BNG mantivo encontros con veciños e veciñas de diferentes zonas e tamén coa directiva da asociación de veciños “Os Rueiros” de Nós.

Logo de tomar contacto in situ con diversas deficiencias existentes na parroquia de Nós, o BNG reclamará do Concello as seguintes actuacións e melloras nesta parroquia:

-Reposición dun espello na saída da rúa León Felipe coa rúa Salvador Allande.

-Unión da rúa Os Cabaleiros coa rúa León Felipe nun sentido único de circulación entre estas que dea servizo aos numerosos veciños e veciñas da zona, xa que a unión destas rúas é especialmente estreita e fórmanse verdadeiros atascos a certas horas do día.

-Realización dunha saída para vehículos da rúa Laxeiro que conduza á Seara, aproveitando un tramo duns escasos 20 metros e póndose de acordo o Concello cos veciños e veciñas da zona, para evitar sobrecargar de tránsito a estrada de Vilanova a San Marcos.

-Mellora dos rexistros de pluviais na baixada da Urbanización Xardín de Nós á estrada AC221 (Salvador Allende), xa que na actualidade en días de moita chuvia prodúcense auténticas riadas que dificultan o paso dos viandantes.

-Negociación coa Fundación Juana de Vega para dar ao antigo preescolar un uso social, neste caso un centro social para as persoas da terceira idade da parroquia.

-Creación dun paso para peóns no cruce de Vilanova.

-Promover o acceso dos autobuses á marquesina existente en Xardín de Nós, para darlle un servizo de autobuses á xente da zona, promovendo que a liña de autobuses que vai da Coruña ao Seixal prolongue o seu percorrido até a rotonda de Xardín de Nós.

-Mellorar a visibilidade no cruce de San Marcos de inmediato, mesmo antes da construción da futura rotonda.

-Apertura e adecentamento do camiño do Vilar até o campo de fútbol do Anido (campo do Hércules de San Pedro), pois está cortado e necesita ser adecentado.

-Mellora da estrada de Vilanova a San Marcos, pois soporta unha alta densidade de tránsito rodado e ten numerosas casas a ambas as marxes, non ten beirarrúas e ten unha escasa iluminación.

-Presionar diante da Xunta para a construción dunha rotonda no cruce da Chasqueira, no punto quilométrico 3,5 da AC221.

As diversas demandas sobre a parroquia de Nós serán trasladadas tanto ao goberno local como as administracións competentes para a solución destas reivindicacións.

Seguindo coa programación de visitas do BNG polas distintas parroquias do concello, o vindeiro martes a portavoz do BNG no Concello, Fina Quintáns, manterá unha entrevista cos veciños e veciñas dos Tornos, afectados pola construción da Vía Ártabra.

O BNG presentará a demanda do novo colexio de Nós como unha emenda aos orzamentos da Xunta

Sen clasificar Non hai comentarios

O BNG exixe ao Concello de Oleiros que poña o terreo necesario á disposición da Xunta para a construción do novo colexio de Nós

O BNG de Oleiros tramitará a través do seu grupo parlamentar no Parlamento de Galiza varias emendas para os orzamentos da Xunta de 2010 no que atinxe ás partidas orzamentarias para a construción dun colexio e dunha galescola na parroquia de Nós, polo que exixirá ao Concello a posta á disposición da Xunta dos terreos necesarios para a construción destas dúas infraestruturas educativas.

O BNG acusa o portavoz do PP Pablo Cobián de pór escusas para xustificar atrasos e falta de compromisos co concello de Oleiros. As obras de novas infraestruturas que se están a realizar neste momento no concello foron todas elas programadas polo anterior goberno bipartito mentres que en 8 meses de goberno do Partido Popular non se programou nin se licitou nin unha soa obra no noso concello.

O BNG perguntará no Parlamento de Galiza se a Xunta organizará o grande concerto do Xacobeo 2010 en Santa Cristina

Sen clasificar Non hai comentarios

santa_cristina__

O BNG perguntará no Parlamento de Galiza se a Xunta organizará o grande concerto do Xacobeo 2010 en Santa Cristina do mesmo xeito que nos dous xacobeos precedentes.

Foi presentada onte publicamente a programación do Xacobeo 2010 por parte do goberno da Xunta, e o concello de oleiros e en concreto a praia de Santa Cristina non figuran explicitamente nesa programación.

O concello de Oleiros foi protagonista nos dous últimos xacobeos de dous concertos dos máis multitudinarios da historia de Galiza. O primeiro deles contou con Mike Oldfield, Luar na Lubre e The Corrs, e o segundo dos concertos con Carlinhos Brown e Orishas, entre outros destacados intérpretes. Máis de 100.000 persoas asistiron a cada un dos concertos, segundo estimacións de diferentes fontes, conseguíndose deste xeito que unha grande cantidade de persoas se achegasen ao concello de Oleiros desde diversos puntos da xeografía galega e internacional, cun excelente comportamento do público asistente que foi envexábel para calquera outro concerto de carácter internacional.

O concello de Oleiros e a comarca da Coruña no seu conxunto beneficiáronse dos concertos antes referidos quer na promoción turística quer nos beneficios xerados para a hostelaría. Por este motivo o conxunto da corporación do Concello de Oleiros así como a poboación deste concello non poden nin poderían entender que non se realizase un concerto destas características coa experiencia dos eventos realizados. Téndomos a capacidade para acollermos un grande concerto en Santa Cristina, no concello de Oleiros, no verán de 2010, cun elenco de artistas de relevancia tanto de Galiza como internacionais, que garanta unha afluencia masiva de asistentes a este concerto, esta sería unha ocasión que non deberíamos desaproveitar para promocionarmos o turismo quer a nível local e comarcal, quer a nível galego e internacional.

Así as cousas, non se entendería, por tanto, que o concello de Oleiros fose marxinado do grande concerto do Xacobeo 2010. Por todo isto, o BNG formulará as seguintes perguntas parlamentares no Parlamento de Galiza:

Ten pensado a Xunta de Galiza realizar o grande concerto multitudinario do Xacobeo 2010 na praia de Santa Cristina?

De non se realizar este concerto, cales son as causas?

De realizarse, cales son os artistas que programarán para este concerto?

O BNG de Oleiros reclama a sinalización e protección nas pozas do Seixo, a carón da Ría do Burgo

Sen clasificar Non hai comentarios

fina_quintans_nas_pozas_do_seixo

A portavoz do BNG de Oleiros, Fina Quintáns, visitou as pozas do antigo acceso á ría do Burgo na urbanización do Seixo (Oleiros).

Estas pozas representan un perigo por estaren sen sinalizar, cunha altura de 3 metros aproximadamente e coa cimentación nun pésimo estado.

Estes buratos atópanse perto dos límites entre os concellos de Oleiros e Cambre e son zonas de alta densidade de poboación entre O Seixo e O Graxal cun parque infantil próximo e zonas deportivas e de lecer nese contorno.

Fina Quintáns reclama ao Concello unhas varandas ou valado semellante aos colocados nas furnas do monumento natural da costa de Dexo e uns letreiros de advertencia antes de ter que lamentármonos por causa dun accidente na zona.

Mesmo a poucos metros está anunciada a construción dun parque infantil polo Plan E, polo que de non se arranxar antes o problema aínda aumentarán máis os riscos.

O BNG de Oleiros leva ao Parlamento o paso de peóns na estrada de Perillo a Montrove

Sen clasificar Non hai comentarios

BNG OLEIROS

O BNG de Oleiros levou hoxe ao Parlamento Galego unha iniciativa para que se reclame da Xunta de Galiza a creación dun paso de peóns na estrada AC-174 á altura da antiga escoliña das pedras, hoxe sede de protección civil de Oleiros. O BNG realizou a este respeito diversas preguntas parlamentares a través de Carlos Aymerich Cano e Ana Luísa Bouza Santiago, deputado e deputada correspondentes pola nosa comarca.

INICIATIVA:

Esta estrada, coñecida como Avenida Rosalía de Castro, soporta diariamente abundante tránsito de vehículos procedente de Sada e Oleiros cara á N-VI, ademais de contar con numerosas vivendas no contorno, o colexio público Valle-Inclán de Perillo e cada día con maior número de habitantes tanto nun lado como no outro da estrada en unha zona urbana de alta densidade poboacional.

Entre o cruce de Lucín en Perillo e o Centro Cultural de Montrove non hai ningún paso de peóns, co perigo que isto representa para a seguridade vial.

A limitación de 50 Kms/h. por se tratar dun núcleo urbano, apenas se respeita e esta situación contribúe a aumentar o perigo e o illamento entre as dúas marxes da estrada.

Veciños e veciñas do contorno recolleron sinaturas para demandar da Xunta a colocación deste paso, despois de se teren dirixido ao Concello polo rexistro municipal coas mesmas demandas para que este interceda diante da Consellaría de Ordenación do Territorio e Medio Ambiente esixindo unha solución a este asunto.

É por isto que o BNG efectuou hoxe no Parlamento Galego as seguintes preguntas:

-Ten pensado a Xunta de Galiza criar pasos de peóns iluminados na Avenida Rosalía de Castro entre Montrove e Perillo tal e como demandan os veciños da zona? En que prazo?

-Pensan instalar controis de velocidade na citada estrada AC-174 para disuadir das altas velocidades nunha estrada en núcleo urbano e garantir a seguridade vial para os peóns?

A iniciativa realizada hoxe no PArlamento Galego pode descarregarse aquí.

O BNG de Oleiros afirma que o concurso de transporte das escolas infantís de Oleiros é ilegal e debería repetirse en concurso aberto con libre concurrencia

Sen clasificar Non hai comentarios

repetirrepetir

O Concello deixa en mans da empresa concesionaria o cobro dos recibos ás familias, sendo “de facto” unha prestación privada “imposta” aos pais e nais, que non tiveron a oportunidade de contratar outro servizo, seguramente máis barato (subiu o custe un 300% a respeito do curso anterior).

O concurso foi sen publicidade e convidando tres empresas, sendo gañadora, a de sempre, igual que o servizo de transporte das persoas da terceira idade ás piscinas e con baixas só simbólicas sobre o prezo do prego.

Xuntamos copia do informe xurídico abaixo. O punto 7.2 do prego pretende que a persoa adxudicataria do concurso lles cobre ás familias e que despois lle ingrese os cartos ao Concello, o que resulta ilegal.

CONCURSO SERVIZO DE TRANSPORTE DAS ESCOLAS INFANTÍS A PARDELA, AS GALERAS E A CANTEIRA E XESTIÓN DO COBRO DOS RECIBOS DAS PERSOAS USUARIAS:

O obxecto do concurso incluído no punto 1 do Prego non se axusta a dereito xa que simultaneamente recolle como obriga do servizo de transporte efectuar o cobro individual e directo ás persoas usuarias dun servizo de transporte de viaxeiros/as de uso especial, o que entra en franca contradición co disposto nos artigos 88 da Lei 16/1987, de 30 de xullo de Ordenación dos Transportes Terrestres, LOTT e 105 e seguintes do Real Decreto 1211/90, de 28 de setembro polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da anterior Lei, ROTT.

Asimesmo, incumpre as normas que regulan as autorizacións dos servizos regulares de uso especial de transporte de viaxeiros de Galiza, Decreto 160/1988, de 9 de xuño, da Xunta de Galiza (D.O.G. de 27-6-88) e a Orde de 15 de decembro de 1989, da Consellaría de Ordenación do Territorio e Obras Públicas (D.O.G. de 9-1-90).

En virtude da normativa actual existe unha limitación expresa de xestión de cobro individual nos servizos regulares de uso especial, por iso o prego é nulo de pleno dereito ademais de ser unha fraude de lei, xa que tal como determina a normativa o custe do servizo de transporte non pode ser repercutido aos viaxeiros pola empresa transportista, artigo 4 da Orde de 15 de decembro de 1989.

« Entradas anteriores