O BNG de Oleiros leva ao Parlamento o paso de peóns na estrada de Perillo a Montrove

Sen clasificar Non hai comentarios

BNG OLEIROS

O BNG de Oleiros levou hoxe ao Parlamento Galego unha iniciativa para que se reclame da Xunta de Galiza a creación dun paso de peóns na estrada AC-174 á altura da antiga escoliña das pedras, hoxe sede de protección civil de Oleiros. O BNG realizou a este respeito diversas preguntas parlamentares a través de Carlos Aymerich Cano e Ana Luísa Bouza Santiago, deputado e deputada correspondentes pola nosa comarca.

INICIATIVA:

Esta estrada, coñecida como Avenida Rosalía de Castro, soporta diariamente abundante tránsito de vehículos procedente de Sada e Oleiros cara á N-VI, ademais de contar con numerosas vivendas no contorno, o colexio público Valle-Inclán de Perillo e cada día con maior número de habitantes tanto nun lado como no outro da estrada en unha zona urbana de alta densidade poboacional.

Entre o cruce de Lucín en Perillo e o Centro Cultural de Montrove non hai ningún paso de peóns, co perigo que isto representa para a seguridade vial.

A limitación de 50 Kms/h. por se tratar dun núcleo urbano, apenas se respeita e esta situación contribúe a aumentar o perigo e o illamento entre as dúas marxes da estrada.

Veciños e veciñas do contorno recolleron sinaturas para demandar da Xunta a colocación deste paso, despois de se teren dirixido ao Concello polo rexistro municipal coas mesmas demandas para que este interceda diante da Consellaría de Ordenación do Territorio e Medio Ambiente esixindo unha solución a este asunto.

É por isto que o BNG efectuou hoxe no Parlamento Galego as seguintes preguntas:

-Ten pensado a Xunta de Galiza criar pasos de peóns iluminados na Avenida Rosalía de Castro entre Montrove e Perillo tal e como demandan os veciños da zona? En que prazo?

-Pensan instalar controis de velocidade na citada estrada AC-174 para disuadir das altas velocidades nunha estrada en núcleo urbano e garantir a seguridade vial para os peóns?

A iniciativa realizada hoxe no PArlamento Galego pode descarregarse aquí.