Fina Quintáns visitou onte a parroquia de Nós para coñecer de primeira man as demandas existentes e reclama melloras e investimentos na zona

11:33 am Sen clasificar

belen_taboada_fina_quintans_julia_glez_pose_
Fina Quintáns reuniuse con Belén Taboada (á esquerda) e Julia Glez. Pose (á dereita), secretaria e tesoureira, respectivamente, da Asociación de Veciños “Os Rueiros” de Nós.

Continuando coas visitas que Fina Quintáns está a realizar polas diferentes parroquias do concello, a portavoz municipal do BNG mantivo encontros con veciños e veciñas de diferentes zonas e tamén coa directiva da asociación de veciños “Os Rueiros” de Nós.

Logo de tomar contacto in situ con diversas deficiencias existentes na parroquia de Nós, o BNG reclamará do Concello as seguintes actuacións e melloras nesta parroquia:

-Reposición dun espello na saída da rúa León Felipe coa rúa Salvador Allande.

-Unión da rúa Os Cabaleiros coa rúa León Felipe nun sentido único de circulación entre estas que dea servizo aos numerosos veciños e veciñas da zona, xa que a unión destas rúas é especialmente estreita e fórmanse verdadeiros atascos a certas horas do día.

-Realización dunha saída para vehículos da rúa Laxeiro que conduza á Seara, aproveitando un tramo duns escasos 20 metros e póndose de acordo o Concello cos veciños e veciñas da zona, para evitar sobrecargar de tránsito a estrada de Vilanova a San Marcos.

-Mellora dos rexistros de pluviais na baixada da Urbanización Xardín de Nós á estrada AC221 (Salvador Allende), xa que na actualidade en días de moita chuvia prodúcense auténticas riadas que dificultan o paso dos viandantes.

-Negociación coa Fundación Juana de Vega para dar ao antigo preescolar un uso social, neste caso un centro social para as persoas da terceira idade da parroquia.

-Creación dun paso para peóns no cruce de Vilanova.

-Promover o acceso dos autobuses á marquesina existente en Xardín de Nós, para darlle un servizo de autobuses á xente da zona, promovendo que a liña de autobuses que vai da Coruña ao Seixal prolongue o seu percorrido até a rotonda de Xardín de Nós.

-Mellorar a visibilidade no cruce de San Marcos de inmediato, mesmo antes da construción da futura rotonda.

-Apertura e adecentamento do camiño do Vilar até o campo de fútbol do Anido (campo do Hércules de San Pedro), pois está cortado e necesita ser adecentado.

-Mellora da estrada de Vilanova a San Marcos, pois soporta unha alta densidade de tránsito rodado e ten numerosas casas a ambas as marxes, non ten beirarrúas e ten unha escasa iluminación.

-Presionar diante da Xunta para a construción dunha rotonda no cruce da Chasqueira, no punto quilométrico 3,5 da AC221.

As diversas demandas sobre a parroquia de Nós serán trasladadas tanto ao goberno local como as administracións competentes para a solución destas reivindicacións.

Seguindo coa programación de visitas do BNG polas distintas parroquias do concello, o vindeiro martes a portavoz do BNG no Concello, Fina Quintáns, manterá unha entrevista cos veciños e veciñas dos Tornos, afectados pola construción da Vía Ártabra.