O goberno local incumpre as súas obrigas

Sen clasificar Non hai comentarios

http://www.blogoteca.com/upload/bit/arti/428-74144-a-fina_quintans_.jpg

O goberno local incumpre as súas obrigas pois en vez de velar polos intereses de todos os veciños e veciñas do concello toma partido na defensa de ilegalidades por parte de empresas concesionarias de servizos públicos municipais, como a que xestiona a Escola Municipal de Música, a pesar dos moitos problemas laborais, educativos e de xestión que existen nela. Ademais, estes problemas prexudican a imaxe do concello e o goberno local négase a tomar medidas contra unha empresa que debe indemnizar os veciños e veciñas de Oleiros por danos e prexuízos, e que debe responder das incompatibilidades das persoas proprietarias. Quizais o alcalde, imputado por un delito de negociacións prohibidas a funcionarios se sinta solidario.

Artigo de Fina Quintáns para o próximo número da publicación municipal Vivir en Oleiros.

O BNG apresentou hoxe no Rexistro Municipal unha moción respeito da Escola de Música Municipal para a súa aprobación polo Pleno do Concello

Sen clasificar Non hai comentarios

bng_oleiros_

O BNG de Oleiros, através da súa concelleira-portavoz no Concello de Oleiros, Fina Quintáns, apresentou na mañá de hoxe venres 20 de novembro a moción que reproducimos a seguir, que poñemos en coñecemento público.

AO ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE OLEIROS
AO PLENO DA CORPORACIÓN MUNICIPAL DO CONCELLO DE OLEIROS

Josefina Quintáns Antelo, concelleira-portavoz do Grupo Municipal do BLOQUE NACIONALISTA GALEGO de Oleiros, ao abeiro do art. 25 do ROM e art. 97.3 e 91.4 do RD 2568/1986, de 28 de novembro), somete a consideración do Pleno da Corporación a seguinte

MOCIÓN RELATIVA AO ACORDO DE INCOACIÓN PARA A REVISIÓN DE OFICIO DO CONTRATO DE CONCESIÓN DE XESTIÓN DA ESCOLA DE MÚSICA

(Para o seu debate e aprobación, se procede, no próximo pleno ordinario do Concello de Oleiros)

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

PRIMEIRO.- Determina o art. 31 da Lei 30/2007, de 30 de outubro, de Contratos do Sector Público (LCSP) que constitúe un suposto de invalidez dos contratos “cando o sexa algún dos seus actos preparatorios ou os de adxudicación provisoria ou definitiva, por concorrer neles algunha das causas de dereito administrativo..” a que se refire o artigo 32 de dita lei.

No apartado b) do artigo 32 da LCSP (Causas de nulidade de dereito administrativo) estabelécese que é causa de nulidade de dereito administrativo o feito de estar incurso o adxudicatario “…nalgunha das prohibicións para contratar sinaladas no artigo 49”.

No artigo 49.1.f) de dita LCSP, ao regular as prohibicións para contratar, inclúese na citada prohibición a de “Estar incursa a persoa física ou os administradores da persoa xurídica nalgún dos supostos da Lei 5/2006, do 10 de abril, de regulación dos conflitos de intereses dos membros do Goberno e dos altos cargos da Administración xeral do Estado, da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, ou tratarse de calquera dos cargos electivos regulados na Lei orgánica 5/1985, do 19 de xullo, do réxime electoral xeral, nos termos estabelecidos nela.

A prohibición alcanzará as persoas xurrídicas no capital das cales participen, nos termos e contías estabelecidos na lexislación citada, o persoal e os altos cargos de calquera Administración pública, así como os cargos electos ao servizo destas…”.

O artigo 50 da LCSP precisa, ademais, que a citada prohibición de contratar , “…será apreciada directamente polos órganos de contratación, e subsistirán mentres concurran as circunstancias que en cada caso se determinen”
O artigo 12.1.c) da Lei 53/1984, de 26 de decembro de Incompatibilidades do persoal ao servizo das Administracións Públicas estabelece que o persoal incluído no seu ámbito de aplicación non poderá exercer a actividade de “O desempeño, por si ou por persoa interposta, de cargos de toda orde en Empresas ou Sociedades concesionarias, contratistas de obras, servizos ou suministros, arrendatarias ou administradores de monopolios, ou con participación ou aval do sector público, calquera que sexa a configuración xurídica daquelas”. E na letra d) do mesmo artigo se prohíbe tamén “A participación superior ao 10% no capital das Empresas ou Sociedades á que se refere o párrafo anterior”.

SEGUNDO.- De acordo coa información facilitada polo BNG de Oleiros (rexistrada formalmente o pasado 14 de novembro de 2009 con nº de rexistro de entrada 2009020652):

a) A empresa MUSICORUÑA, adxudicataria da concesión de xestión da Escola Municipal de Música, é propriedade de D. Ismael Vaquero Baquero NIF 35.306.991J e Dona Aránzazu Vera Beltran NIF 46.896.927L que son persoas funcionarias do corpo de profesorado de música e artes escénicas, con destino no Conservatorio da Coruña, e de GEMMA VERA BELTRAN con NIF 47.357.425 B (non é funcionaria). As persoas citadas que son funcionarias son tamén socias fundadoras da empresa MUSICORUÑA, SL, con CIF B15913148 e domicilio na “Rúa do Río, 71-1ºB” da Coruña (CP 15011), e de acordo co informe do Rexistro mercantil achegado, cada unha destas persoas é titular de mil catrocentas oitenta e cinco participacións da sociedade (33,3%), restando unicamente 39 participacións que pertencen a outra persoa.

b) Dona Aránzazu Vera Beltrán é administradora solidaria de MUSICORUÑA, SL desde a súa constitución e D. Ismael Vaquero Baquero foi nomeado apoderado, con plenitude de facultades de control e dirección da empresa (BORME 26/2/09 p 102067 – Musicoruña SL (R.M. A coruña).

TERCEIRO.- En consecuencia cos datos anteriores, concorre en Musicoruña S.L o suposto de prohibición de contratar coas Administracións Públicas que estabelece o art. 49.1.f) da LCSP (en relación co art. 12.1.c) da Lei 53/1984, de incompatibilidades), en tanto en canto persoal suxeito ao ámbito de aplicación da Lei 53/1984 ostenta a condición de partícipe en máis do 10% dunha entidade xurídica concesionaria, da que, ademais, ostentan a condición de cargos orgánicos da mesma (administrador e apoderada).

Faise constar ao respecto que de resultar de aplicación a lexislación contractual pública anterior (RDL 2/2000, de 16 de xuño, de texto refundido da Lei de Contratos das Administracións Públicas, LCAP) a prohibición de contratar (art. 20.e) LCAP) e os seus efectos (art. 22 LCAP) son os mesmos, a nulidade das adxudicacións.

CUARTO.- O artigo 34 da LCSP (Revisión de Oficio) estabelece, no seu apartado primeiro, que “A revisión de oficio dos actos preparatorios e dos actos de adxudicación provisoria ou definitiva dos contratos das administracións públicas e dos contratos suxeitos a regulación harmonizada efectuarase de conformidade co establecido no capítulo primeiro do título VII da Lei 30/1992, do 26 de novembro”, engadíndose a continuación, no seu apartado segundo, que “…serán competentes para declarar a nulidade destes actos ou declarar a súa lesividade o órgano de contratación, cando se trate de contratos dunha Administración públlica”.

QUINTO.- Procede a revisión de oficio, para a súa nulidade, do contrato adxudicado a Musicoruña S.L, sendo a citada revisión unha obriga para toda Administración Pública, ao concurrer un suposto de nulidade e invalidez contractual, nulidade contractual que leva aparellada os efectos e consecuencias xurídicas previstas no art. 35 da LCSP. É polo que o Grupo Municipal do BNG de Oleiros somete a consideración do Pleno da Corporación a adopción do seguinte

ACORDO

1. Ao considerar que concorre o suposto de prohibición para contratar da entidade Musicoruña S.L, previsto actualmente no art. 49.1.f) da LCSP (anteriormente no art. 20.e) da LCAP) e, en consecuencia, levar aparellado a súa invalidez por nulidade de dereito administrativo, procede que por parte do órgano de contratación se incoe o preceptivo expediente de revisión de oficio do referido contrato, de acordo co procedemento previsto no art. 102 da Lei 30/1992, de 26 de novembro.

2. Instase á Alcaldía-Presidencia do Concello de Oleiros á execución e cumprimento do presente acordo, debendo proceder a convocar sesión do órgano de contratación aos efectos de incoación de expediente de revisión de oficio, para a súa nulidade, do contrato de concesión de xestión da Escola de Música efectuado á adxudicataria Musicoruña S.L.

Oleiros, 20 de novembro de 2009

FINA QUINTÁNS ANTELO
Portavoz do BNG no Concello de Oleiros

O BNG acusa o alcalde de complicidade coa empresa que xestiona a Escola de Música

Sen clasificar Non hai comentarios

complicidade_

A empresa concesionaria da Escola Municipal de Música de Oleiros ten un contrato nulo por non ter concedida nin solicitada a compatibilidade perante a Xunta

Confirmado que a empresa MUSICORUÑA S. L., concesionaria da Escola Municipal de Música de Oleiros nin ten concedida nin solicitada a compatibuilidade dos seus socios para exerceren estes como funcionarios no Conservatoria da Coruña e na Escola de Oleiros, confírmase tamén o seguinte:

1.- Ou ben a empresa mentiu ao Concello de Oleiros coa posterior e conseguinte complicidade deste, ou os servizos técnicos municipais amosan unha incompetencia para o control do concurso e do posterior seguimento do contrato.

2.- Este contrato coa empresa xestora é nulo e, polo tanto, esta debe indemnizar o Concello por danos e prexuízos e convocarse un novo concurso.

3.- O alcalde incumpriu deliberadamente as súas obrigas, ao defender unha ilegalidade negándose a investigala, beneficiando unha empresa tramposa e prexudicando unha empresa tramposa e prexudicando o conxunto dos veciños e veciñas de Oleiros, ao ser esta unha Escola Municipal.

4.- O alcalde por este feito convértese nun cómplice dunha ilegalidade evidente.

O BNG apresentará unha iniciativa no Parlamento de Galiza para que a Xunta exercite o expediente sancionador que lle corresponde cos funcionarios titulares desta empresa e a propria MUSICORUÑA polas súas actuacións ilegais e, ademais, que se depuren as responsabilidades polas neglixencias no Concello de Oleiros neste contrato.

A portavoz do BNG no Concello de Oleiros, Fina Quintáns, exixirá as desculpas correspondentes do Concello de Oleiros por causa da moción apresentada na pasada semana contra o BNG no Consello de Administración do Organismo Autónomo Municipal de Cultura, xa que agora se demostra que as denuncias do BNG estaban avaladas pola legalidade xurídica e que se alguén infrinxiu a lei foron o alcalde de Oleiros e a empresa concesionaria deste servizo.

O BNG levará ao Parlamento Galego a mellora do vial de acceso aos faros de Mera

Sen clasificar Non hai comentarios

faro_de_mera_f_

A estrada que vai desde a localidade de Mera até o faro do mesmo nome atópase nun grave estado de deterioro. Esta estrada, coñecida como Celso Emilio Ferreiro, ten solicitada a cesión por parte do Concello de Oleiros á Autoridade Portuaria, previa reparación.

Anteriormente, no ano 2002, o goberno local de Oleiros apuntou que xa tiña chegado a un acordo coa Autoridade Portuaria para acadar a titularidade. Naquel ano xa se tiña pactado entre as partes implicadas a reparación da calzada e do seu contorno urbano, sen que a Autoridade Portuaria coruñesa cumplise o seu compromiso.

O tramo urbano pavimentouno o Concello, mais o tramo desde o cruce que conduce ao Seixo Branco até os faros presenta desde hai años un estado lamentábel, prexudicando as persoas que residen na zona e, especialmente, as que viven na urbanización Punta Budafoiro, que veñen sufrindo os avatares de transitaren por unha estrada en mal estado.

Antes do verán pasado, a Autoridade Portuaria comprometeuse a sacar a concurso a nova pavimentación desta estrada antes de a ceder ao Concello, mais a única actuación, polo momento, é o “parcheado” das numerosas fochancas que hai na estrada.

Se a isto sumamos que agora no faro de Mera existe un centro do Monumento Natural da Costa de Dexo-Mera, con numerosos visitantes, a situación aínda é máis grave.

É por todo isto que o BNG realizará no Parlamento galego as seguintes perguntas parlamentares:

- Ten pensado a Autoridade Portuaria da Coruña proceder á pavimentación da estrada que leva ao faro de Mera? E, de ser así, en que prazo?

- Cando será cedida a titularidade desta estrada ao Concello de Oleiros?

O BNG apresentou os documentos acreditativos das denuncias realizadas a respeito da Escola Municipal de Música

Sen clasificar Non hai comentarios

Fina_Quintans_2009-11-14_IMG_6278_210

Fina Quintáns apresenta os documentos no Rexistro Xeral do Concello de Oleiros

Diante da irresponsabilidade do goberno local, ao eludir a súa obriga de facer cumprir a lei, os pregos e os contratos á empresa concesionaria da xestión da Escola Municipal de Música de Oleiros, o BNG apresentou este fin de semana, na mañá do sábado, no Rexistro Xeral do Concello de Oleiros, documentación acreditativa dalgunhas das irregularidades no que respecta ás incompatibilidades dos titulares da empresa e algún que outro funcionario que imparte aulas na Escola de Música facturando clases maxistrais para eludir as súas obrigas como funcionario.

Titulares da empresa teñen participación de máis do 30% en MUSICORUÑA S. L., cando a lei obriga a non pasar do 10% aos/ás funcionarios/as públicos/as, a existencia de presións a profesores/as, cualificacións e exames que non xustifican a falta de titulación por parte desta escola, despedimentos sen indemnizacións, xuízos por problemas laborais e mesmo chamadas de atención a pais/nais de alumnos/as por manifestaren o seu descontento no Concello, están a levar a Escola de Música de Oleiros a unha situación de desprestixio importante, da que é principal responsábel o alcalde e un goberno local que se alían cunha empresa privada en lugar de defender os intereses dos veciños e veciñas que financiamos cada ano con case 300.000 € o funcionamento desta escola.

O BNG apresentou tamén no Rexistro Municipal do Concello de Oleiros os seguintes documentos: copia do documento do Rexistro Mercantil, Lei de incompatibilidades e o BORME (Boletín Oficial do Rexistro Mercantil) correspondente de 26 de febreiro de 2009. Coa apresentación dos documentos referidos o Concello non pode alegar descoñecemento da situación. Obran no noso poder outras documentacións que acreditan as clases de funcionarios/as, copias de burofax desdicíndose dos despedimentos das persoas traballadoras, protestas escritas por pais ao Concello, documentos que serán postos a disposición do goberno local, se é preciso, para depurar responsabilidades.

O BNG levará ao próximo Pleno Municipal a solicitude de creación dunha Comisión de Investigación sobre a Escola de Música composta por representantes dos 4 grupos municipais.

Convocatoria de prensa: apresentación dos documentos acreditativos das denuncias do BNG respeito da Escola Municipal de Música

Sen clasificar Non hai comentarios

BNG OLEIROS

O BNG apresentará mañá ás 12h00 no Rexistro Municipal do Concello os documentos acreditativos das denuncias realizadas polo grupo nacionalista. Estes documentos acreditativos serán apresentados a través da portavoz municipal do BNG no Concello de Oleiros, Fina Quintáns Antelo, o Responsábel Local, Antonio Ardá Suárez, e o membro do Concello Local do BNG de Oleiros Antón Tenreiro Ferreiro.

Logo de seren apresentados os referidos documentos polo Rexistro Xeral do Concello, haberá ás portas da Casa do Concello unha comparecencia de prensa para explicar os motivos destas reclamacións e entregar aos medios de comunicación copias dos documentos do Rexistro Mercantil, Lei de incompatibilidades e o BORME (Boletín Oficial do Rexistro Mercantil). O BNG apresentará copias da documentación referida respeito das fraudes de lei da empresa concesionaria da Escola Municipal de Música.

Noutra orde de cousas, onte á tarde, a Portavoz Municipal do BNG, Fina Quintáns, acompañada polo responsábel do Gabinete do BNG, Xavier Vásquez Freire, mantivo unha reunión coa asociación de veciños ‘O Hórreo’ de Iñás, continuando coa rolda de entrevistas ás entidades asociativas, deportivas, etc., do concello, onde se informou respeito da situación actual da asociación, actividades que se desenvolverán pola asociación durante os próximos meses, etc. Nesta reunión chegouse ao acordo de realizar por parte do BNG algunha actividade informativa na zona.

“Ría do Burgo: notábeis ausencias”, carta aberta de Fina Quintáns

Sen clasificar Non hai comentarios

fina_quintans_

Onte pola mañá participei con centos de veciños e veciñas na marcha pola defensa do saneamento da ría do Burgo. Alí atopeime con compañeiros e compañeiras do BNG de todas as corporacións municipais da comarca, tanto do goberno como da oposición, ademais de veciños e veciñas, mariscadores/as da ría e sindicalistas. Mais o salientábel non foron as presenzas, agardadas, de antemán, mesmo as dos nosos portavoces parlamentares no Parlamento de Galiza e no de Madrid, Carlos Aymerich e Francisco Jorquera, respectivamente, senón que chama descaradamente a atención a ausencia dos alcaldes dos catro concellos que comparten a ría do Burgo (Culleredo, Cambre, Oleiros e A Coruña). Non estaban tampouco membros do Partido Popular como Pablo Cobián, que participara activamente na anterior concentración.

Uns, os alcaldes, asumen coa súa ausencia a responsabilidade dos verquidos á ría en diferentes puntos do concello, e os outros, membros agora do grupo de goberno da Xunta, directa ou indirectamente, converten o que antes era unha reivindicación nun asunto que parece que non vai con eles. A hipocrisía política daqueles que se anotan de maneira populista a reivindicaren o saneamento da ría sempre e cando non se faga referencia ás súas responsabilidades concretas debera ter consecuencias políticas.

Hai menos dun ano o PP reclamaba a execución inmediata das obras para o saneamento dunha ría castigada pola contaminación de fecais, a presión urbanística, e unha contaminación acumulada de moitos anos. Agora o PP adía o saneamento ao ano 2015 (isto xa parece a mentira do AVE) e os alcaldes responsábeis de numerosos verquidos desde A Barcala até á praia de Santa Cristina manteñen un silencio certamente insultante, e declinan apoiar unha concentración veciñal actuando como quen varre o lixo para debaixo dunha alfombra tentando esconder as súas culpas debaixo dos paseos marítimos.

O PP non entende de respeito institucional

Sen clasificar Non hai comentarios

respeito_institucional_

O delegado da Xunta na provincia da Coruña, Diego Calvo, acompañado por Pablo Cobián e varios concelleiros do PP, visitou onte unhas obras na estrada de Mera a Sada (AC-163) sen informar de tal visita política ao goberno local. A citada entrevista non tiña carácter técnico xa que non era unha inspección da calidade e nin do bon desenvolvemento da obra, senón que tiña un carácter eminentemente propagandístico.

Resulta curioso que nas estradas da Xunta de Galiza en Oleiros existan numerosas demandas dos veciños e veciñas levadas recentemente polo BNG ao Parlamento Galego, como, por exemplo, a falta de pasos de peóns nesa mesma estrada, en Bastiagueiro, na estrada de Perillo a Oleiros, na Avenida Rosalía de Castro, en Montrove, problemas de drenaxe e de seguridade viaria na estrada de Nós a Cecebre, ou nos Tornos, entre Santa Cruz e Meirás.

O PP, ademais de ningunear a autoridade municipal representada no seu alcalde, ten a desfachatez de facer propaganda dunha obra nun vial cando ten numerosas demandas dos cidadáns e cidadás de Oleiros.

O BNG de Oleiros exixe ao Concello que revise a concesión das escolas de música e danza

Sen clasificar Non hai comentarios

musica_90

Diante dos graves sucesos que están a producirse co despedimento de 5 traballadores da escola municipal de música e danza, o BNG de Oleiros exixirá ao Concello que revise as concesións das escolas de música e danza e se for preciso que se lles rescinda o contrato por incumprimento dos pregos.

O despedimento de 5 traballadores sen indemnización, sumado á perda dun xuízo polo despedimento tamén do director da Big Band no ano 2007, a colocación destes postos a familiares e amigos da dirección, o pagamento de clases maxistrais a funcionarios, incumprindo a lei de incompatibilidades, as preguntas realizadas en exames que non figuraban nos temarios, as avaliacións do alumnado sen repercusións na consecución de titulacións, a escola de danza sen vestiarios, e a actitude xeral de patrimonialización destas dúas escolas públicas por parte das empresas privadas, son razóns máis que suficientes para que o Concello de Oleiros revise e audite o funcionamento destas escolas municipais por unhas actitudes que en calquera administración pública serían obxecto de sanción.

Que un alcalde que se autodenomina “comunista” ou que se autoproclama “defensor dos dereitos dos traballadores” manteña un silencio cómplice a respeito dunha empresa que se dedica a explotar as persoas empregadas en lugar de exixir desta empresa o cumprimento estricto dos pregos de concesión, é un insulto aos usuarios e usuarias destas escolas e aos proprios veciños e veciñas de Oleiros, que están a financiar cos seus impostos este servizo, en locais públicos que parecen estar “de facto” como propriedade de empresas privadas.

O BNG de Oleiros trasladará ao Pleno Municipal (cando o alcalde teña a ben convocar un pleno ordinario) esta iniciativa e reclamará que se inicien xestións para que as escolas municipais impartan ensino regrado e con titulacións, ademais de abordar para futuras concesións procesos transparentes e abertos cun maior rigor e control sobre o funcionamento das empresas concesionarias, que están a actuar en Oleiros exclusivamente en función dos seus intereses privados e non en función dos intereses dos cidadáns e cidadás, por causa da desidia e da connivencia do goberno local a respeito destas empresas “de confianza”.

O BNG reclamará no Parlamento pasos de peóns en Bastiagueiro

Sen clasificar Non hai comentarios

paso para peóns

O BNG de Oleiros, por medio da portavoz municipal Fina Quintáns, xa levou en dúas ocasións a reclamación de pasos de peóns en Bastiagueiro ao pleno municipal instando o goberno local a reclamalos á Xunta. Agora, presentará unha iniciativa parlamentar reclamando eses pasos con iluminación.

A iniciativa irá nos seguintes termos:

En Oleiros, a Avenida Ché Guevara, estrada autonómica que une as localidade de Perillo con Santa Cruz de Liáns é unha das de máis tránsito de Galiza. No tramo entre o Inef-Galiza (UDC) e a rotonda de Coruxo (Halley) totalmente urbanizado coa urbanización das Galeras (marxe esquerda) e O Romardeiro (marxe dereita) conta tamén con un centro de ensino secundario (IES Mª Casares), un pavillón polideportivo, unha galescola e o futuro centro de día ademais do parque metropolitano. Neste tramo, non hai ningún paso de peóns a pesar da densidade poboacional existente e o numeroso tránsito desde os pasos elevados do INEF até a rotonda do Halley, xerándose situacións de inseguridade e perigo de accidentes a diario.

É por isto que facemos as seguintes preguntas:

-Pensa a Xunta de Galiza criar pasos de peóns iluminados na estrada da Perillo a Santa Cruz de Liáns á altura do Instituto Mª Casares, e a galescola das Galeras?

-De ser así, en que prazo se pensan instalar?

« Entradas anteriores