O voceiro do BNG de Oleiros será distribuído estes días no noso concello

Sen clasificar Non hai comentarios

TrackBack
Podes facer click sobre a imaxe da capa do voceiro nº 7
do BNG de Oleiros para o descarregares.

O Nº7 do noso voceiro local “BLOQUE OLEIROS”, editado neste mes de decembro de 2009, será distribuído polo concello de Oleiros nesta segunda quincena do mes. O voceiro do BNG de Oleiros conta con 4 páxinas a cores e con información destacada na capa a respeito do inicio das expropriacións dos accesos a Naval, logo de 8 anos de atrasos acumulados por parte do goberno local e logo de que a presión veciñal conseguise este logro contando sempre co apoio e a defensa constantes do BNG, participándomos coa xente na denuncia da situación na zona de Naval.

O voceiro do BNG inclúe tamén na segunda páxina unha entrevista co novo responsábel local do BNG, Antonio Ardá, profesor doutor da Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, ademais de adestrador de fútbol, colaborador como crítico deportivo en medios como GZNACIÓN, etc.

Xa no apartado de “breves”, o voceiro do BNG recolle boa parte da actividade e do traballo desenvolvido por parte do BNG no concello de Oleiros con Fina Quintáns á fronte, tanto informacións respeito das múltiplas reunións que mantivo a portavoz municipal nos últimos tempos con cidadáns e cidadás particulares, asociacións e entidades de Oleiros, así como aquelas melloras demandadas por Fina Quintáns no Pleno Municipal de Oleiros, nas diferentes comisións do Concello, ou a través de iniciativas parlamentares que o noso parlamentario Carlos Aymerich e a nosa parlamentaria Ana Luísa Bouza defenderon no Parlamento galego con diversas perguntas parlamentares, etc.

Inclúe tamén o boletín informativo do BNG de Oleiros unha mención sobre aqueles compromisos mantidos polo BNG no goberno galego, proxectos e obras que demostran o compromiso do BNG con feitos, tales como o traspaso de dúas escolas infantís á rede pública galega de Galescolas, o Centro de Día das Galeras, as obras no estadio do INEF, os investimentos na reparación de camiños rurais, etc.

A contracapa do voceiro inclúe o posicionamento do BNG a respeito do PXOM de Oleiros, o noso apoio ao PXOM mantendo sempre como indispensábel a exposición pública do documento, cun período de alegacións correspondente logo das modificacións introducidas, nun exercicio de transparencia e democracia que sempre mantivemos e manteremos, reafirmando o noso compromiso co dereito dos cidadáns e cidadás a se informaren a respeito do documento máis importante que se aproba nun concello. Séndomos conscientes da importancia deste documento, criticamos a ineficacia do goberno local para conseguir que este sexa aprobado definitivamente debido á permanente confrontación coas administracións por parte do alcalde. Asimesmo, criticamos tamén que o PP en Oleiros e Pablo Cobián á súa fronte sexan incapaces de traballar a favor do noso concello no goberno da Xunta de Galiza, e que se dediquen a entorpecer o PXOM, prexudicando o noso concello. Como indicamos na contracapa, “no BNG consideramos que Oleiros non precisa de polémicas senón de solucións”.

O BNG de Oleiros en contra da privatización do novo Centro de Día

Sen clasificar Non hai comentarios

Reprodución do centro de día Das Galeras (Bastiagueiro)

O BNG de Oleiros mobilizarase en contra da privatización do novo Centro de Día que se está a construír na urbanización das Galeras.

A Consellaría de Traballo e Benestar pretende privatizar todos os centros de día construídos en terreo público doados polos concellos e construídos tamén con diñeiro público para dar negocio a empresas privadas a costa das persoas maiores. Os servizos sociais deben ter carácter público da mesma maneira que a sanidade ou a educación o son e en ningún caso debe utilizarse o diñeiro público da cidadanía para beneficiar intereses privados.

O Centro de Día de Oleiros terá unha capacidade para 80 persoas usuarias, e será un dos maiores de Galiza. O proxecto foi realizado polo arquitecto Plácido Lizancos e o seu custe achégase ao millón e medio de euros. Entendemos que o Concello debe manifestarse en contra da súa privatización e que debe tamén manter os prezos públicos de carácter social que o Consorcio Galego tiña para estes centros, que facían posíbel a independencia económica das persoas de idade a respecto das súas familias e evitaban tamén a posibilidade de unha empresa se lucrar a costa das necesidades de atención destas persoas, posibilitando ademais a conciliación da vida laboral e familiar das súas familias do mesmo xeito que as galescolas. Parécenos extremamente grave que o PP dilapide un sistema público, nomeadamente, neste caso, un sistema público dedicado aos nosos maiores.

No BNG de Oleiros mobilizaremos a cidadanía en contra da privatización do Centro de Día oleirense.

O BNG trasladou hoxe numerosas propostas ao Consello de Administración do Organismo Autónomo Municipal de Cultura

Sen clasificar Non hai comentarios

BNG-OLEIROS

O BNG de Oleiros trasladou na mañá de hoxe a través da súa portavoz Fina Quintáns numerosas propostas ao Consello de Administración do Organismo Autónomo Municipal de Cultura entre as que destacan as seguintes:

-Aumentar a compra de novidades literarias nas bibliotecas públicas e amplialas a máis bibliotecas que a da Rialeda.

-Criar para as bibliotecas públicas baremos de promoción interna dentro do persoal destas.

-Instalación de rede wi-fi en todas as bibliotecas do concello, con acceso libre e gratuíto.

-Criación e posterior aprobación dun baremo obxectivo de valoración para a concesión de subvencións a clubes deportivos, colexios, asociacións, etc., que evite desigualdades en función de simpatías ou afinidades políticas na concesión de axudas.

-Solicitude de que se tomen medidas concretas a respeito das ilegalidades cometidas pola empresa concesionaria da Escola Municipal de Música de Oleiros e evitar que a situación remate en procedementos xudiciais.

-Recuperar a tradicional festa das Letras Galegas coincidindo coa conmemoración no vindeiro 17 de maio do Día das Letras Galegas dedicado a Uxío Novoneyra. A referida festa das Letras Galegas era celebrada anteriormente de maneira itinerante polas diferentes parroquias.

O BNG afirma que o elevador da Casa Charry chega con 8 anos de atraso

Sen clasificar Non hai comentarios

cadeira_de_rodas_

O BNG de Oleiros xa propuxo hai 8 anos a instalación dun elevador na Casa Charry para facilitar o acceso ao primeiro andar deste edificio público onde está situada a Sala de Exposicións xuntamente co Salón de Plenos. O BNG xa realizou esta proposición hai 8 anos para que todas as persoas, independentemente das posíbeis discapacidades físicas que puderen ter, poidan acceder ao Pleno Municipal do Concello de Oleiros presenciándoo in situ.

Hai precisamente 8 anos, e desde hai bastante máis tempo, o xornalista de La Voz de Galicia José Manuel Pan, que cubría os plenos municipais de Oleiros, tiña que acceder ao Salón de Plenos polas escaleiras nos brazos da policía municipal e, deste xeito, as persoas discapacitadas que querían e queren estar no Pleno Municipal como calquera outro veciño ou veciña, non podían nin poden exercer este dereito en igualdade de condicións, como debera ser. Foi por ese motivo polo que o BNG xa expuso no seu momento a instalación no recinto público da Casa Charry dun elevador que facilitase o aceso aos plenos municipais. O BNG de Oleiros realizara naquela altura un dossier dos edificios públicos onde se mantiñan barreiras arquitectónicas que non permitían o libre acceso a toda a cidadanía, e a día de hoxe moitas destas instalacións atópanse nunha situación semellante á daquela época.

Ao BNG de Oleiros comprácelle que o goberno local copie as iniciativas previamente propostas polo BNG, mais lamenta que a toma de decisións ao respeito de asuntos tan importantes como a eliminación de barreiras arquitectónicas sexa tan lenta, mentres que obras de tipo menor e menos urxentes reciben por parte do goberno local unha cantidade económica maior e realízanse con máis premura porque son rendábeis electoralmente e porque se utilizan de xeito partidista. Neste anos téñense instalado elevadores en edificios como a Casa Echeverry de Perillo, con cargo a fondos doutras administracións, mais o dereito universal á asistencia aos plenos estaba coartado para veciños e veciñas que tiñan e teñen algún tipo de discapacidade física que combinada coas barreiras arquitectónicas existentes así o impedía e impede. Malia o tempo transcorrido por causa de o goberno local se demorar na criación dun elevador na Casa Charry, o BNG de Oleiros congratúlase de este tome en consideración as nosas propostas que van encamiñadas para a mellora social e a igualdade.

O BNG apresenta unha emenda aos orzamentos da Xunta para que se inclúa a remodelación da pista de lanzamentos no ano 2010

Sen clasificar Non hai comentarios

bng_

A anterior Dirección Xeral de Deportes do bipartito comprometeuse coa remodelación do estadio do INEF que xa foi realizada e tamén comprometeu unha partida para a remodelación posta en funcionamento que se atopa na parte traseira do estadio dentro do parque metropolitano.

A remodelación desta pista inclúe os accesos e a mellora xeral da instalación para evitar que os adestramentos e competicións de lanzamentos deterioren o estado do novo campo de herba do estadio e dá cabida ao amplio colectivo de lanzadores que adestran agora nas instalacións do INEF. Esta emenda prodúcese porque o Partido Popular non incluíu ningunha partida destinada a este fin na proposta orzamentaria e era un compromiso adquirido pola anterior conselleira de Cultura e Deporte Ánxela Bugallo co reitor da Universidade da Coruña e o decano do INEF.