O BNG afirma que o elevador da Casa Charry chega con 8 anos de atraso
Decembro 4, 2009 4:12 pm Sen clasificarO BNG de Oleiros xa propuxo hai 8 anos a instalación dun elevador na Casa Charry para facilitar o acceso ao primeiro andar deste edificio público onde está situada a Sala de Exposicións xuntamente co Salón de Plenos. O BNG xa realizou esta proposición hai 8 anos para que todas as persoas, independentemente das posíbeis discapacidades físicas que puderen ter, poidan acceder ao Pleno Municipal do Concello de Oleiros presenciándoo in situ.
Hai precisamente 8 anos, e desde hai bastante máis tempo, o xornalista de La Voz de Galicia José Manuel Pan, que cubría os plenos municipais de Oleiros, tiña que acceder ao Salón de Plenos polas escaleiras nos brazos da policía municipal e, deste xeito, as persoas discapacitadas que querían e queren estar no Pleno Municipal como calquera outro veciño ou veciña, non podían nin poden exercer este dereito en igualdade de condicións, como debera ser. Foi por ese motivo polo que o BNG xa expuso no seu momento a instalación no recinto público da Casa Charry dun elevador que facilitase o aceso aos plenos municipais. O BNG de Oleiros realizara naquela altura un dossier dos edificios públicos onde se mantiñan barreiras arquitectónicas que non permitían o libre acceso a toda a cidadanía, e a día de hoxe moitas destas instalacións atópanse nunha situación semellante á daquela época.
Ao BNG de Oleiros comprácelle que o goberno local copie as iniciativas previamente propostas polo BNG, mais lamenta que a toma de decisións ao respeito de asuntos tan importantes como a eliminación de barreiras arquitectónicas sexa tan lenta, mentres que obras de tipo menor e menos urxentes reciben por parte do goberno local unha cantidade económica maior e realízanse con máis premura porque son rendábeis electoralmente e porque se utilizan de xeito partidista. Neste anos téñense instalado elevadores en edificios como a Casa Echeverry de Perillo, con cargo a fondos doutras administracións, mais o dereito universal á asistencia aos plenos estaba coartado para veciños e veciñas que tiñan e teñen algún tipo de discapacidade física que combinada coas barreiras arquitectónicas existentes así o impedía e impede. Malia o tempo transcorrido por causa de o goberno local se demorar na criación dun elevador na Casa Charry, o BNG de Oleiros congratúlase de este tome en consideración as nosas propostas que van encamiñadas para a mellora social e a igualdade.



