O BNG de Oleiros en contra da privatización do novo Centro de Día
Decembro 9, 2009 2:34 pm Sen clasificarO BNG de Oleiros mobilizarase en contra da privatización do novo Centro de Día que se está a construír na urbanización das Galeras.
A Consellaría de Traballo e Benestar pretende privatizar todos os centros de día construídos en terreo público doados polos concellos e construídos tamén con diñeiro público para dar negocio a empresas privadas a costa das persoas maiores. Os servizos sociais deben ter carácter público da mesma maneira que a sanidade ou a educación o son e en ningún caso debe utilizarse o diñeiro público da cidadanía para beneficiar intereses privados.
O Centro de Día de Oleiros terá unha capacidade para 80 persoas usuarias, e será un dos maiores de Galiza. O proxecto foi realizado polo arquitecto Plácido Lizancos e o seu custe achégase ao millón e medio de euros. Entendemos que o Concello debe manifestarse en contra da súa privatización e que debe tamén manter os prezos públicos de carácter social que o Consorcio Galego tiña para estes centros, que facían posíbel a independencia económica das persoas de idade a respecto das súas familias e evitaban tamén a posibilidade de unha empresa se lucrar a costa das necesidades de atención destas persoas, posibilitando ademais a conciliación da vida laboral e familiar das súas familias do mesmo xeito que as galescolas. Parécenos extremamente grave que o PP dilapide un sistema público, nomeadamente, neste caso, un sistema público dedicado aos nosos maiores.
No BNG de Oleiros mobilizaremos a cidadanía en contra da privatización do Centro de Día oleirense.




