O voceiro do BNG de Oleiros será distribuído estes días no noso concello
21 Decembro, 2009 Sen clasificar Non hai comentariosdo BNG de Oleiros para o descarregares.
O Nº7 do noso voceiro local “BLOQUE OLEIROS”, editado neste mes de decembro de 2009, será distribuído polo concello de Oleiros nesta segunda quincena do mes. O voceiro do BNG de Oleiros conta con 4 páxinas a cores e con información destacada na capa a respeito do inicio das expropriacións dos accesos a Naval, logo de 8 anos de atrasos acumulados por parte do goberno local e logo de que a presión veciñal conseguise este logro contando sempre co apoio e a defensa constantes do BNG, participándomos coa xente na denuncia da situación na zona de Naval.
O voceiro do BNG inclúe tamén na segunda páxina unha entrevista co novo responsábel local do BNG, Antonio Ardá, profesor doutor da Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, ademais de adestrador de fútbol, colaborador como crítico deportivo en medios como GZNACIÓN, etc.
Xa no apartado de “breves”, o voceiro do BNG recolle boa parte da actividade e do traballo desenvolvido por parte do BNG no concello de Oleiros con Fina Quintáns á fronte, tanto informacións respeito das múltiplas reunións que mantivo a portavoz municipal nos últimos tempos con cidadáns e cidadás particulares, asociacións e entidades de Oleiros, así como aquelas melloras demandadas por Fina Quintáns no Pleno Municipal de Oleiros, nas diferentes comisións do Concello, ou a través de iniciativas parlamentares que o noso parlamentario Carlos Aymerich e a nosa parlamentaria Ana Luísa Bouza defenderon no Parlamento galego con diversas perguntas parlamentares, etc.
Inclúe tamén o boletín informativo do BNG de Oleiros unha mención sobre aqueles compromisos mantidos polo BNG no goberno galego, proxectos e obras que demostran o compromiso do BNG con feitos, tales como o traspaso de dúas escolas infantís á rede pública galega de Galescolas, o Centro de Día das Galeras, as obras no estadio do INEF, os investimentos na reparación de camiños rurais, etc.
A contracapa do voceiro inclúe o posicionamento do BNG a respeito do PXOM de Oleiros, o noso apoio ao PXOM mantendo sempre como indispensábel a exposición pública do documento, cun período de alegacións correspondente logo das modificacións introducidas, nun exercicio de transparencia e democracia que sempre mantivemos e manteremos, reafirmando o noso compromiso co dereito dos cidadáns e cidadás a se informaren a respeito do documento máis importante que se aproba nun concello. Séndomos conscientes da importancia deste documento, criticamos a ineficacia do goberno local para conseguir que este sexa aprobado definitivamente debido á permanente confrontación coas administracións por parte do alcalde. Asimesmo, criticamos tamén que o PP en Oleiros e Pablo Cobián á súa fronte sexan incapaces de traballar a favor do noso concello no goberno da Xunta de Galiza, e que se dediquen a entorpecer o PXOM, prexudicando o noso concello. Como indicamos na contracapa, “no BNG consideramos que Oleiros non precisa de polémicas senón de solucións”.




