22 Xaneiro, 2010
Sen clasificar
Non hai comentarios
O BNG, continuando co desenvolvemento da súa política responsábel expón ao goberno local unha serie de propostas en 21 puntos para a súa inclusión no Orzamento de 2010 e para o seu correspondente debate.
O goberno local debe facer un esforzo para que no Orzamento deste ano 2010 os investimentos que se realicen teñan relación coa xeración de emprego e o impulso de medidas encamiñadas á mellora da economía no noso concello, e para que se leve a cabo o cumprimento das promesas incumpridas en anteriores anos.
O BNG quere contribuír deste xeito á mellora do Orzamento Municipal de 2010 cunha relación de propostas para seren incluídas no referido documento. Moitas delas non son propostas estrictamente económicas, senón que responden máis á vontade política de levar adiante unha serie de melloras para as cidadás e cidadáns do concello. Por iso, pensamos que deben ser contempladas no Orzamento Municipal de 2010, aínda que sexa con partidas simbólicas como o compromiso escrito e aprobado en pleno de levar adiante este ano unha chea de actuacións que de seguro mellorarán os servizos, os investimentos e outras administracións no concello, e, polo tanto, tamén han mellorar, sen dúbida, a calidade de vida das cidadás e dos cidadáns de Oleiros.
Estes 21 puntos que o BNG apresentou hoxe polo Rexistro Municipal son de maneira resumida os que a seguir enumeramos:
OBRAS
1. Restauración e ampliación do Museo dos Oleiros.
2. Reparación da polideportiva do CEIP “A Rabadeira”, pois esta é a polideportiva máis antiga do concello e precisa dunha grande reforma.
3. Mellora da iluminación nos núcleos úrbanos substituíndo aqueles pontos que xeran contaminación lumínica.
4. Correcta sinalización do aparcadoiro de Canide e eliminación de barreiras arquitectónicas para persoas con discapacidade, nomeadamente nos pasos a peóns.
5. Construción de beirarrúas na Corredoira das Viñas, que une a Avenida Che Guevara á altura de Santa Cristina coa rúa Xosé Neira Vilas na Canteira de Perillo, ao estar esta sen beirarrúa e con escasa iluminación, cunha calzada estreita que fai perigar a integridade das persoas nun tramo altamente denso en tránsito.
6. Reparación inmediata da rúa dos Pozos en Montrove dado o estado de deterioro desta.
7. Construción dun valado de protección nas pozas do antigo acceso á ría do Burgo na urbanización do Seixo como o colocado nas furnas do monumento natural da costa de Dexo, e colocacións duns letreiros de advertencia na citada zona para previr posíbeis accidentes.
8. Ampliación do aparcadoiro da piscina de Oleiros e protección para que os coches non caian.
9. Creación dun tanatorio municipal por non contar o concello cun tanatorio nin público nin privado.
10. Melloras para a parroquia de Nós incluíndo demandas que van desde a realización de melloras na vía pública, a mellora dos rexistros de pluviais na baixada da Urbanización Xardín de Nós á estrada AC221 (Salvador Allende), e conexión da rúa León Felipe coa rúa dos Cabaleiros.
RADIO OLEIROS
11. Compra de emisora móbil en Radio Oleiros para facer posíbel a retransmisión de actividades e actos en directo.
FINANCIAMENTO
12. Financiamento para a xestión do Centro de Día nas Galeras de carácter público, prevendo na partida orzamentaria o 30% do gasto correspondente ao Concello.
DEPORTES
13. Redacción por parte do Departamento de Deportes do Plano Director de Infraestruturas Deportivas.
TURISMO
14. Dispor terreo para a creación dun aparcamento de autocaravanas e dispor tamén terreo para a instalación dun albergue público municipal.
EDUCACIÓN
15. Dispor terreos para a construción dunha galescola en Nós.
16. Terreo ou inmóbel para se situar unha futura Escola Oficial de Idiomas.
CULTURA
17. Creación de locais de ensaio para grupos de música. Estes locais deberán estar adaptados canto á insonorización e que contén con ligazóns para o material técnico.
MANTEMENTO
18. Malia se ter iniciado xa o proceso de expropriación dos terreos na zona de Naval, este feito non exime o goberno local de adecentar e limpar o contorno da zona, cumprindo coas ordenanzas de limpeza, designando unha partida orzamentaria para tal fin.
OUTRAS INICIATIVAS
19. Sistema de aluguer de bicicletas con puntos de intercambio nas principais localidades do concello de Oleiros.
20. Acceso público á internet vía wi-fi.
21. Conxelación salarial dos cargos políticos (goberno e oposición) e das súas correspondentes asistencias cando as tiveren.
20 Xaneiro, 2010
Sen clasificar
Non hai comentarios
Os usuarios e usuarias das piscinas municipais de Oleiros non son responsábeis das causas polas que as referidas piscinas se atoparon pechadas a consecuencia da folga, ou, no caso da Canteira, por causa tamén do temporal. Debido a estes peches é polo que o goberno local, en aplicación do convenio, debe exixir á empresa concesionaria (Sidecu) unha indemnización polo tempo que as piscinas teñen realizado os seus peches, e debe realizarse a conseguinte devolución dos cartos aos usuarios e usuarias das piscinas municipais polos días en que se atoparon pechadas ben pola folga ou, como no caso da piscina da Canteira, polas consecuencias do temporal.
Non serve de xustificación alegar para as persoas usuarias da piscina da Canteira que existen máis piscinas desta empresa ás que estas persoas poden acudir, pois estas persoas escolleron esa piscina e non outra por causa da proximidade e da facilidade de combinaren os horarios en función das súas actividades laborais e familiares. Por ese motivo as solucións expostas polo goberno local e a empresa concesionaria non son as máis satisfactorias. O acontecido respeito da Escola de Música e respeito das piscinas municipais coas empresas concesionarias obriga a revisar para o futuro os pregos de condicións para todas aquelas xestións de servizos públicos que se saquen nun concurso, pois na práctica o goberno local e os usuarios e usuarias están sempre condicionados polas empresas privadas, que priorizan os seus intereses privados e económicos por diante do servizo público que deben oferecer á cidadanía. E o goberno local, por vacíos legais e por conivencia con estas empresas, non exerce activamente o seu papel de exixir o servizo nas mellores condicións e as conseguintes reparacións para co usuariado no caso de non cumprir a empresa correspondente debidamente con esta obriga.
A día de hoxe ningún usuario ou usuaria das piscinas recibiu devolución de cartos polos servizos non prestados nin o goberno indemnización polo incumprimento do contrato, o que deixa claro a precariedade na prestación dos servizos públicos por parte das empresas que xestionan estes servizos en Oleiros.
11 Xaneiro, 2010
Sen clasificar
Non hai comentarios

Os cidadáns e cidadás soportan a incompetencia dos responsábeis políticos
Mentres o goberno local e o Partido Popular pelexan a respeito da cesión e asunción de gastos dos centros de saúde, quen sae prexudicada é a cidadanía de Oleiros, que non é responsábel en ningún caso da incompetencia dos responsábeis políticos. Mais os cidadáns e cidadás teñen que padecer día a día as liortas entre Alternativa dos Veciños e Partido Popular mentres que os problemas seguen sen resolverse.
A día de hoxe a situación nos centros de saúde de Oleiros é lamentábel. O goberno local di que desde o pasado 31 de decembro non asume os gastos de mantemento destes centros e o Sergas di que non lle entregaron a documentación necesaria para asumir dito mantemento.
Isto tradúcese, entre outras cousas, por exemplo, en que no Centro de Saúde de Santa Cruz a empresa dos elevadores ten intención de desconectalos porque ninguén se fai cargo do pagamento deste servizo, e desde esta empresa xa comunicaron que non se farán responsábeis por calquera accidente que poida ocorrer. Tal situación reflecte a precariedade e a inseguridade coa que se enfrontan neste centro de saúde, e que afecta as persoas usuarias do centro e o cadro de persoal deste, por non indicar outros asuntos e gastos de mantemento dos que nin o goberno local nin o Sergas se fan responsábeis. A irresponsabilidade é por tanto manifesta en ambos os casos e inmerecida por parte da cidadanía, que paga os seus impostos por uns servizos dos cales tanto o PP na Xunta de Galiza como a Alternativa á fronte do goberno local non se responsabilizan. Neste momento calquera accidente ou problema derivado da falta de responsabilidade para afrontar os gastos de mantemento do Centro de Saúde de Santa Cruz está a ser remitida a Santiago de Compostela, desde onde en teoría se deben ocupar do tema, aínda que non fagan nada ao respecto, xogando coa saúde da cidadanía e obviando as súas obrigas para con esta.
No centro de saúde de Perillo están aínda nunha peor situación pois acaban de quedar sen calefacción ao se lles esgotar o gasoil en pleno inverno e non ter quen corra cos gastos de mantemento porque nin o goberno local nin a Xunta se fan responsábeis. Neste caso, a xerencia só procederá a enviar 14 radiadores, o cal máis que unha verdadeira solución ao problema é un parche, ademais de que non se sabe cando se levará a cabo este medida, mantendo unha situación lamentábel especialmente nun inverno tan frío como este.
Respeito da cesión do Centro de Saúde de Santa Cruz a segregación da parte da pista polideportiva para acceder aos terreos é un trámite sinxelo que o goberno local non foi quen de facer en tempo e que non pode servir de escusa para a cesión dese centro de saúde, xa que esa segregación apesar da incompetencia do goberno local podería ser feita a posteriori, polo que as escusas duns e doutros semellan máis unha liorta política interesada que non a vontade de resolver os problemas dos cidadáns e cidadás de Oleiros.
O BNG de Oleiros quere facer un chamamento á responsabilidade de ambas as partes, do goberno local e do goberno da Xunta, lembrando que ambos deben velar pola saúde dos cidadáns e cidadás, así como pola súa seguridade nestes centros, e que a saúde e a seguridade da cidadanía non pode ser elemento de xogo político, senón un dereito. Así que, por favor, póñanse de acordo e garantan os gastos de mantemento dos Centros de Saúde en Oleiros e resolvan todo aquilo que teñen que resolver. Póñanse de acordo porque coa saúde da xente non se debe xogar.
7 Xaneiro, 2010
Sen clasificar
Non hai comentarios
A localidade de Santa Cristina, na parroquia de Perillo, é unha das grandes esquecidas polos investimentos do Concello de Oleiros ao longo dos anos. A localidade de Santa Cristina concentra un grande número de locais de hostalaría que precisan, especialmente en momentos de crise, dun impulso orzamentario na zona para fomentar e promover de novo esta localidade como un referente hostaleiro e turístico de cualidade tanto na comarca como no conxunto de Galiza.
As rúas e beirarrúas atópanse nun lamentábel estado, a iluminación é moi deficiente, dando unha imaxe de penumbra a partir das primeiras horas da tarde. O paseo marítimo precisa dunha urxente remodelación e non somente de parches ou remendos. Os negocios da zona precisan de campañas de promoción que atraian o maior número de visitantes. Ademais precísase dun plan de intervención global na zona que transmita profesionalidade e cualidade.
Logo de varios anos de constatar o fracaso do plan de aparcamentos públicos promovidos polo goberno e que teñen un baixo nível de uso. Por outra banda, é necesaria a redacción dun proxecto integral de promoción da zona realizado por profesionais que converta Santa Cristina no grande bulevar da comarca coruñesa coa promoción de actividades náuticas vinculadas á praia e á ría, ademais dalgún paso peonil que comunique a zona coa outra beira da ría no concello da Coruña.
5 Xaneiro, 2010
Sen clasificar
Non hai comentarios
A pesar de que Ignacio Santos, o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, visitou hai un mes Oleiros para impartir unha charla no Castelo de Santa Cruz, o responsábel desta sociedade anónima de xestión do Xacobeo desaproveita a oportunidade para anunciar a celebración dun grande concerto en Santa Cristina tale como se realizara nos anteriores xacobeos cos concertos máis multitudinarios da historia de Galiza. Mike Oldfield, Luar na Lubre e The Corrs, por unha banda, e Carlinhos Brown e Orishas pola outra, congregaron na praia de Santa Cristina máis de 100.000 persoas en cada un dos concertos, cifra nunca igualada canto a asistencia de público nin sequera nos concertos organizados no Monte do Gozo.
Oleiros e o conxunto da comarca, así como a hostelaría e a promoción turística en xeral de todo o contorno, saen claramente prexudicados por unha decisión política sobre un acto con sobrada garantía de éxito a xulgar polos eventos organizados para este fin con anterioridade. Mentres tanto, o parlamentario e portavoz do PP de Oleiros garda silencio sobre o maltrato institucional por parte do goberno da Xunta ao noso concello, negándose a construír outra galescola, co anuncio de privatización do novo centro de día, coa negativa a esponsorizar a ciclista oleirense Eva Castro, non mellorando os accesos dos veciños/as dos Tornos á Vía Ártabra, a falta de compromiso coa gratuidade no que respeita aos Centros de Saúde, a negativa a construír unha polideportiva no IES Xosé Neira Vilas, a falta dun centro de ensino primario en Nós, ou co recorte orzamentario a institucións como o CEIDA.
Sen dúbida, este ano os Reis Magos no que afecta as políticas do goberno da Xunta deixan Oleiros de lado.
4 Xaneiro, 2010
Sen clasificar
Non hai comentarios
O BNG de Oleiros inciará a vindeira semana unha campaña para exixir a xestion pública do novo Centro de Día das Galeras contruído polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que conta cunha capacidade para 80 usuarios/as, capacidade que é unha das máis altas de Galiza.
Diante da pretensión do goberno do Partido Popular de privatizar a xestión de 14 novos centros de día que deberan entrar en funcionamento este ano e entre os cales se atopa o de Oleiros, o BNG realizará en Oleiros unha campaña de recollida de sinaturas e a realización de charlas informativas para que se manteña o carácter público dos servizos sociais, e para que non se utilicen estes como unha mera beneficiencia ou servizos con ánimo de lucro para empresas privadas ou fundacións, como o caso da Fundación San Rosendo liderada polo condenado crego Moure, que foi sentenciado por ter estafado propriedades de vellos que recibían asistencia nos seus centros.
O Centro de Día de Oleiros foi construído en terrreos públicos municipais e financiado con cartos do Concello e da Xunta de Galiza, e no seu convenio figura o compromiso de xestión pública do mesmo e non a externalización de servizos por conta de empresas privadas. Por iso, no BNG de Oleiros defenderemos que a xestión do futuro centro das Galeras sexa realizada conforme ao convenio asinado entre o alcalde de Oleiros e o ex vicepresidente da Xunta, ademais de defendermos que os servizos sociais no seu conxunto teñan ao igual que a sanidade carácter público universal.
O proxecto do Centro de Día de Oleiros foi realizado polo arquitecto Plácido Lizancos Mora, e o custe de execución deste aproxímase ao 1.500.000 €. A xestión prevista no convenio asinado entre o alcalde e a Vicepresidencia do anterior goberno obriga a confinanciación da xestión entre o Concello, o Consorcio e os usuarios/as cuns prezos públicos en función de porcentaxes da pensión líquida dos mesmos e nunca explotando os usuarios/as nin as súas familias.